Ao meu xuízo só hai unha posibilidade de que o sistema non estoupe nunha espiral de guerras e conflitos que poñan en serio perigo a supervivencia da especie humana, conflitos que baixo a escusa da “ democracia” o que pretenden en realidade é controlar as cada máis máis escasas fontes de enerxía e materias primas do planeta, e é que o ser humano sexa capaz de construír sociedades baseadas na cooperación entre iguais. Estou seguro de que ou somos capaces de facelo, ou a nosa especie desaparecerá máis cedo que tarde. O mellor exemplo de que a cooperación é moito máis eficaz e infinitamente máis xusta que a competición é o funcionamento das Comunidades de Montes galegas. Neste tipo de comunidades todo é de todos, e todo se xestiona para todos en igualdade . Unha destas comunidades polas que teño especial debilidade é a de Salcidos na Guarda. Están a piques de celebrar a III edición da súa festa do parque do monte Torroso, e nós alá fomos para conversar con parte da súa xunta directiva.

Antonio, presidente, Lorenzo, vicepresidente ,e Benito, secretario

Estamos traballando nas explanadas que tiñamos. Estamos preparándoas e facendo un muro de pedra, un traballo que está realizando unha empresa local. Para estas actuacións contamos cun orzamento de 20.000 euros, aprobado pola asemblea.

Estamos facendo dúas explanadas que poderán utilizarse como aparcadoiro, para almacenamento de madeira, pólas ou para outras actividades que se poidan desenvolver alí. Estamos continuando tamén cos traballos das escavacións arqueolóxicas que comezaron o ano pasado. Agora estamos na segunda fase das actuacións no Pico da Bandeira. Alí hai unha construción moi grande, unha estrutura importante dun Castro Celta. Os traballos de limpeza están deixando á vista unha superficie de case tres hectáreas. É un proxecto que queremos continuar e no que estamos moi interesados.

Ademais, levamos investidos arredor de 40.000 euros na limpeza total do monte. Queda aínda algún pequeno espazo no que eliminar silvas, xestas e algún foco de acacias.

Si. Entendemos que por mor dunha mala xestión da anterior presidencia, esa zona quedara completamente abandonada e chea de acacias

Pola outra banda temos propiedades particulares que tamén están moi deixadas, con moitos eucaliptos e acacias. Agora tivemos que mercar, aquí diante da casa da comunidade, varios anacos de propiedades privadas. Cortamos e eliminamos todos os eucaliptos e as acacias e, precisamente nestes días, o presidente e os vicepresidentes estivemos eliminando os rebentos que están volvendo nacer.

A intención é manter o monte limpo e coidado. Ademais, desde aquí temos unha vista fermosa cara ao río Miño, Portugal e a parroquia de Salcidos, polo que tamén queremos salientar ese espazo.

Esta será a terceira edición que facemos, aínda que, en realidade, sería a segunda edición propiamente dita. A primeira foi a inauguración do parque. Foi no 24 e choveu moitísimo, iso recordámolo ben.

A primeira edición aberta tivo tanto éxito que propuxemos na asemblea continuar. O ano pasado xa tivemos moito máis éxito. Montamos unha carpa e fixemos o primeiro concurso de escultura en pedra, no que participaron oito escultores e canteiros, dos mellores de Galicia.

Entregáronse tres premios e as tres obras quedaron en propiedade da comunidade, tal e como establecían as bases. Hoxe están expostas no parque.

Tamén houbo unha talla en madeira realizada no propio espazo, aproveitando un piñeiro que había xunto á fonte de auga potable. A escultura representaba unha muller co balde na cabeza, como ían antigamente as mulleres á fonte cando non había traídas nin auga corrente nas casas.

Si. Houbo comida, actuacións musicais e moita xente. Tamén tivemos porco asado ao espeto, grazas á xenerosidade dun dos nosos comuneiros. O ano pasado foi un éxito enorme. Á tarde xa non quedaba nada porque estaba realmente bo. Calculamos que nos dous días pasaron arredor de mil persoas.

Se o tempo acompaña, esperamos ter unha asistencia moi importante. Máis de mil persoas xa é difícil de superar, pero esperamos que volva ser un éxito.

Será o sábado 3 e o domingo 4 de outubro. O sábado, a partir das dez da mañá e durante todo o día, celebrarase o segundo concurso de escultura en pedra. Participarán dez dos mellores escultores de Galicia. Ás oito da tarde será a entrega dos premios, unha vez que delibere o xurado.

O domingo haberá unha talla en madeira con motoserra polo polifacético artista Marcos Escudero, que fará unha peza en directo.

Si. O sábado actuará a banda de gaitas “Arume” de Malvas en Tui, formada por arredor de corenta compoñentes. É unha banda con proxección internacional e moi solicitada en Portugal, Francia e outros países.

A partir das oito da tarde actuará tamén un grupo local, “QuédeQué”, liderado por Roberto Caco, un músico profesional de longa traxectoria. Fará rock dos anos 70 e 80, polo que para os que xa temos unha idade será unha oportunidade para lembrar aqueles tempos.

Si, o sábado, durante todo o día haberá comida: zorza, callos, empanada, rosquillas, chocolate con churros, a famosa rosca de xema guardesa e outras cousas.

O domingo arrancaremos ás dez da mañá coa talla en madeira con motoserra, tamén haberá comida e bebida, e como prato estrela teremos porco ao espeto.

Pola mañá comezaremos coa talla en madeira con motoserra, a cargo de Marcos Escudero. É unha persoa á que lle temos especial aprecio e que o ano pasado conseguiu o terceiro premio no concurso de escultura en pedra, e debuxante tamén en A Nova Peneira.

Este ano vai facer unha talla con motoserra que, polo de agora, preferimos manter en segredo. Xa descubriremos o resultado durante a festa.

Pola tarde, a partir das seis, actuará o Trío Ulueto, coa voz de Toni Vicente, que xa estivo con nós o ano pasado e que é unha marabilla escoitar. E a partir das sete da tarde teremos un grupo de música folk Os Ventos do Miño de Guillarei formado por músicos de gran nivel, unha selección que tamén merece moito a pena ver.

O Concello da Guarda colabora con nós. Tamén este ano vai doar recordos que se entregarán aos gañadores do concurso, aos participantes, aos músicos e ás persoas e colectivos que colaboran coa Comunidade de Montes. O concello tamén pon a loxística como contedores, valados, mesas e todo o necesario para organizar a festa.

O primeiro premio 500€, o segundo clasificado 300€ e o terceiro clasificado 200€. Estes premios poñémolos a Comunidade de Montes.

Si, este ano espera poder asistir máis tempo.

Si. O ano pasado tivemos aquí persoas de Don Rosal, Tomiño, A Guarda e doutras comunidades de montes. É unha festa que vai máis alá da propia parroquia. A árbore coa que se fai facer a tala é doada pola Comunidade de Montes do Rosal, queremos agradecerllo e seguir facendo unión con outros pobos e parroquias.

Tamén queremos agradecer especialmente ás mozas comuneiras que colaboran na cantina, na venda de tíckets e en toda a organización. E, por suposto, aos comuneiros que se implican directamente no traballo da festa. Sen esa colaboración sería imposible facer todo isto.