Luis Bará deputado do BNG

Luis Bará deputado do BNG

Falamos co deputado Luis Bará para coñecer como están os ánimos dos nacionalistas en relación coa próxima cita convocatoria electoral, que sen dúbida será unha cita coa historia pois nunca , e cando digo nunca quero dicir nunca, o nacionalismo galego tivo posibilidades realistas de gobernar Galicia. Luis amosouse animado, consciente de que vai ser difícil, e convencido de que estamos ás portas de que por primeira vez unha muller, unha nacionalista galega, poida presidir o goberno do país galego.

Temos unha oportunidade histórica de acadar a presidencia da Xunta. Ana Pontón ten unhas cualidades que lle permiten chegar a todo tipo de sectores”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi ao programa de Land Rober hai pouco. Foi a pintar a mona, como dicía o presentador Roberto Vilar, ou foi a outra cousa?

Foi porque hai datos que din que Rueda ten un baixo nivel de coñecemento e de valoración, ten un perfil de señorito urbano, de persoa distante e pouco humana. Foi a este programa porque desde o PP están a tentarlle construír un perfil. Este programa tiña o formato perfecto para isto.

Crees que o PP utiliza aos medios públicos para o beneficio partidista ?

Iso é unha evidencia. Xa o facían na época de Feixoo. Radio Televisión de Galicia funciona como gabinete de prensa do Partido Popular. Todo o que ten que ver cos informativos teñen a función de promover e enxalzar o labor do PP e dos seus líderes.

Escoitei con moita atención o discurso do portavoz PP, Alberto Pazos, no debate do estado da nación, e no referente ao asunto da TVG, dicía que o goberno bipartito era peor.

Cando o PP ten algunha dificultade para xustificar anomalías ou irregularidades mira para atrás e busca a ver se hai algo no bipartito co que compararse. No caso de que iso fose así, iso non significa que agora o fagan mal eles tamén.

Utilizar os medios públicos de maneira partidista é grave, pero lexislar ad hoc para tratar de saltarse as sentenzas xudiciais a min paréceme máis que grave. E teño a sensación de que no tema dos eólicos a Xunta trata de regular para tratar de liquidar os impedimentos xudiciais a distintos parques eólicos aos que os tribunais lles deron para atrás. Consideras que isto é así?

Considero que fixeron tal cantidade de chapuzas lexislativas e de parches que agora o Tribunal de Xustiza de Galicia está a botarlle abaixo practicamente todos os proxectos. O PP está a facer unha campaña de coacción, chantaxe e presión aos tribunais de xustiza utilizando a propia Xunta de Galicia, como á patronal eólica, á patronal empresarial, a CCOO, a UXT e a outras entidades sociais para presionar ao TXG dicindo que hai inseguridade xurídica.

Debido a esta campaña de presión, crees que estas sentenzas do Tribunal Supremo que invalidan estes parques eólicos poidan perigar?

Se a sentenza que está no Supremo, que é a do parque eólico de Corne, se gaña neste tribunal , isto provocaría un efecto dominó e caerían practicamente todos os parques porque todos teñen o mesmo erro de tramitación. Isto sería un desastre para o PP e estas empresas.

O PP di que se está paralizando o sector eólico e perdendo moitos postos de traballo. Isto é falso, foi o PP quen o paralizou no 2009 e, nos anos 2017-2018, abriuse unha especie de barra libre e tramitáronse centos de proxectos.

Como está o de Ence, ves algunha posibilidade de que desapareza da ría de Pontevedra?

O concello vai presentar un recurso no Tribunal Constitucional e está pendente a súa valoración por unha suposta vulneración de dereitos. Este trámite é necesario para acudir á xustiza europea. Neste tribunal hai antecedentes como o da AP9 que permiten ser optimistas. Hai casos parecidos de concesións de infraestruturas públicas nas que non se seguiu o procedemento da normativa europea.

En relación ao Concello de Pontevedra, pouco despois de entrar esta nova Deputación, o concello mandou unha nota de prensa laiándose da paralización da remodelación do convento de Santa Clara. E nestes día a Deputación acaba de mandar outra nota de prensa dicindo que Santa Clara foi espoliada polo Concello de Pontevedra. Espoliou o goberno de Pontevedra o convento de Santa Clara?

Isto é unha fuxida cara adiante de “demolicións Domínguez “, así o chamamos nós a Rafa Domínguez, que é o vicepresidente da DEPO. Este señor, criticou e estivo tentado deslucir a compra de Santa Clara, que foi unha gran operación cun prezo razoable. Nesta operación as monxas puxeron unhas condicións e unha delas era levar o mobiliario e demais que eran da súa propiedade. Agora que está na DEPO, e está a ter moitas críticas, este señor está a tentar defenderse con estes ataques.

Rafael Domínguez é o novo responsable de memoria histórica na DEPO, non?

A memoria histórica xa non existe na DEPO. Non hai departamento, nin programación, nin nada.

Valórame o resultado das eleccións municipais e estatais do BNG.

Nas eleccións municipais houbo un bo resultado, cunha subida importante. Tamén houbo datos negativos, como foi perder algunha alcaldía referente do BNG por motivo dalgunha substitución histórica como por exemplo Ponteareas co falecemento de Pepe Represas . Para compensar destacaría o enorme impacto positivo da alcaldía de Santiago de Compostela, algo que para o nacionalismo ten un elevado valor simbólico. Moi importante tamén a incorporación de moitísima xente nova con perfís profesionais interesantes.

Co resultado das eleccións municipais, perdeuse a Deputación de Pontevedra. Que consecuencias vai ter isto para as pontevedresas e os pontevedreses?

Creo que é a perda da DEPO foi consecuencia directa do resultado do PSOE en Vigo, que baixou moitísimos votos. Aínda que son crítico co papel das deputacións mentres existan teremos que tratar de que sexan útiles, e isto é un retroceso evidente. O BNG lideraba aspectos tan relevantes como a compostaxe dos residuos, o Plan Ágora de mobilidade e transformación de núcleos urbanos, as políticas de memoria histórica, igualdade. Todos estes campos actualmente non teñen ningún departamento na DEPO e este gasto adxudicarano a outras causas.

Coñeces o cruzamento de Setados, no concello das Neves? É un cruzamento moi perigoso e o anterior Goberno de As Neves levaba anos solicitando á Xunta modificalo. A resposta da Xunta de Galicia a este tema sempre foi non, resposta da conselleira Ethel Vázquez. Como é posible que agora, que entrou o PP no concello, o goberno local anuncie un acordo con esa mesma conselleira para e arranxar ese grave problema de tráfico?

Si, coñézoo. Levo sete anos metendo esta emenda no Parlamento, o PP sempre votou en contra. Esta actuación é un clásico do PP.

Valórame as eleccións do Estado.

O BNG foi a cuarta forza que máis subiu no Estado e o noso deputado foi o máis caro tamén. Custounos 153.000 votos. Con este sistema electoral cústanos moitísimo obter deputados. Isto deixounos un sabor agridoce. En Pontevedra tiñamos fundadas esperanzas de quitar representante e non a sacamos. Non puido ser malia subirmos, nesa provincia, 14.000 votos, pois pasamos dos 39.000 aos 53.000. Que con 53.000 votos na provincia de Pontevedra non obtiveramos representación fala ben ás claras do difícil que é para o BNG. Subimos, e temos tamén unha senadora, pero non acadamos o noso obxectivo de ter dous representantes no congreso, isto daríanos moitísima máis forza negociadora.

Fálame do acordo de investidura BNG-PSOE.

Acordo positivo e beneficioso para Galicia. Isto demóstrao a reacción do PP, que están rabiosos. Quéreno desacreditar criticando. A quita da débeda, a AP9, os xulgados, trens, dependencia, pensións. Este foi un acordo de investidura e temos que traballar para que se cumpra e seguir conseguindo cousas. Creouse entre PSOE e BNG unha comisión de seguimento para asegurar que todo o acordado se cumpra.

Valórame o traballo de Carme Da Silva no Senado?

Traballo complementario a nivel territorial e de temáticas polas súas características e calidades. Moitas veces fanse cousas en Madrid que non teñen transcendencia pública pero que son moi importantes.

Cando prevés que convoquen as eleccións galegas?

Polos datos que temos serán na primavera, cremos que, entre marzo e xuño, ou mesmo que coincida coas europeas de xullo, segundo lle interese a Rueda.

Tratando de non confundir a realidade co desexo: hai posibilidades realistas de que Ana Pontón sexa presidenta da Xunta?

Si, todas. Penso que hai unhas circunstancias moi propicias e nunca houbo unha situación semellante.

Nunca na historia do nacionalismo?

Ana Pontón, como líder, ten unhas cualidades e unhas características que nunca tivo ningún líder no BNG. Ten moita capacidade de aglutinar o voto do ámbito nacionalista e de esquerdas, pero ten tamén moita capacidade para chegar a outros públicos.

A clave está en xerar expectación e ilusión de cambio para mobilizar ao voto abstencionista que pensa que como o PP vai gañar xa non van votar. Se somos capaces disto, entón é posible. Todas as enquisas din que o BNG segue subindo e o PP está á baixa e Rueda non termina de consolidarse como líder.

Creo que temos unha oportunidade histórica e estamos en condicións de conquistar a presidencia da Xunta. Ademais estamos nun momento determinante, se non conseguimos o goberno, o país entra nun proceso de grave deterioración en economía, industria, ataque ao territorio, á identidade da lingua e á cultura. Temos que chegar ao goberno para reverter este proceso .