O BNG é forza de oposición no Concello de A Guarda co mesmo número de asentos có partido socialista, e a moi poucos votos dos obtidos polo grupo de de goberno. Ambas forzas iniciaron o mandato nun goberno conxunto co noso protagonista de hoxe na tenencia da alcaldía. Porén, a existencia de serias diferenzas co PSOE á hora de concibir a necesaria remodelación da rúa Concepción Areal, que dá acceso ao porto da vila, provocaron a ruptura do goberno e o paso dos nacionalistas á oposición. Nós achegámonos ata a Guarda a conversar con Anxo
“Agardo que o goberno recapacite e aposte po transformar o centro da vila, de verdade, como propuxo o BNG”
Como valoras a situación política na Guarda nestes momentos Anxo?
Vivimos nunha situación complicada e máxime cando vemos que o goberno non trata de buscar políticas transformadoras, segue nunha política continuadora. Nestes momentos sufrimos unha baixada de poboación. E a responsabilidade en parte será da Xunta, pero tamén é deste goberno que leva máis de 12 anos traballando no concello.
Cales son as liñas políticas que estades desenvolvendo vós, como principal partido da oposición?
Hai un antes e un despois da aparición do Covid. O BNG nunca deixou de traballar e presentou unha batería de propostas ao goberno para intentar minimizar a situación que vivían as nosas empresas e os nosos veciños e veciñas.
Proposta de rebaixa na taxa do lixo, rebaixa nas futuras licenzas, abaratamento ou anulación das taxas de terrazas, tamén as de Portos de Galicia nas que o concello non ten competencias.
A Guarda tamén adheriuse ao proxecto AGORA da DEP malia ter o voto en contra do goberno. Agardo que recapaciten e aposten de verdade por transformar o centro da vila, como propuxo o BNG.
Cal foi a receptividade do goberno municipal sobre as vosas propostas?
Nun principio dicían que administrativamente non eran posibles levalas a cabo, pero en base a uns informes técnicos municipais constatouse que si e a finais de ano, a través do Oral da Deputación, vexe que a demanda na rebaixa do lixo si se podía facer. E a última hora a Guarda entrou nesa rebaixa.
A Guarda é un pobo que ten unha substancial dependencia do turismo. Como se presenta o verán para o BNG?
Este vai ser un verán con incerteza, vemos que mentres non haxa un número grande de persoas vacinadas, a cousa vai a estar complicada. Entendemos que a cidadanía está a facer todos os esforzos por ser respectuosos coas medidas que hai que tomar pero necesitamos esa vacinación masiva que nos encamiñe cara a certa normalidade.
E o goberno municipal está a facer todo o que pode para os sectores empresariais da Guarda directamente afectados por esta situación?
Creo que o goberno ven un pouco a remolque, coma sempre. Puxo en marcha unhas axudas para aqueles sectores afectados polo peche de xaneiro pero, pero despois de que estes sectores se mobilizaran na rúa.
Houbo unha reunión cos portavoces municipais para que fixeramos achegas, nós presentamos achegas pero non se moveu nada, xa o tiñan preparado e non moveron nada.
Sabemos que mellor esta axuda que nada, e así o fixemos saber, pero esperamos que haxa máis.
A polémica por Concepción Arenal está morta xa?
Concepción Areal, Brasilino Álvarez, Joaquín Alonso, Vicente Sobrino, Pacífico Rodríguez, D.Fontenla non variaron nada. Malia padecer unha pandemia brutal que evidencia máis aínda a necesidade de recuperar o espazo público para as persoas, nestas rúas segue mandando o coche e non hai liberdade e prioridade peonil para pasear tranquilamente, sempre hai que ir atento e mirando cara os lados por se ven algún vehículo. Hai unha circulación de coches moi numerosa en todas estas rúas.
Como está a saúde da agrupación local do BNG da Guarda?
Estamos traballando dentro das limitacións que nos trouxo esta pandemia, facendo reunións virtuais, intentamos chegar a todos os colectivos da vila, tivemos reunións sectoriais cos Espadeiros na que participaron tamén representantes do BNG nacional, reunímonos co deputado nacional Néstor Rego, tamén co sector da hostalería. En definitiva, os cinco concelleiros e concelleiras da Guarda estamos facendo un traballo de oposición, pero sempre cunha visión construtiva que é o que necesita a vila.
Para rematar Anxo, como te atopas animicamente, con ganas de ser o candidato a alcaldía nas vindeiras eleccións do 2023?
Iso terá que decidilo a asemblea do BNG. Creo que tanto eu coma o resto do equipo vémonos fortes e apoiados tanto pola asemblea coma pola cidadanía que é moi receptiva a falar con nós e a facernos partícipes das súas demandas. Despois de tres anos de demanda dos veciños para solicitar unha marquesiña para a Pasaxe e a mellora das sinalizacións duns pasos de peóns, vimos de conseguir que o goberno se comprometera con estas demandas hai uns días.