O campo de concentración de Camposancos memoria perenne do terror fascista en Galicia

Campo concentración Camposancos
Fotografía J.Uris

Na parroquia de Camposancos non hai moito , menos dun século, houbo un campo de concentración no que estiveron internos varios milleiros de presos republicanos, tamén algunhas presas pero moi pouco tempo. Entre 1937 e 1941 miles de homes, defensores da legalidade e a democracia, foron retidos en condicións infrahumanas polos delincuentes defensores do nacional catolicismo español que cren que o poder é o seu patrimonio natural, por dereito de berce, e que non son capaces de asumir que o poidan perder. Arredor de 200 foron tamén vilmente asasinados, 49 deles están soterrados na foxa de Sestás, que é unha das imaxes que ilustra esta reportaxe.

Houbo un presidente do estado, un tal M.Rajoy, que se gababa de adicar 0€ á memoria histórica. Semellante disparate, dunha vileza de difícil cualificación, amosa a necesidade e a pertinencia de colaborar con todas aquelas persoas e asociacións que dedican parte das súas vidas a honrar á memoria de quen a perdeu a súa por defendernos dos monstros, de quen sufriu por non calar ante os monstros, de quen formou parte dunha xeración marabillosa que tratou de alumear o tenebroso escenario da España nacional católica, e que perdeu a vida por elo.

Nós estivemos na Guarda e conversamos con Freitas, Uris, Victoriano e Jose Antonio que forman parte da

Asociación para a recuperación da memoria histórica do campo de concentración de Camposancos e da foxa común de Sestás

Cando naceu a a asociación?

Nacemos hai dous anos porque consideramos que tiñamos unha débeda .Cando, nos anos 80 do pasado século, non se falaba de memoria histórica, e moito menos de memoria democrática , un grupo de persoas foi capaz de levar a cabo este monumento no que estamos a conversar. Estas persoas formaban unha comisión cidadá presidida por Manuel Domínguez”Taxota”

Quen formaban parte desa comisión?

Partidos de esquerda, sindicatos e persoas a título particular. E grazas ao seu traballo faise este monumento de honra a estas 49 persoas que están aquí soterradas

Polo que vexo estas persoas son combatentes republicanos da fronte de Asturias que foron apresados , internados no campo de concentración de Camposancos e logo asasinados neste mesmo espazo físico, non?.

Si, asasinados en dúas quendas. O 2 de xullo do 1938 fusilaron a 31, e o 20 do mesmo mes asasinaron aos 18 restantes.

Sabemos o proceso de como chegaron a Camposancos estas persoas?

Si, cando cae a fronte de Asturias os republicanos apresados foron repartidos nos 11 campos de concentración que hai en Galicia, o máis grande o de Camposancos. Eles chegan a Baiona nun barco mercante habilitado como prisión, chamado Arichachu. Os presos chegaban nunhas condicións lamentables. E quero destacar o valor e a dignidade das mulleres de Baiona que malia seren reprimidas a culatazos enfrontáronse aos gardas para darlle auga , pan e latas de sardiñas ás persoas presas

Cantas persoas traía?

Hai distintas versións fálase de entre 1.500 ata 3.000.Nós encontramos un censo de residentes do campo

Vaia que emocionante,e de cantas persoas puideches ter constancia documental que estiveron presas en Camposancos?

No censo que atopei só constan os presos desde xaneiro do 1938 e faltarían arredor de 20 follas que estaban podres, e no que puiden ler hai 2.680 persoas que podemos acreditar documentalmente que estiveron presas aquí. Polo tanto poderiamos estar falando de preto de 3.000 persoas, si. Só se temos en conta ese rexistro que che menciono, co que non sería moi desatinado pensar que o número total de presos que pasaron por Camposancos estaría entre os 5.000 e 6.000

Oficialmente que capacidade tiña o campo?

860 presos

Chegastes a coñecer a algunha persoa que estivera presa no campo?

Si, e a moitos familiares tamén que agradecen o comportamento da veciñanza da Guarda, especialmente a de Camposancos que de maneira tan xenerosa amosaban a súa solidariedade coas persoas presas: lavándolle a roupa, facéndolles recados , levándolles cartas ou alimentos

Na vosa comarca había dous campos verdade?

Si, o de Camposancos e o do mosteiro de Oia. Alí mandaban aos presos que ían facendo a medida que tomaban as distintas posicións da fronte de Catalunya. En Oia só morreron 24 persoas de enfermidade. Alí non fusilaron a ninguén

Cóntanos brevemente a historia do edificio que albergou o campo?

Primeiro, no SXIX, foi un moi importante almacén de exportación e importación propiedade duns guardeses que viñeran de Guatemala. Logo pasou a ser colexio xesuíta, colexio primeiro e instituto despois, houbo un intento posterior de facer un hospital mental, outro para facer unha escola de artes e oficios e chegamos ao golpe de estado

E xa campo de concentración?

O 20 de xullo do 1936 Franco acorda desde Burgos facer campos de concentración. No mes de xullo do 37 chega a inspección de campos de concentración, e o 28 de setembro de 1937 chegan os primeiros presos

E en Camposancos, alén das 49 persoas que están soterradas onde estamos nós, sabemos se asasinaron a algunha máis?

Si, a bastantes máis. De feito temos constancia de 34 persoas asasinadas na zona da Sangriña, 10 en Ourense, 28 en Pontevedra, 29 no Castro de Vigo, 7 en Celanova e 8 en Redondela..Calculo que arredor de 170 presos foron asasinados

Os presos asasinados nesta foxa eran todos de fóra ou tamén había galegos?

Só temos constancia dun galego da provincia da Coruña, un mozo de 32 anos

Pero no campo houbo presos da Guarda?

Si, os primeiros presos foron guardeses

E entre os asasinados había persoas do Baixo Miño?

Os presos da nosa comarca que houbo en Camposancos serían entre 35 e 40, a prisión que había no noso concello só tiña capacidade para 7 persoas. Houbo unha reunión onde agora é o museo do Tegra entre os representantes militares, da garda civil ,os falanxistas e a dereita local. Alí ponse enriba da mesa unha lista de 75 guardeses que había que asasinar, non é que fixeran nada, só consideraban necesario matalos porque eran republicanos .Entón na praza do reloxo reúnen a unha tropa de falanxistas armados e no coche dun industrial da dereita local, escollen a 5 persoas, desa lista de 75, entre eles a dous irmáns de “Taxota” do que foi presidente da Comisión Cidadá pro foxa común

Vaia, entón a “ Taxota” matáronlle a dous irmáns?

Si, a Antonio e a Ángel,os dous o mesmo día

Chegastes a ver esa listaxe de 75 persoas seleccionadas para ser asasinadas?

Si. Inicialmente asasinaron a esas cinco persoas seleccionadas, logo algún máis foi asasinado tamén. Outros padeceron distintas penas de prisión e incluso houbo algún que para salvarse alistouse voluntario no exército franquista.

Cando se pechou o campo?

O campo foi clausurado en setembro de 1941 aínda que houbo presos traballadores ata 1942

As circunstancias do campo de concentración de Camposancos foron espantosas, o que aquí aconteceu arrepiante, sen embargo eu teño a sensación de que aínda é moi pouco coñecido. A maior parte da xente da nosa área de influencia coñece que na illa de San Simón houbo un campo de concentración , pero moi pouca xente sabe que tamén o houbo nesta zona da Guarda, e especialmente terrible por certo. Por que?

Esta situación que describes incide na necesidade da existencia da asociación e de pór en valor a memoria e a dignidade de quen tanto sufriu naquelas circunstancias terribles. Se nos anos 80 do pasado século, cando case ninguén falaba de memoria histórica, houbo persoas na Guarda, valentes e xenerosas, que foron quen de dignificar a quen foron vilmente asasinados, a quen padeceron espantosas circunstancias vitais, nós considerámonos en débeda moral cos que sufriron, e cos que deron o primeiro paso para honralos, de aí a pertinencia desta asociación.

E cales son as principais actividades que desenvolvedes e pretendedes seguir desenvolvendo para cumprir os vosos obxectivos?

A principal é a recollida de datos, a súa posta en valor e a súa publicación. Elaboramos unidades didácticas e levámolas aos institutos para darlle a coñecer ás novas xeracións todo isto que aconteceu.

Nacedes con vocación de continuidade?

Si, sen ningunha dúbida. Temos asemade un sono que é facer nalgún sitio próximo un centro de interpretación dos campos de concentración