Félix Rial Veiga xogador do Choco

Félix Rial Veiga xogador do Choco

Félix é natural de Vigo, traballador autónomo e adestrador dun dos equipos inferiores do conxunto redondelán. Este vigués que manifesta sentirse un redondelán máis é unha das máximas figuras do Choco e nós non podiamos deixar de falar con el. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Xa son 8 anos no Choco Félix?

Si, o tempo pasa moi rápido. Pero estou absolutamente satisfeito e comprometido co equipo e penso que ata que o corpo aguante voume quedar aquí. Por outra parte xa teño unha idade e xa non me quedan moitos anos como xogador

Ti es de Vigo pero recoñecerás que a afección de Redondela é especial?

É unha pasada, son o mellor que temos. Grazas a eles síntome un choqueiro máis. Por outra parte a relación entre os xogadores a directiva e a afección é espectacular, aínda que soe a tópico non o é; somos como unha pequena familia e ben avenida

Como vai a túa lesión?

Bastante mellor. Recuperei máis rápido do previsto e hoxe xa estiven para xogar uns minutos

Que foron suficientes para dares un pase de gol?

Ben, o tempo que teña trato de sumar todo o que poida desde logo. Niso consiste o fútbol, en facer o mellor posible o traballo de cada un para beneficiar ao colectivo

Este ano as cousas non están indo tan ben como os anteriores?

Este ano é de moitos cambios con xente nova, incluído o adestrador e custa adaptarse pero estamos traballando moi ben e teño a seguridade de que pronto comezaremos a ver os froitos do traballo. Estou seguro de que a segunda volta será moito mellor cá primeira

Entre os cambios que mencionas cómpre salientar, creo eu, os cambios de formato que impón a federación nas distintas categorías. Consideras que son positivos para o fútbol?

Uf, non sabería dicirche , haberá que deixar que pase o tempo para podelos valorar con rigor. En principio si digo que parece todo un pouco raro, polo menos moi diferente ao que estabamos afeitos

No futuro pódese soñar con dar o salto á categoría superior?

Por que non?

O teu compañeiro Comis díxonos que ti es o responsable da peor cea da historia do Choco, que hai de certo?

Ben, o único que podo dicir é que esa cea foi no local dun amigo e desde aquela xa non é tan amigo .A verdade naquela cea menos coas cervexas houbo problemas con todo.

Ese tándem Félix Comis,-Comis Félix, pódese dicir que é o Messi-Neymar do Choco?

Ha ha ha ha ha, pódese dicir que si. Agora en serio; creo que todos os adestradores que pasaron por aquí nos últimos anos non poden ter ningunha queixa do noso compromiso