Carme Núñez candidata do BNG á alcaldía de Tui

Carme Núñez candidata do BNG á alcaldía de Tui

Non sei se a médica Carme Núñez será algún día alcaldesa de Tui. O que si sei é que se nalgún momento ten a oportunidade de selo, sería alcaldesa ata que ela quixera, pois no momento no que a maioría social de Tui tivese a oportunidade de coñecela como alcaldesa; a súa intelixencia, dilixencia, capacidade de traballo e bondade persoal farían imposible que a sociedade tudense lle retirase a súa confianza.

“ O BNG está preparado para gobernar. O futuro non está escrito. Temos unha percepción moi positiva e non nos pomos ningún tipo de límite”

En nada teremos un novo proceso electoral. Cales son as túas sensacións neste momento?

Non só eu persoalmente, senón o BNG de Tui no seu con xunto estamos coas pilas a tope de carga. A percepción é moi positiva e en consecuencia os ánimos só poden ser estupendos.

Polo que puiden apreciar estades a facer un intenso traballo de campo?

Si, xa levamos varios meses xuntándonos parroquia a parroquia co tecido asociativo: coas comunidades de montes, AA.VV, agrupacións culturais….e o que observamos é unha corrente de simpatía crecente cara a nosa formación política, e un aumento exponencial da confianza cidadá no Bloque como unha ferramenta adecuada para resolver problemas con dilixencia e achegar solucións eficaces.

Como valoras o goberno do PSOE neste mandato que remata?

Penso que este goberno, que obtivo unha enorme confianza veciñal, decepcionou.

Por que cres que o goberno decepcionou?

Nun aspecto esencial como a participación cidadá gobernan exactamente igual que como gobernou o PP. De feito o alcalde incumpriu o compromiso de facer os plenos mensuais e seguen a convocarse cada dous meses.

A xestión de algúns temas moi sensibles e polémicos fíxose sen buscar ningún tipo de consenso, nin o máis mínimo. Así pasou por exemplo co traslado do mercado aos xoves ou co asunto do aparcadoiro soterrado. Neste asunto o alcalde , nunha entrevista de radio, comprométese pola mañá a non seguir adiante se non hai un mínimo consenso e pola tarde cos votos en contra de toda a oposición decide seguir adiante. Estanse humanizando e peonalizando diversas zonas, o que a nós nos parece ben claro, pero quítanse moitas prazas para aparcar sen ter resolto previamente o problema do aparcadoiro.

Na última entrevista que o alcalde fixo nas nosas páxinas manifestou que ese tema íase facer con toda certeza

Si, si, se no último pleno de marzo aprobouse unha modificación de crédito de 1.700.000€ para seguir adiante con este asunto.

A posición do BNG a este respecto segue a ser radicalmente contraria?

Si. Nós sempre mantivemos a mesma postura con absoluta coherencia. O aparcadoiro soterrado non vai solucionar ningún problema, son menos prazas das que hai agora en superficie, e condicionaría o futuro urbanístico e económico do Concello.

En relación ao conflito polo polígono de Ribadelouro que tes que dicir?

Un exemplo máis no que o goberno pecou de gobernar de costas á veciñanza. Alí hai unha plataforma de afectados moi importante que o alcalde nin sequera recoñece como interlocutores válidos

Non os atende?

Non. A administración ten que sentarse coa veciñanza de Ribadelouro afectada dialogar con eles e atender as súas necesidades .

En relación á taxa do lixo, o problema que propiciou a ruptura do pacto de goberno do Psoe con Lano Alonso, sabemos como están as cousas?

Hai un compromiso verbal de facer unha nova ordenanza pero en principio non se volveu facer nada máis. Nós estamos de acordo en modificar a ordenanza para resolver os problemas dos hostaleiros, e tamén en que se contemple actuacións necesarias no ámbito da compostaxe.

O BNG no que atinxe ao medio ambiente aposta sen matices por sermos absolutamente ambiciosos.

Ao entrar hoxe en Tui pola rúa Colón experimentei unha sensación como de caos de tráfico?

Isa é unha obra que xa leva moito tempo de execución e que ocasiona bastantes atrancos, si. O problema está, creo eu, en que o goberno deixou moitas actuacións para o final do mandato e agora acumúlaselle todo.

Houbo un tempo, non moi lonxano, en que para interpretar a composición da corporación tudense pouco menos que había que ser experto en xeroglíficos exipcios. Agora seica se vai aclarando a cousa verdade?

Pois si, parece que si. Pola esquerda só seremos dúas opcións : O BNG e o PSOE e pola dereita o PP, Converxencia 21 e previsiblemente haberá lista de VOX.

Tes decidida a candidatura?

Si.

Preséntanos ás persoas que te acompañan nos 5 primeiros postos?

No segundo posto vai Ánxela Estévez que é unha rapaza natural do casco histórico de Tui que ten un perfil social moi marcado. No posto 3 vai Josué Campos que é o responsable local do BNG. De número 4 vai Xosé Martínez Tato, o meu compañeiro actual na corporación, xubilado do sector do metal, e un home que leva cada curruncho de Tui no corazón e cada necesidade e problema de Tui na cabeza, e de número 5 vai Ernesto Cañedo e un home moi concienciado en cuestións medio ambientais.

Sendo realista Carme o 29 de maio en Tui só se poden dar dúas posibles combinacións: Ou goberno PSOE/BNG ou goberno do PP. A hipótese dunha maioría absoluta do PSOE non me parece verosímil. Veste gobernando co PSOE?

Si, claro que si. Esa é a maioría de goberno que temos que construír no caso, que eu agardo, de que a dereita non acade a maioría suficiente. O que é incuestionable é que ese hipotético pacto ten que ser resultado dunha negociación moi rigorosa na que o BNG poría as súas condicións. E desde logo se se fai o aparcadoiro soterrado nós non participariamos nese goberno.

Ese tema é unha liña vermella para o BNG?

Absolutamente.

E en cuestión de persoas imporiades condición?.Vetariades por exemplo ao alcalde?

Non. Nós somos moi respectuosos cos listas que presenten os demais. Nós negociariamos cuestións políticas, non persoais. Teriamos que conformar un goberno de esquerdas moi comprometido co medio ambiente, feminista, que se preocupe polo noso idioma e pola nosa cultura, que facilite o acceso á vivenda, que vertebre as comunicacións entre parroquias e das parroquias co centro, e cun compromiso firme cun modelo de cidade que propicie a existencia de servizos e oportunidades necesarios e suficientes para que ninguén teña que marchar e para que Tui sexa un concello atractivo para que a xente poida vir a vivir aquí.

Cales son as expectativas de resultados concretos aos que aspiras?

En política todo é posible. Nós non nos pomos nin límite nin teito.