103 anos de historia viva no Rosal
Tino Lago
Ao longo do percorrido polos camiños da vida non hai nada que me produza maior satisfacción persoal que a posibilidade do coñecemento e da comprensión. E cando un ten a posibilidade de mergullarse ata o máis profundo na sociedade rosaleira é imposible non sentir curiosidade por un fermoso edificio de estética decimonónica que se haxa na praza principal do pobo, a praza do Calvario. É a sede da Liga de Amigos, unha sociedade recreativa e cultural nacida en 1.918.Con motivo do seu centenario o investigador Xoán Martínez Tamuxe publicou o libro: “ A Sociedade Liga de Amigos. Cen anos de Historia (1.918-2.018)Nos máis de 100 anos de historia da liga, as inmortais pedras do seu precioso local do Calvario contemplaron o paso de 31 presidentes e alá polo ano 1.925 chegou a contar cun equipo de fútbol. Na actualidade máis de 300 persoas son socias da institución á que contribúen pagando unha cota de 40€ ao ano. Nós quixemos coñecelos un pouco mellor e achegámonos ata alí a conversar con César , presidente da sociedade desde o ano 2.014.Antes de ver o que deu de si a nosa conversa só dicir que malia ter 103 anos de vida , as socias só están permitidas desde o ano 1.996 pois nos seus primeiros 78 anos de historia só os homes podían ser socios da Liga. César é un veciño do Rosal natural do lugar de Caselas de profesión administrativo
César Conde Martínez. Presidente da Liga de Amigos
“ A liga está tan vinculada ao noso pono que xa é imposible de separar da sociedade rosaleira”
Cando naceu a liga César?
No ano 1.918
Quen a creou?
Un grupo de agricultores que querían obter mellores prezos para os produtos do campo
Ese foi o obxecto que inspirou o seu nacemento?
Non só, tamén a celebración de eventos culturais e recreativos que, se cadra é a nosa principal actividade nos máis de 100 anos da nosa historia
Cales son as principais actividades que organizades?
Ben durante moito tempo fíxose un precioso baile de fin de ano e tamén un baile de piñata, celebrado ao sábado despois do Entroido. Agora só queda o da piñata. Tamén temos cinema os venres, que soe ser dedicado á proxección de películas que teñan que ver coa historia do Rosal, e un xogo que nos axuda a recadar cartos no que entregamos premios aos participantes. Falo de antes da pandemia claro, agora non podemos facer nada
Ti cando asumes a presidencia?
No ano 2.014. Xa formara parte de directivas anteriores, desde o ano 1.996 en cargos varios
Cal é a función da directiva?
Pois xestionar o día a día, responsabilizarse da saúde económica da institución e da organización de actividades
Descríbenos o local tan bonito que tendes?
Ben, pois ten cafetería na parte de arriba e atrás sala de billar, salón de actos e almacén
A sede sempre estivo alí?
Non. Esta foi a nosa sede inicial. Na súas orixes o edificio foi cedido á sociedade polo médico rosaleiro Jesús Noya, pero poucos anos despois mudaron de local ata un , tamén na praza do Calvario, que corresponde coa actual farmacia. Alí estiveron arredor de 20 anos ata que en 1.942 compraron o local actual, que é propiedade da sociedade, e que como antes che indiquei foi a nosa primeira sede
Que hai que facer para ser socio?
Antes era preciso o aval de dous dos socios ou ben ser fillo de socio, agora cunha presentación de solicitude xa abonda para entrar. A cota son 40€ anuais
É preciso ser do Rosal?
Non, pode ser socio quen queira. De feito témolos de moitos sitios distintos, non só da comarca do Baixo Miño, tamén de doutras zonas como Vigo ou incluso Madrid
Teremos socios e socias supoño?
Si, pero non creas que sempre foi así. Malia termos 103 anos de historia as mulleres só poden ser socias da liga desde 1.996
Cantas persoas son socias?
Arredor de 325
Cando cumpristes os 100 anos fariades algo especial supoño?
Si, desde logo. Nós non temos a primeira acta, a da constitución da sociedade, pero temos un certificado que remite á mesma e quixemos facer unha celebración que recordase á que se fixo cando naceu liga. Fixemos unha comida na praza do Calvario, cunha carpa. E foi amenizada por un grupo de gaitas, pola banda de música do Rosal, por un monologuista e por un dúo de violinista e saxofonista verdadeiramente espectacular. A verdade é que foi un acto precioso. Tamén inauguramos unha pedra cunha inscrición conmemorativa do noso centenario.
Ah estaría a actual alcaldesa na banda, supoño?
Si, si que estivo
E que tal se porta o concello con vós?
Naquel momento do centenario portouse moi ben
Xa, entendo que nun momento como ese sexa así, pero en xeral que tal se portan?
Ben , eu creo que se poderían portar un pouco mellor. Somos unha institución moi importante, penso eu, e nunca recibimos subvencións. Incluso no pasado a Liga chegou a subvencionar á xente pobre e ata ao propio Concello
Rematamos César, como é a relación da Liga coa sociedade do Rosal?
Eu diría que moi boa. Somos un punto de encontro que todo o mundo coñece e ao que todo o mundo ten cariño. A Liga está tan vinculada ao pobo que xa resulta imposible separala da sociedade rosaleira. Xa formamos parte da psique colectiva do Rosal