Rematamos o ano no Baixo Miño conversando coa voceira do PSOE na Guarda Fátima Rodríguez. Fátima amósase moi crítica coa xestión deste goberno de coalición dun alcalde do PP, que se fai fotos cariñosas con Santiago Abascal, cun concelleiro supostamente comunista. Amosouse tamén especialmente ilusionada en que o seu traballo de oposición poida chegar ao corazón da maioría social do pobo da Guarda e poder recuperar o goberno nas vindeiras eleccións municipais de maio do 2027.Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“ O goberno da Guarda está paralizado, é incapaz e ten moi poucas gañas de traballar”
Xa estamos case en ano preelectoral. Cal é a valoración política do teu grupo municipal de como se está desenvolvendo este mandato?.
Valorámolo moi negativamente. O actual goberno de A Guarda , un goberno de coalición entre o PP e o señor Fariñas, é un goberno paralizado, incapaz, con moi poucas gañas de traballar e cun importante toque e caciquismo.
Dirías que é un exemplo dos gobernos nepotistas da dereita de toda a vida?
Si, si que o é. O nepotismo está no ADN da dereita e por desgraza a dereita guardesa amosa, coa súa forma de practicar a política, que non é ningunha excepción. En calquera administración decente os cartos públicos deben de ser administrados de maneira ecuánime en busca do ben común. Non se pode tratar de maneira diferente a persoas e colectivos en función de se son identificados como amigos ou como non amigos. Desde logo que o PSdeG de A Guarda se compromete , se a maioría social guardesa nos distingue coa súa confianza, a administrar de forma moi diferente ao actual goberno: A xustiza social, a equidade e a transparencia deben de estar sempre por riba do interese partidista.
Pouco despois de chegar á alcaldía Roberto Carrero acusou ao anterior goberno do PSdeG de deixar as finanzas do Concello nun estado lamentable. O paso do tempo amosou que esa acusación era falsa ou certa?
O tempo amosou que esa era unha mentira estratosférica. Nós deixamos o goberno no 2023.A conta xeral dese ano demostra que a finais de decembro do 23 había máis de 3 millóns de€ de saldo bancario. Os datos matan o relato, sobre todo un relato tan falso como ese.
Onde quedaron os famosos vídeos de Carrero, cando era oposición, nos que denunciaba o suposto estado lamentable da Guarda?
Quedaron no mesmo sitio que todas as súas promesas: No mundo da propaganda. Para calquera observador imparcial é máis que evidente que A Guarda está infinitamente peor agora que na etapa do goberno socialista.
O goberno vai como un polo sen cabeza: en función das denuncias recibidas sobre o mal estado de calquera lugar pois trata de arranxar, pero carece de previsión e dun plan de actuación regular nas rúas e nos camiños do noso Concello.
Nalgunha conversa anterior, que temos tido ti e eu, manifestárasme que este goberno carece de modelo de vila, por conseguinte tampouco ten nin plans nin deseños de traballo, e que se limita a ir xestionando o día a día como pode. Segues pensando o mesmo?
Si, por desgraza, sigo pensando o mesmo. Este goberno non sabe a onde vai e por conseguinte carece de camiño marcado. O único proxecto propio que levaron a cabo foi pórlle piche a Fínola. Todos os demais son proxectos socialistas herdados.
A subvención de arredor de 1,5 millóns de € para a reforma da piscina pode perderse?
Agardo que non, pero si, si que pode perderse. E se se perde só é por desleixo e incapacidade do equipo de goberno. O período de xustificación remata en marzo do 26.É unha obra de 9-10 meses e a día de hoxe, 15 de decembro, non sei se comezaron, pero se o fixeron foi desde hai moi pouco tempo. Os socialistas de A Guarda estamos traballando co delegado do goberno, Abel Losada, para que concedan unha prórroga ao noso Concello. Como antes mencionei: para nós o ben común está por riba do interese partidista.
A subvención quen a conseguira?
O goberno socialista.
Sobre a conexión por transbordador con Caminha este goberno fixo algo?
Non me consta. Non parece que este asunto lle preocupe moito ao noso alcalde.
En relación á saída sur?
A resposta é a mesma que a anterior: Nin está nin se lle espera. Temo que estas dúas cuestións esenciais para o noso Concello non están entre as prioridades do actual goberno.
Sobre a transparencia so goberno que nos dis?
O goberno só nos dá información cando lla pedimos. Nunca contan con nós para consensuar nada, e nunca nos piden opinión para nada.
A semana pasada tirastes unha nota de prensa na que faciades mención a catro iniciativas vosas que foron aprobadas por unanimidade. Houbo dúas nas que o voto favorable do PP me chamou especialmente a atención:1) Sobre cuestión do transporte : Ves posible que o voto favorable do PP pase do plano puramente teórico?
A min tamén me sorprendeu o seu voto favorable. Normalmente votan en contra das nosas mocións. E en efecto vexo difícil que o seu voto favorable teña algunha consecuencia no plano da realidade, pero un acordo plenario unánime que pida a mellora do transporte na nosa comarca é moi importante.
2) Sobre as subvencións: Paréceme asombroso que sexa necesario votar en pleno que as subvencións municipais se convoquen no primeiro semestre do ano. Como é posible convocalas máis tarde?
É posible porque este goberno, como antes mencionei, é un goberno paralizado, incapaz e con moi poucas gañas de traballar. E ademais de ser posible é terrible. Hai moitos colectivos moi importantes para o noso pobo que dependen das subvencións do Concello para poder traballar. En que cabeza cabe convocar as subvencións do 25 a finais do 25¡¡
Que pulsión notas nas rúas de A Guarda sobre a valoración política deste goberno?
Estou convencida de que a dereita vai perder o goberno . O que vexo pola rúa é que a maioría da xente está cansa do desleixo, da incapacidade e do nepotismo de este alcalde e do seu equipo. As e os socialistas de A Guarda traballamos con moita ilusión, e tamén con moita humildade, para recuperar a confianza da maioría social do noso pobo. Estou segura de que un goberno progresista liderado polo PSdeG é a mellor alternativa posible para o futuro de A Guarda.
Fátima; como muller como feminista e como socialista consideras que a executiva do PSdeG reaccionou de maneira adecuada cando se coñeceron os presuntos actos de acoso sexual do presidente da Deputación de Lugo?
Eu como muller, como feminista e como militante socialista reclamo a todos os partidos, especialmente ao meu partido, a máxima contundencia e dilixencia contra o acoso sexual e contra calquera forma de machismo, teña o custe político que teña e caia quen caia. Neste caso concreto polo que me preguntas agardaba que a reacción da executiva do meu partido fose máis rápida do que o foi.
