O PSdeG-PSOE abandona o pleno tras un “mitin”, sen posibilidade de réplica, da alcaldesa de Mos

Pleno de Mos xaneiro

O grupo socialista abandonou esta mañá, por primeira vez na lexislatura, o pleno ordinario de Mos en protesta pola actitude ditatorial, e extremadamente nerviosa, da alcaldesa Nidia Arévalo que, unha vez rematada a orde do día tivo a ocorrencia de tomar a palabra durante un cuarto de hora para queixarse das preguntas e iniciativas que se formulan no Parlamento de Galicia sobre convenios “a dedo” que a Xunta asina, sistematicamente, con concellos do PP de toda Galicia. Intervención que fixo a modo de rogo, na parte de rogos e preguntas, cando este é o instrumento que ten a oposición para fiscalizar e preguntar ó equipo de goberno. Unha vez rematado o cuarto de hora de lamentacións da alcaldesa negou ao grupo socialista a posibilidade de responder en igual formato. Reclámanlle os socialistas que a alcaldesa pretendese que este grupo tivese que usar un dos seus tres rogos, cando so poden facer tres por pleno. Cualifican de espectáculo bochornoso o feito de que a alcaldesa apagase o micro constantemente a voceira socialista, para evitar que falase. O grupo socialista, encabezado por Victoria Alonso, abandonou o salón de plenos por considerar esta unha falta de respeto para a oposición e cara toda a veciñanza.

Victoria Alonso invita a Nidia Arévalo a tranquilizarse e a tratar de non converter os Plenos nun espectáculo tan lamentable. Solicítalle que reserve os mitins para os actos formalmente convocados polo Partido Popular e que se limite a debater os asuntos contidos na orde do día, expoñendo argumentos, cun mínimo de coherencia. Unha cousa é que teña a facultade de dirixir o Pleno e de intervir, e outra moi distinta, é que pretenda soltarnos unha “homilía partidista” e logo aplicarnos aos demais o regulamento con rigor.

A voceira socialista, Victoria Alonso di que tan so pretendían aclarar que os parlamentarios na oposición da Xunta fan a súa labor de fiscalizar o goberno autonómico, e nesa labor se encontra preguntar polos contratos firmados a dedo con concellos gobernados polo PP, coma Mos e o resto de concellos. Engade que bastante aguantan tódolos meses escoitando a alcaldesa mentres aliviaba o seu nerviosismo, pero que a situación de hoxe foi un despropósito.

Alonso destaca que no seu grupo son pouco propensas/os a abandonar o Pleno, de feito é a primeira vez que sucede dende que ela é voceira, pero que son absolutamente esixentes na demanda dun mínimo respeto institucional, cuestión que o Partido Popular incumpre con faltas de respeto, ataques persoais ou laborais e ningún rigor político. Engade que teñen asento no Pleno porque así o decidiron democraticamente as veciñas e veciños de Mos. Se a alcaldesa está molesta porque resulta evidente que a Xunta asina convenios “a dedo” con concellos gobernados polo PP e que ese é un modelo decimonónico que, a medio prazo prexudica a toda Galicia, é o seu problema. Finaliza dicindo que temos outros valores e outro modelo, porque representamos a un partido político distinto que o demostra, día a día, en tódalas Administracións nas que goberna.