Javier Bas candidato do PP á alcaldía de Redondela

Javier Bas candidato do PP á alcaldía de Redondela

O ex alcalde Javier Bas volve encabezar a candidatura popular á alcaldía de Redondela. Nós, no contexto da profunda radiografía política , que estamos a facer nas comarcas da nosa área de influencia falamos con el.

En Redondela só existen dúas alternativas: Ou Javier Bas ou Digna Rivas. Non existe unha terceira. Agardo un voto de rebeldía masivo de apoio á nosa candidatura. No caso contrario Redondela padecerá outros catro anos máis do mesmo”.

A pouco máis dun mes das eleccións municipais cales son as túas sensacións neste momento?

Extremadamente boas. A pulsión que percibo nas rúas de Redondela é a dunha enorme cantidade de veciños que, día si e día tamén, me animan e expresan os seus mellores desexos de éxito nas vindeiras eleccións. E non só iso, pois tamén estamos a visitar todas as parroquias e o que observo é exactamente o mesmo: auditorios ateigados, unha enxurrada de ilusión en todos os sitios e unha moi elevada moral de vitoria.

Ás parroquias ides a presentar á túa candidatura, entendo?

Si, e tamén a interesarnos polos problemas e necesidades que poidan ter.

E ese traballo, que facedes agora, de interesarvos polas necesidades e problemas que poidan ter as veciñas e veciños das distintas parroquias non o fixestes nos 4 anos de oposición?

Desde logo que si o fixemos .Nestes 4 anos os concelleiros do PP fixeron un magnífico traballo de rúa no que palpamos a diario os problemas que padece a veciñanza de Redondela derivados do nefasto goberno que sofre o noso pobo.

A vosa SX, Susana Cabaleiro, dicía nunha entrevista nas nosas páxinas que en Redondela votar ao BNG e votar a AER era o mesmo que votar a Digna Rivas. Compartes esa opinión?

Compártoa absolutamente.

Por que?

Malia que tanto o BNG como AER teñen manifestado que Digna Rivas é a peor alcaldesa da historia de Redondela todo indica que estarían dispostos a volvela apoiar. Polo menos así o manifestaron diversas declaracións de membros do BNG. En Redondela houbo un retroceso manifesto en todas as áreas e os responsables son o goberno do partido socialista e os que fixeron posible que Digna Rivas sexa a alcaldesa de Redondela: AER e BNG.

Todo foi retroceso? A reforma da praza de Ponteareas., por exemplo, tamén foi retroceso?

Eu estou falando da visión global da vila, non de aspectos concretos. Pero xa que me preguntas por iso dicirche que esa obra deixouna encarrilada o PP. E a reforma desta praza nace do PP. Non o desenvolvemento que se lle deu, que lle falta alma, pero o proxecto de reforma, insisto, nace do goberno do PP.

Ben, falemos entón da túa visión global destes catro anos de goberno do PSOE/AER e logo PSOE só?

Desastrosos.

Por que?

Hai un montón de argumentos que me levan a cualificar a este goberno como desastroso. A modo de exemplo:

– Cando nós deixamos o goberno, Redondela era líder de transparencia en toda Galicia. Agora estamos moi atrás. Ambos datos non son cuestionables porque son obxectivos.

-Nós tratamos de exercer de maneira responsable a nosa labor política que é facer oposición e fiscalizar a acción de goberno. Porén todo foron problemas pola parte do goberno, ata o punto de que os nosos concelleiros se chegaron a sentir acosados.

-As liortas internas entre os socios de goberno e incluso entre membros do partido de goberno son propias dun goberno desastroso sen paliativos. Un goberno eficaz, rigoroso e dilixente dedícase a xestionar os asuntos públicos o mellor que pode, e a atender as necesidades de toda a veciñanza, especialmente a máis vulnerable, de maneira rápida , honesta e eficiente, e non a pelexar entre eles dando unha lamentable imaxe de patio de colexio.

-A atención á veciñanza é pésima, incluso poderiamos dicir que inexistente. Cando un veciño vai a formular un problema ao concello ten que haber alguén que lle atenda. O contrario é intolerable.

-A Situación do SAF, un servizo que debe de ser esencial en todos os concellos, é peor ca pésima

-O Plan Xeral nin está nin se lle espera

-E porque non o aprobaches ti cando gobernabas?

Nós deixámolo co financiamento practicamente aprobado. Non chegamos a aprobalo pero estabamos no proceso. Faltaban informes. Eles comprometéranse a levalo a pleno o ano pasado e nós teriamos votado a favor.

Si?

Si , xa nos comprometeramos publicamente a facelo así.

Cando ti eras alcalde recibías críticas recorrentes sobre o suposto mal estado dos servizos sociais. Ao teu xuízo como estaban cando gobernabas ? E como están agora?

Nós na nosa época melloramos os servizos sociais. Agora están nun deterioro constante.

Concreta iso do presunto deterioro?

Os nosos maiores dependentes reciben un trato degradante. Os tres grupos políticos son responsables da pésima situación do SAF.

E agora concreta en que mellorastes vós os servizos sociais?

Coa ordenanza de emerxencia social que tiña un sobre presuposto o que nos permitía ter un colchón económico. Ou coa reforma dos locais nos que están eles que foi promovida por nós. Nós nunca permitiriamos que pase o que está a pasar co SAF ou aspectos tan degradantes como que nunha oficina de servizos sociais a primeira persoa que atende ao usuario é un garda de seguridade.

En que consistía a proposta que presentou o PP para o SAF?

Era unha proposta sinxela, legal e rápida. Esta é unha situación excepcional e hai que darlle unha solución excepcional. A empresa concesionaria non cumpre coas súas obrigas é cómpre presentar un expediente de resolución de contrato. Hai máis de 400 reclamacións e obviamente é necesario rescindir o contrato desta empresa e contratar a outra.

Fixestes as consultas xurídicas necesarias para ter a certeza de que facendo o que propuñades non se incumpre a lei?

Por suposto. A nosa proposta era perfectamente legal. O que faltou foi a vontade política para facela. Se o 28 de maio a maioría da sociedade redondelá me distingue coa súa confianza, o primeiro que farei, xa o mesmo día 29, é deixarme a pel para solucionar este asunto de contado. Comprométome a que vai ser así.

En nada teremos a festa do Choco?

Si, e agardo que sexa mellor que a do ano pasado, pois eles mesmos recoñeceron que foi un desastre, ata tal punto que este ano mudan de modelo para retomar o que facía o PP.

Falemos de Chapela?

Pois en Chapela , como en calquera sitio de Redondela , este goberno non aguanta a comparación co noso. Nós , a modo de exemplo:

-Actuamos para mellorar significativamente o areal de Arealonga

-Conseguimos unha concesión para a piscina

-Metemos saneamento na zona de Cubillón

-Humanizamos a Avda de Vigo

-Reformamos o pavillón de Chapela…….

Que fixo este goberno en Chapela??, nada , nada de nada

Home, así que se me ocorra fixeron a senda verde?

Esa obra foi xestionada por nós.

Na cuestión da AP9 a túa posición foi radicalmente igual cando o presidente do goberno era Rajoy que cando o PSOE accedeu ao goberno de Madrid?

Absolutamente igual.

Defendiches a gratuidade da peaxe coa mesma intensidade e interese agora, que cando a ministra era a túa compañeira Ana Pastor?

Radicalmente si. E dígoche máis, algún problema me xerou dentro do partido.

Pois calquera o diría, porque tan pronto deixaches a alcaldía metéronche nas listas para ir ao congreso

Porque no partido valoraron a miña coherencia e a miña honestidade.

Unha crítica recorrente que reciben todos os gobernos , sexan do signo que sexan , é que as parroquias non se tratan igual cós cascos urbanos. Como o facía o teu goberno? e como o fai o actual?

De novo non hai comparación .Cando nós chegamos só había 3 consellos parroquiais. Nós démoslle un consello parroquial a cada parroquia. Creamos os orzamentos participativos para implicar á veciñanza á hora de decidir onde se destinan, nas súas parroquias , os cartos públicos. Este goberno deixa de convocar aos consellos parroquiais e os orzamentos participativos desaparecen. Perdoádeme a insistencia pero este goberno non resiste a máis mínima comparación co que tiven a honra de encabezar.

O campo de fútbol de Cesantes fíxose polos “ cojones” de Javier Bas?

O campo de fútbol de Cesantes fíxose porque eu me comprometera coa veciñanza en facelo. E a miña palabra é o meu activo principal.

Ten o PP de Redondela algún proxecto para as pistas de atletismo?

Si.

Cal?

Unha pista exterior máis un módulo cuberto para as actividades de adestramento diario.

Cales son as expectativas realistas coas que afrontas as eleccións de maio?

En Redondela só existen dúas alternativas, non hai unha terceira: Ou Javier Bas ou Digna Rivas. Agardo que todos os veciños que queiran cambio nos apoien, agardo un voto de rebeldía masivo de apoio á nosa candidatura .No caso contrario Redondela padecerá outros catro anos máis do mesmo. Nós imos a pola maioría absoluta, imos a polas 11 actas.

No caso de que non sexa así e non exista ningunha maioría absoluta ábrese un escenario complexo: Non é posible que acordes gobrtno nin co PSOE nin co BNG, pero AER anunciou en A Nova Peneira que eles , malia que non queren a túa volta de alcalde, de ningún modo apoiarían a Diga Rivas e se a elección de alcalde/esa dependera dos seus votos eles vanse votar a si mesmos. Nese escenario hipotético, en absoluto inverosímil, que vas facer o 29 de maio?

O mesmo que fixen no 2011, postularme á alcaldía e se o pleno decide que o sexa gobernar en minoría igual que xa fixemos 8 anos.

Pero, de ser o caso, sentaríaste a falar con AER antes dese pleno?

Sentaríame non só con AER, senón tamén co PSOE e co BNG desde logo.

Se non es alcalde vaste marchar ou serás o xefe da oposición?

Se non son alcalde serei o xefe da oposición de Redondela.