Desde hai uns anos o labor moi meritorio dunha serie de afeccionados a este deporte puxo en marcha un club de pádel en Redondela, que en menos de 6 anos xa logrou captar a cerca de 90 participantes e que cada vez ocupa un lugar máis relevante no panorama deportivo da nosa localidade, ata o punto de ter organizado un torneo de 10 días de duración con case 250 participantes. Nós non puidemos deixar de coñecelos e falamos con dous dos seus impulsores: Laura, a capitá do equipo feminino, e Tomás vicepresidente do club.
Laura López e Tomás Domínguez .
“O Pádel engancha moi rápido porque comezas a pasalo ben inmediatamente despois de iniciar a práctica do deporte”
O Pádel é un deporte que creou Aznar?
Ha, ha, ha. Non, claro que non. O Pádel non o creou el, aínda que si que é certo que axudou a visualizalo. O noso deporte ten unha historia bastante anterior.
Cal é?
Naceu en México, na casa dun señor apelidado Corcuera. El quería facer unha pista de tenis na súa propiedade pero non tiña terreo suficiente. Entón construíu unha pista máis pequena á que logo lle puxo as paredes nos fondos. Foi a súa muller a que escribiu as primeiras regras do Pádel.
Cando se fixo a primeira pista en España?
Fíxoa Alfonso de Hohenlohe,un dos habituais da alta sociedade de Marbella nas últimas décadas do século pasado.
O Pádel é un deporte de “pijos”?
Non, de ningún modo. É certo que cando comezou dábase sobre todo en zonas onde vivían persoas de moi elevado poder adquisitivo. Pero hoxe non é así. Pódese xogar en calquera parte, e pódeno xogar persoas de todo tipo de nivel adquisitivo.
Non é caro?
Non, nin moito menos.
Canto pode custar un equipo de Pádel?
Non é un deporte caro Marcos, en verdade cho dicimos. Podes mercar unhas pas por 20€. E se vas a pistas municipais o alugueiro de hora e media custa 8€ que poden desfrutar catro persoas. O noso deporte é como todos. Ti podes xogar ao fútbol cunha equipaxe modesta, ou podes facelo, se queres e podes permitircho, cunha equipaxe de moito custe económico
Cantos equipos tendes neste momento?
Agora somos catro equipos. E moi probablemente en nada seremos un máis. A familia, afortunadamente, vai crecendo.
Canta xente forma parte dos catro equipos que neste momento tendes?
Arredor de 90 persoas. Cando se concrete ao 5º equipo probablemente pasaremos de 100.
Como se iniciou o equipo?
Por mor da montaxe das pistas de Pádel en Redondela comezouse a practicar o noso deporte na nosa localidade. Antes non era posible e as persoas de Redondela que tiñan interese en facelo víanse na obriga de se desprazar ata Soutomaior. De feito moitos dos integrantes do club de Pádel de Soutomaior son de Redondela.
Podemos dicir entón que o equipo de Redondela naceu coas pistas?
Naceu ao pouco tempo,si. Nós nacemos ao abeiro do club de tenis que xa existía. Barallouse a posibilidade de facermos un cub de pádel, pero entendemos máis operativo facelo así, pois o club de tenis xa estaba dado de alta. Xa que logo somos un club de tenis e pádel.
E cando comezou o pádel como tal?
O primeiro equipo montámolo no ano 2020.Penso que o boca a boca foi a chave que pode explicar o noso crecemento. Ao ter un club ao que acudir, a xente que ten interese ou que lle resulta atractivo o noso deporte vaise achegando. É como todo na vida: ata que alguén non toma iniciativa de comezar a facer realidade calquera idea,calquera proxecto ou calquera ilusión, non se sabe a dimensión á que se pode chegar.
O torneo que vides de facer foi en colaboración co Concello, verdade?
Si, organiza o Concello e nós colaboramos.
Que tal se porta o Concello con vós?
O Concello pórtase moi ben con nós. Non temos ningunha queixa, todo o contrario. Sempre están atentos ás nosas necesidades e sempre colaboran de maneira satisfactoria para resolvelas.
Como valorades o resultado do devandito torneo?
Valorámolo de maneira moi satisfactoria. Superamos con creces o resultado do que fixemos o ano anterior, o que nos produciu unha enorme satisfacción. Participaron 240 deportistas, case 100 máis que os que o fixeron na edición anterior. O ano pasado quedara moita xente en lista de espera e na presente edición decidimos ampliar o formato a 10 días. Organizar un torneo para tanta xente en tantos días, non resulta fácil. Hai moitas cuestións que atender. Afortunadamente saíu todo moi ben
A resposta do público?
Foi moi boa. As pistas estiveron ateigadas desde o primeiro día. Foi realmente emocionante, lembro que o luns ás 11:00 da noite había tanto ambiente que parecía que estiveramos en sábado pola noite. En xeral a resposta da sociedade de Redondela foi magnífica. O Concello, os voluntarios e os patrocinadores colaboraron cunha intensidade tan elevada que todo foi moito máis doado. Estamos moi agradecidos ao pobo de Redondela polo apoio que dan ao noso cub.
Rematamos: Que ten que facer un lector ou lectora que teña interese en formar parte do club?
Non ten ningunha complicación: achegarse polas pistas e falar con calquera de nós, ou escribirnos ás nosas redes sociais. A práctica do pádel engancha moi rápido porque comezas a pasalo ben moi pronto, xa desde o primeiro momento no que o comezas a practicar.
Por outra parte, polo que teño entendido no pádel o pospartido é moi importante?
Ha, ha, ha ha..Estás ben informado Marcos. Efectivamente as cañas e as brincadeiras pospartido son moi importantes no noso deporte.
