
Considera insólito que o goberno galego poida dar cobertura a un proxecto que acumula dúas sentenzas xudiciais que refrendan a irregularidade da tramitación municipal.
Pregúntase con que lexitimidade a xunta de galicia pode amparar o procedemento irregular do concello de mos e do celta ao mesmo tempo que a aplu derruba vivendas en solo rústico
O grupo socialista de Mos amosa a súa perplexidade diante da posibilidade de que o Consello da Xunta poida aprobar proximamente a declaración de proxecto de interese autonómico para a Cidade Deportiva do Celta de Vigo nos montes deste concello. Sería a primeira vez que esta figura xurídica excepcional, é destinada a impulsar proxectos estratéxicos para Galicia, se utilice para amparar e solucionar os graves problemas urbanísticos que carrexa unha actuación que acumula dúas sentenzas xudiciais contrarias pola súa irregular tramitación. Xa hai antecedentes na comunidade autónoma de poñer en práctica esta lei, pero tratase dun hospital e dunha empresa embotelladora con menores dimensións das que aquí se verían afectadas.
A voceira municipal en Mos, Victoria Alonso, afirma que en caso de confirmarse a aprobación polo Consello da Xunta, unha vez que xa hai un informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte, só cabería falar dun “indulto urbanístico” coa sinatura do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometendo así ao Goberno galego nun asunto turbio e que, ademais das súas dificultades legais, ten suscitado un enorme malestar entre a cidadanía, especialmente en Tameiga.
Sinalan que detrás desta intentona do Concello de Mos, en convivencia coa Xunta, agóchase a intención de facilitar as expropiacións dos terreos que a Comunidade de Montes de Tameiga non está disposta a permitir que perdan a súa condición de rústicos de protección forestal. Unhas expropiacións que, para máis gravidade aínda, realizaríanse en favor dunha entidade privada e para un fin privado, como é o que se pretende.
A voceira socialista considera ridículas as razóns esgrimidas pola Secretaría Xeral do Deporte para xustificar o seu informe favorable á aplicación desta figura excepcionalísima do ordenamento xurídico e considera que trátase dun paso máis na cadea de despropósitos que rodean este expediente. Un expediente que naceu cun “ti vai facendo” da alcaldesa, Nidia Arévalo, que permitiu que se comezasen a construír obras illadas en solo forestal sen tramitar previamente o obrigado Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións que debería ter amparado a totalidade das actuacións, así como a súa afectación aos servizos. Un xeito, ademais, de tratar esquivar os informes preceptivos e vinculantes dos distintos organismos afectados.
A gravidade da cuestión chega ao punto de que a alcaldesa afirma que todo é correcto porque as obras son legalizables coa recente aprobación por parte do Pleno do PEID, cando resulta evidente que para unha actuación urbanística sexa “legalizable” debe estar previamente en situación de ilegalidade. Neste caso non só consentida, senón promovida polo propio Concello cunha clara vulneración do procedemento establecido.
Alonso conclúe que está a disposición da veciñanza e dos colectivos que teñen expresado a súa oposición a este macroproxecto delirante, que comezou como un centro comercial cunhas instalacións deportivas apegadas e que foi mudando ata ter agora un proxecto que incluso se descoñece máis aló do publicado na prensa.