A saúde do BNG no Baixo Miño

Laureano BNG

Na xeira que iniciabamos no mes de marzo para coñecermos o estado de saúde do nacionalismo galego, comarca a comarca e localidade a localidade , toca desta volta achegarse polas terras do Baixo Miño. Nesta comarca o nacionalismo ten unha situación moi boa, de feito nas eleccións municipais do 2019 foi a primeira forza tanto en número de votos como en número de actas acadadas. Nós falamos con Laureano, o seu responsable comarcal. El é un militante de A Guarda que reivindica con moito énfase que a boa situación actual é froito do traballo colectivo de innumerables homes e mulleres que deron e dan o mellor de si mesmos sen pedir nada a cambio. Asemade amósase moi ilusionado en que á progresión ascendente do nacionalismo nesa comarca aínda lle queda un longo camiño para percorrer

Laureano Muíños responsable comarcal

O mellor que ten o BNG é a súa militancia. O traballo inxente e xeneroso, sempre a cambio de nada, dos compañeiros e compañeiras da nosa comarca logrou emocionarme en moitas ocasións”

Canto tempo levas militando no BNG?

Non cho podo dicir con exactitude pero máis de 20 anos seguro

Lembras por que comezaches?

Sempre, desde adolescente, tiven simpatías polo nacionalismo galego. Despois dunhas eleccións que non saíran todo o ben que agardaba dei o paso de ser militante. Comecei en Compostela

Cando asumiches a responsabilidade comarcal?

No ano 2016. Antes fun responsable de organización.

A túa responsabilidade ten máis momentos gratos ou ingratos?

O BNG ten unha particularidade que a diferencia de todas as demais organizacións sociais e políticas do noso país : está formado por un corpus de militantes non de afiliados e afiliadas, senón de militantes, cun profundo compromiso cos valores que defende. E eu son un máis. No posto no que as distintas conxunturas políticas me sitúen eu sempre serei un militante implicado e comprometido. E cando existe un elevado nivel de compromiso os momentos ingratos pesan moito menos.

Cal é o estado xeral da saúde do BNG no Baixo Miño?

A nivel nacional o estado de saúde do bloque é moi bo tanto polos resultados electorais como polo crecemento organizativo que estamos a ter. A situación da nosa comarca é un reflexo do que está a pasar en todo o país.

Tamén no que atinxe á mocidade?

Tanto é así que merecen unha mención especial. Galiza Nova no Baixo Miño medra en todos os sentidos de maneira continua e a min fanme sentir enormemente orgulloso. Hai esperanza no futuro, estou seguro.

Esa situación xeral que describes non se dá en todas as comarcas, porén na vosa é especialmente boa .Por que?

De feito nas municipais somos a 1º forza política tanto en número de votos como de concelleiros. Non é fácil responder a cales son os motivos. Só che podo dicir que o compromiso dos compañeiros e compañeiras, o seu nivel de implicación, o volume inmenso de traballo que desenvolven, sempre a cambio de nada, é tan grande que houbo momentos en que teño chorado coa emoción.

Ben, imos comezar a análise da situación de todas as localidades.

Tui

Levo máis de 25 anos analizando a actualidade política do país galego e poucas veces coincidín con ninguén tan brillante como Carme, a vosa voceira nesta localidade?

Eu coincido claro. Carme é unha política sobresaínte, unha profesional soberbia e un ser humano magnífico. O seu compañeiro na corporación,Tato, tamén é un tipo máis que notable. A verdade o equipo que temos en Tui é unha pasada

Dicíame Carme que todo o BNG de Tui está moi ilusionado, e que o seu obxectivo é gobernar. Ti iso velo verosímil?

É un obxectivo ambicioso pero é verosímil si. Toda a comarca está a tope para que máis cedo que tarde poidámolo facer realidade. En Tui é onde máis crecemos en militancia, toda ela está a facer un traballo ímprobo e sei que acabará dando resultados. E o que é máis importante, o BNG ten un proxecto para Tui, un proxecto de vila marabillosa,como xa amosamos en tantas outras, que temos a firme vontade de facelo realidade

O paso do tempo que permite ver as cousas con maior frialdade fai que as decisións de entrares no primeiro goberno de Enrique cabaleiro e de non facelo no segundo as consideres correctas?, ou agora cambiarías algo?

Cando entramos no goberno foi unha decisión en conxunto da militancia de Tui, que eu avalo claro que si. De feito nas áreas que levamos e no tempo que estivemos fixemos un traballo moi importante. No caso do segundo mandato o PSOE non nos necesitou para ter a maioría absoluta , é dicir que non foi unha decisión que tomase o bloque.

Para o PSOE de Tui con vós non é posible dialogar?

Se o diálogo consiste en comunicar decisións sobre as que non dan opción algunha a debater, non se pode, claro que non. Agora ben, se se trata de buscar o consenso na procura do mellor para Tui, quen coñeza a Carme ou a Tato sabe que iso é radicalmente falso.

Vai repetir Carme como candidata nas eleccións do 2023?

Eu xa che dixen antes o que pensaba dela, pero a decisión dependerá da militancia de Tui desde logo.

Oia

Esta é a localidade na que tendes unha presenza máis pequena. Só un concelleiro. Por que?

Supoño que será por unha suma de razóns diferentes. Non creo que se poida atribuír a un motivo concreto. Imaxino que a súa historia política, a súa estrutura consistente en moitos pequenos núcleos espallados nos que é moi difícil facer traballo político, pois fai falta moita xente para poder facelo, e outras razóns diversas incidiran

Creo que o actual voceiro, o amigo Xuster, pouco menos que ten o don da ubicuidade?

A min déixame abraiado a súa capacidade de traballo. Está en todas as partes recollendo información de todos os problemas existentes e procurando solucións rápidas e dilixentes. Unha actitude diametralmente oposta á do actual goberno municipal. De feito os problemas máis importantes que ten Oia están chegando ao parlamento galego polas iniciativas do BNG

Como valoras a xestión do goberno de Cristina Correa?

Opaca e raiando o despótico. Non escoita nin á oposición nin á veciñanza

Acabará habendo eólicos na Serra da Groba?

Imos facer todo o posible para que non os haxa

Que expectativas realistas tendes para as eleccións do 2023?

Medrar significativamente

A Guarda

Nesta vila quedastes a moi pouca distancia do PSOE, algo máis de 80 votos. Inicialmente entrastes con eles no goberno e logo, despois de distintos episodios de tensión saístes. Por que entrastes e por que saístes?

A aritmética electoral deixou un escenario no que o sensato éra un co goberno entre o PSOE e o BNG. E nós así o fixemos coa mellor intención de cumprir un pacto de goberno que fose favorable para A Guarda. Pero lamentablemente a experiencia de goberno fíxonos constatar que o PSOE non estaba disposto a permitir un co goberno real e non cumpriron co pacto que asinamos.

Pero non houbo maneira de reconducir a situación?

Para o BNG estar nun goberno non é un fin en si mesmo,é un medio para transformar a realidade. Se a conxuntura fai que teñamos un socio que incumpre o pactado, non é oportuno seguir compartindo camiño.

Unha decisión tan difícil como esa deixou algún tipo de pouso na militancia nacionalista da Guarda?

A decisión de abandonar o goberno foi absolutamente correcta e o estado de saúde da militancia nesa vila, magnífico, amosa que non tivo consecuencias negativas nas compañeiras e compañeiros desa localidade

Na Guarda teremos que dicir algo de Camposancos, Entidade Local Menor, gobernada por vós?

É que se non mo preguntaras xa cho ía espetar eu ha ha ha ha. En Camposancos o traballo de Mercedes Martínez e de todo o seu equipo é máis que brillante. Estamos moi orgullosos no bng do que están a facer. Considero que a veciñanza da entidade local así deixará ver nas vindeiras eleccións.

Nas eleccións do 2023 non é previsible ningunha maioría absoluta. Se quedades por diante do PSOE ides intentar formar un co goberno con eles?

O BNG na Guarda é a auténtica alternativa de goberno.

Xa, pero..?

Se o BNG ten posibilidade de gobernar a Guarda estudariamos todas as hipóteses posibles calquera que sexa a situación aritmética que resulte do próximo proceso electoral.

E se o PSOE queda por diante vosa?

En calquera caso estudariamos todas as hipóteses posibles.

Vai repetir Anxo Baz como candidato do BNG?

Dígoche o mesmo ca no caso de Tui. Esas decisións tómaas a militancia de cada localidade

O Rosal

No 2019 acadastes esta alcaldía , histórica do PP, cun resultado espectacular ; o 46,98% dos votos. Esperábalo?

Esperaba un resultado moi bo, se cadra no tan rotundo como foi. Pero no traballo político que viñamos facendo polos camiños do Rosal xa se percibía que a xente quería cambio e que o BNG ía ser o protagonista dese cambio

Non foi un resultado que saíse da nada claro?

Non, abofé que non. Foi un resultado que xorde do inxente traballo político dos e das militantes. Non só de agora senón de moitos anos atrás.

Naquela noite electoral histórica acordácheste de alguén especial?

De moitos e de moitas: Alberte Alonso, Carlos Villanueva, Noemí……..Como che dixen aquel resultado xorde dun traballo de moi longo percorrido.

Faime unha valoración destes 3 primeiros anos na alcaldía?

O cambio que o Rosal precisaba estase a pór en marca. E esta nova época para esta localidade xa non ten marcha atrás. Baixando ao terreo do concreto se tivera que salientar algo sería a grande implicación que ten este goberno co tecido asociativo local. Escoita sempre á veciñanza para todo.

Non tes medo de que a remodelación da praza do Calvario provoque malestar na veciñanza desa zona e o poida afectar aos vosos resultados electorais?

Todo cambio tan relevante como ese provoca certo malestar inicialmente, pero se tomamos como modelo outras experiencias anteriores nas vilas BNG vemos como o resultado final acaba por entusiasmar e por beneficiar a quen alí reside. Desde o máximo respecto a quen no momento presente poida sentirse molesto eu pediría un pouco de paciencia. Os principais beneficiados desa reforma van ser os seus veciños. Estou seguro diso.

Ánxela vai ser, como Sandra, alcaldesa ata que ela queira?

Ánxela ten un perfil propio diferente a Sandra, pero é unha alcaldesa de moi longo percorrido, si.

Tomiño

Non resulta fácil dicir nada de Sandra que non se dixera xa. Son 15 anos na alcaldía non?

Si, Sandra é alcaldesa desde o 2007 no que tivo que facer un pacto de goberno con outras forzas para poder ser elixida alcaldesa. E desde aquela xa son tres maiorías absolutas en continua progresión con 9, 10 e 11 actas acadadas nos 3 últimos procesos electorais.

Cal é o motivo desas maiorías absolutas?

Sandra é unha muller brillante, como di ela sempre o traballo en equipo absolutamente compacto é un sinal de identidade do BNG de Tomiño, e só hai que darse unha volta por Tomiño para ver como está. Creo que esa é a mellor resposta posible á túa pregunta

E chegamos á pregunta máis difícil de toda esta conversa: Por que motivo ese enorme caudal de confianza que o BNG recibe nas municipais de Tomiño non se pode trasladar a outros procesos electorais?

A min, que son nacionalista desde sempre, encantaríame coñecer a resposta exacta a esa pregunta e non só para Tomiño, senón para moitas outras localidades como Pontevedra, Bueu….. pero por desgraza non teño a chave concreta que o poida explicar

Haberá que recorrer ao tópico..

Ha ha ha, pois vale: son procesos electorais distintos. En calquera caso o BNG é unha organización con 40 anos de historia, con milleiros de militantes que deron e dan o mellor de si mesmos para podermos vivir nunha Galiza mellor, e haberá que seguir facendo camiño para que a nosa forma de entender a realidade poida conquistar moitos máis corazóns

Na militancia do BNG de Tomiño, despois de tantos anos no goberno, non se xerou unha situación de certa relaxación que poida producir unha desconexión coa realidade social?

De ningún modo. A militancia do BNG en Tomiño está máis viva ca nunca.

Sandra vai ser alcaldesa ata que ela queira( é unha opinión persoal).Temos equipo para afrontar o relevo para cando chegue o momento?

Xa che dixen antes que para Sandra o traballo conxunto nun equipo no que todas e todos estean nunha situación de comodidade é esencial. Si, temos equipo de abondo. Aínda que agardo que Sandra siga sendo moitos anos máis alcaldesa desa vila que exemplo en todo o pais galego.