O pasado día 16 Javier Bas e Ana Alonso realizaron unha conferencia de prensa no seu local de Redondela na que afirmaron que :” O Concello concorreu este ano a unha orde de axudas para reformar o recinto cun proxecto que tiña un copia e pega da sinatura do arquitecto que redactou o orixinal hai dous anos”
Os populares esixen “ a depuración de responsabilidades ao máximo nivel xa que a rexedora certificou os proxectos presentados e sinalan que o arquitecto lle respondeu ao concello que non tiña ningunha relación contractual nin documental coa solicitude de subvención”
Acusan á alcaldesa de “ mentir sobre a apertura dun expediente de investigación xa que non foi promovido por ela, senón que o fixo de oficio o secretario tras recibir información do PP”.
Para os populares o Concello de Redondela perde moitas subvencións porque ao seu xuízo no concello hai moitas trapalladas, as cousas fanse mal, e iso botaría para atrás ás distintas administracións que se resistirían a investir , din os populares.
Bas e Alonso defenderon a profesionalidade dos e das funcionarias municipais e afirmaron que , de confirmarse as supostas irregularidades, as responsabilidades serían unicamente da alcaldesa e do seu goberno.
