KOKI é un escritor de A Guarda que vive entre o seu Salcidos natal e a cidade de New York, á que emigrou sendo moi novo, e que que tivo unha importancia superlativa na conformación do seu substrato artístico e humano. Koki é correspondente e colaborador de A Nova Peneira, escritor de gran sensibilidade social, na liña de Celso Emilio ou Ferrín, e é sobre todo unha persoa encantadora coa que foi un pracer conversar.
“SE A UN POETA NON LLE PREOCUPAN AS CUESTIÓNS SOCIAIS É PORQUE TEN MOI POUCA SENSIBILIDADE”
Ti es unha persoa polifacética, cunha capacidade creativa multidisciplinar á que é difícil presentar, como te definirías ti, a ti mesmo?
Eu defínome como poeta, outras cousas xurdiron pola necesidade de contar, pero eu son esencialmente poeta
Ao longo da historia da humanidade, á hora de interpretar a finalidade da arte en xeral e da creación poética en particular, existen dúas visións diferenciadas; a que considera que a creación artística debe responder a unha motivación exclusivamente estética e a que defende que debe transmitir unha posición ao respecto do contexto social na que se encontra . Eu creo que a túa produción literaria está nesta última, verdade koki?
Sen dúbida. Un pode escribir sobre calquera cousa, pero se a un poeta non lle preocupan as cuestións sociais é porque ten moi pouca sensibilidade
Cal é a túa profesión?
Eu fixen moitas cousas na miña vida; traballei no mundo da pedra, vendín peixe ,porcos, casas ,a verdade vendín moitísimas cousas
Vaia, non venderías enciclopedias, coma min?
Pois si, tamén, cando cheguei a New York, vendín a enciclopedia Británica
Caramba, porta a porta?
Si, si, porta a porta e sen saber falar inglés. Porén, desde neno o que dominaba en min era un sentimento de necesidade de xustiza, eu observaba os abusos que en moitas ocasións se cometían contra o pobo e sentía a necesidade de expresar o meu desacougo
Ese sentimento que describes definiríalo como innato, ou como froito do teu contexto vital?
Eu creo que un pouco de todo, pero penso que observar os abusos e inxustizas foi o que o fixo medrar e dotalo de solidez
A viaxe a New York foi moi importante na túa vida?
Foi esencial, eu fun alí cun certo sentimento anti americano creo que común a amplos segmentos da mocidade da miña xeración, pero alí decateime de que a condición humana é universal, en EEUU como en Galicia ou como en calquera parte do mundo hai xente que abusa dos seus semellantes e xente explotada que vive por baixo do limiar da dignidade
Cando comezaches a escribir?
Xa cando estaba na escola
A que escola ías?
Á de Don Sabino
E que recordos tes desa etapa tan importante na vida de cada ser humano?
Bastante pobres a verdade. Case todos os mestres estaban cortados polo mesmo patrón, o da típica escola do nacional catolicismo español, e moi poucos ensinaban de maneira diferente
Comezaches a escribir na escola, e despois?
Despois comecei a colaborar nos libros de festas, e revistas de literatura. E cando tiven ocasión de publicar algo xa o publiquei
Cal foi o primeiro que publicaches?
O primeiro libro que publiquei chámase “Lexanías”
Ti publicas en galego e tamén en español verdade?
Si, eu en EEUU colaboro con moitos poetas hispanos, de diversos países de América e todo o que fago con eles é en español
Cantos libros tes publicados?
Pois non o sei con seguridade, entre doce quince, calculo eu
Pódese vivir da literatura?
Non, de ningunha maneira. Fíxate ,hai editoriais que para publicar pídenche importantes cantidades de diñeiro para facelo
Á hora de decidir, unha editorial, se publica ou non, prima calidade que puidese ter o manuscrito potencialmente publicable ou os criterios comerciais?
Os criterios comerciais son os que mandan.
Que estás a facer na actualidade?
A verdade non paro de facer cousas. O último que fixen foi unha mostra de poetas españois en New York que foi construída sobre un verso de García Lorca
Que verso?
“Luna y panorama sobre los rascacielos”
De “Poeta en Nueva York” non?
Si, e foi financiado polo consulado de España. Non foi unha edición comercial, pero é posible que así se edite o próximo ano
Cando volves a New York, koki?
Como cada ano, volverei en xaneiro. Teño lecturas diversas, e asemade este ano irei por vez primeira a Cuba, a un festival de poesía chamado “La Isla en Verso”
Caramba, que interesante, agardo que nos mandes algunha crónica desde Cuba?
Que menos que unha entrevista con Raúl Castro
Ha ha ha, tómoche a palabra. Rematamos esta interesantísima conversa, Koki, pedíndoche unha valoración sobre a situación cultural e política de A Guarda?
No noso pobo hai moita xente con potencial, capacidade e ilusión por facer cousas que non teñen espazo para desenvolver o seu talento, e falo tanto da cultura como do deporte, hai en ambos campos un oco que non se enche. E no que respecta ao aspecto político estamos a vivir unha agonía de resistencia, o vento fresco que chegou con ideas novas ao noso pobo, foron enganados e boicoteados, e máis que probablemente estes catro anos serán catro anos perdidos. A Guarda ten tantas necesidades…precisamos que a autovía chegue ata o noso pobo, non é admisible que sexa precisa unha hora de coche para chegar a Vigo, necesitamos unha ponte a Camiña para podermos ter vida transfronteiriza….