Fátima Rodríguez voceira do PSOE de A Guarda

Fátima Rodríguez voceira do PSOE de A Guarda.

Do resultado das pasadas eleccións municipais na Guarda poderíanse tirar varias mensaxes, algunha de difícil interpretación. Pero no que atinxe ao partido socialista a cousa parece moi clara: Chegou o momento do cambio de ciclo. A militancia socialista entendeu a mensaxe da veciñanza, os históricos Antonio Lomba e Montse Magallanes dimitiron e a portavoz do grupo municipal pasa a ser Fátima Rodríguez. Ela non leva moito tempo en política, chegou no 2019 e xa se responsabilizou de distintas áreas no último goberno de Antonio Lomba. Asume a súa nova responsabilidade con moita ilusión, e coa intención de que o seu traballo sexa o aval para poder recuperar a confianza da maioría social guardesa. Nós quixemos coñecela e conversamos con ela.

Traballarei de maneira incansable para que a maioría social guardesa volva confiar no proxecto socialista”

Imos comezar polo principio Fátima. De onde es ti?

Eu nacín en Oia pero vin á Guarda cando tiña dous anos.

Xa que logo é máis que evidente que es guardesa?

Desde a cabeza aos pés, e moi orgullosa de selo. Profesionalmente eu teño unha consultoría que traballa en distintos campos, aínda que somos especialistas en proxectos de promoción de igualdade e prevención da violencia de xénero. Asemade facemos formación para o emprego, buscamos a inserción laboral sobre todo de mulleres.

Dáme a sensación de que o feminismo é un eixe esencial na túa concepción da política?

Non só da política, o feminismo é fundamental na miña concepción da vida. Aspirar a unha sociedade igualitaria entre os dous sexos que formamos a humanidade, que é o que é o feminismo, paréceme a única posición ética posible. Cando tiven a oportunidade de formar parte do equipo de goberno da Guarda levei a concellería de igualdade, e a experiencia foi desas cousas que deixan pegada no corazón e na alma ao longo de toda a vida.

Cando e como se iniciou a túa relación coa política?

Eu xa coñecía a Montse Magallanes desde hai moito tempo, as nosas nais eran moi boas amigas. Logo fixen varias cousas para o Concello e a propia Montse e Antonio Lomba trataron de persuadirme para que me integrara no proxecto socialista. Inicialmente non quixen,as miñas circunstancias persoais facíano moi complicado, pero aos poucos fóronme convencendo ata que lograron ilusionarme.

E honestamente Fátima, estás satisfeita de ter dito que si?

Si, radicalmente si.

Chegas á política no ano 19, nun mandato moi complicado?

Pois si, foron catro anos no goberno realmente complicados.

Que áreas levaches ti?

Igualdade,educación , emprego, voluntariado ,mocidade e desenvolvemento local. Ao sermos un goberno cunha situación aritmética tan débil, eramos 5 de 17, o volume de traballo foi moi elevado.

Que valoración fas destes catro anos no goberno?

Foi unha experiencia moi positiva. Aprendín moito, coñecín a xente nova que me fixo ensanchar a mente, coñecín puntos de vista distintos, algo que achega moito, e sobre todo a cohesión do equipo de goberno era fantástica. Traballamos moi ben e de maneira moi cómoda. Tamén houbo momentos moi malos sobre todo ao principio.

Supoño que te refires ao momento no que se rompe o pacto co BNG?

Si. Aquel momento foi moi desagradable.

Se cadra a chave que explica a ruptura dese pacto está na diferente visión que o PSOE e o BNG tiñades das actuacións na rúa Concepción Areal. Fátima Rodríguez está satisfeita do resultado final da actuación nesa rúa?

Si, estou satisfeita. Creo que, ata que teñamos unha solución definitiva á saída do porto, o resultado en Concepción Areal é moi meritorio. Hai algunhas actitudes concretas que si son susceptibles de ser melloradas. Eu creo que debemos dar máis pasos para seguir concienciando á veciñanza do que son os espazos para as persoas. Pero o resultado final desa actuación é moi satisfactorio, si. Encántame como mudou a praza do As de Copas e a rúa en xeral funciona ben.

Ben, chegamos ao 2023 o PSOE perde a alcaldía e chega un novo goberno do PP en coalición cunha persoa que se describe a si mesmo como de ultra esquerda e que incluso porta simboloxía republicana . Como o valoras ti?

Non é a primeira vez que o PP e Fariñas forman un goberno. Coñecendo a historia de ambos non me sorprende para nada que se repita. De feito a toma de posesión pareceunos unha pantomima. Nós entendemos que xa o tiñan amañado para que formara parte do goberno.

Este novo goberno fai unha valoración moi negativa sobre a xestión económica do goberno socialista .Cal é a túa opinión ao respecto?

É unha valoración que non se corresponde coa realidade. Eles xogan cos datos para tratar de trasladar a imaxe dunha situación económica catastrófica que non é real nin por asomo. É unha valoración absolutamente falsa. O Concello ten liquidez. De feito hai un par de semanas pedimos o dato e o Concello ten ao seu dispor nos bancos arredor de 1.200.000€.Por outra parte resulta asombroso que falen da herdanza recibida, cando despois do anterior goberno PP Fariñas o resultado que nos encontramos os socialistas foron máis de 2.100.000 de € de débedas a bancos, e máis de 2.200.000 € de débedas a provedores. Iso foi o que atopamos nós ao chegar. Nós ao marchar deixamos liquidez e máis de 5 millóns de € en subvencións.

Subvencións solicitadas polo voso goberno?

Si, subvencións solicitadas por nós e xa concedidas. Algunhas son moi importantes.

Por exemplo?

Para facer a necesaria remodelación das piscina, para a reforma da praza de abastos, para a rúa Coruña, 1 millón de € para turismo…..Nós falamos co alcalde e díxonos que tiña intención de non renunciar a ningunha. Estaremos moi atentas para que efectivamente sexa así.

A conexión con Caminha .Que tes que dicir sobre ese asunto?

É un tema que nos preocupa moito. De feito presentamos un escrito recentemente porque entendemos que este problema debe de ser resolto de contado. É portos de Galicia a responsable de que o transbordador non funcione e nós levamos reclamando unha solución desde que perdemos ese servizo tan importante para A Guarda. Cando deixou de funcionar a Xunta puxo a andar un servizo de embarcacións, Xacobeo transfer, que agora non está moi claro se é pecha ata marzo ou se vai haber un único servizo ao día. En calquera caso as socialistas estaremos moi atentas para esixir a completa normalización do transbordador da nosa vila con Caminha.

Cal é a túa posición ao respecto da finca de Fínola?

A miña posición é a do partido socialista: Ese é o lugar adecuado para a construción dun auditorio, instalación que A Guarda precisa con urxencia.

Como están no momento actual as relacións co BNG de A Guarda?

As relacións persoais son moi boas.

Xa, pero eu preguntábache polas relacións políticas.

Ha ha ha, xa , xa me dei de conta. Ben, digamos que no anterior mandato foron un tanto tensas polas circunstancias que todo o mundo coñece. Este mandato acaba de comezar e estamos á expectativa do que aconteza. Agardo que sexan mellores. De momento xa tivemos algunha xuntanza para tratar de atopar puntos de consenso nalgún tema en concreto, e todo foi moi ben.

Rematamos Fátima: A responsabilidade que acabas de asumir , portavoz do grupo municipal socialista, non é nada doada, con que ánimos a recibes?

Recíboa con moito respecto desde logo, pero moi honrada pola confianza que en min depositan as e os compañeiros da agrupación socialista de A Guarda. Síntome moi arroupada pola nosa militancia e cunha ilusión enorme en traballar moito para recuperar a confianza da maioría da sociedade do meu pobo. A Guarda é un pobo progresista e traballarei de maneira incansable porque a maioría social guardesa volva confiar no proxecto socialista. Aproveito a oportunidade das vosas páxina para convidar a calquera veciño ou veciña que o desexe que nos traslade calquera problema , necesidade ou inquedanza. Será un pracer e unha honra contribuír a mellorar a vida dos demais, porque en realidade, esa e só esa, o ben común, e a finalidade que debe ter calquera persoa que se achegue á política con honestidade intelectual.