O coronavirus e as oposicións do ensino en galicia

Suso Vermello CIG Ensino A Nova Peneira

Este ano, no mes de xuño, estaban previstas a celebración de oposicións ao ensino no noso país. Sumando as prazas de primaria e secundaria , arredor de 2.000 persoas verían recompensadas as horas de estudo das súas carreiras universitarias, e do posgrao e da preparación da oposición, algo tan sumamente duro que se acaba convertendo nun traballo en si mesmo, cunha praza para toda a vida. Porén, a emerxencia sanitaria ten a milleiros de opositores angustiados en relación co que vai pasar coa convocatoria. Outras comunidades do estado que tamén as tiñan convocadas xa anunciaron con claridade a súa posición ao respecto. No caso de Galicia, en principio manifestan que se manteñen para a data prevista, de ser o caso sería a única comunidade do estado que as mantivera, algo obxectivamente moi difícil de poder cumprir, sendo realistas. A situación de incerteza mantén a milleiros de persoas na angustia máis absoluta. Nós, para tentar comprender o estado das cousas falamos co SN da federación de ensino da CIG

SUSO BERMELLO SECRETARIO NACIONAL DA FEDERACIÓN DE ENSINO DA CIG

AGORA MESMO, MILLEIROS DE OPOSITORES ESTÁN NUNHA SITUACIÓN DE ABSOLUTA INCERTEZA, PROVOCADA,AO NOSO XUÍZO, POR UN AFÁN PURAMENTE ELECTORALISTA DO GOBERNO GALEGO”

Oes Suso, unha pregunta antes que nada, o de Bermello é o teu apelido ou é un alcume?

Ha ha ha ha, non é alcume non, é o meu apelido. Non che digo que non exista relación semántica entre o significante e o significado, pero eu son Bermello, tamén de apelido.

Cóntanos como está a situación das oposicións do ensino no país galego?

Agora mesmo estamos nunha situación de absoluta incerteza provocado, ao noso xuízo, por un afán exclusivamente electoralista do goberno da Xunta. Nós entendemos que o que queren é unificar a idea de que todo está ben xestionado e no menor tempo posible após de levantarse o estado de alarma tanto as eleccións como as oposicións poden celebrarse, malia que hai moi pouco tempo a propia Xunta deu a entender con claridade que as oposicións non se celebrarían.

Para cando estaban convocadas?

Agora mesmo o proceso das oposicións está desde a perspectiva administrativa paralizado polo estado de alarma, polo tanto nin sequera se abriu o prazo para matricularse. Curiosamente este prazo comezaba o día da entrada en vigor do estado de alarma, o 16 de marzo. A previsión era que a presentación fose para o 20 de xuño.

Pero esa data era xa definitiva?

Non, era unha estimación, pero unha estimación clarísima. As oposicións en Galiza, desde hai moitos anos sempre se celebran da mesma maneira, moi concentradas no tempo e, en cinco semanas resólvese case con independencia do número de plazas convocadas.

A convocatoria era común a todo estado ou particular de Galicia?

A xestión do persoal docente, desde hai moitos anos está descentralizada e as competencias son plenas da Xunta.

Cantas prazas se convocaran?

Arredor de 2.000 prazas, sumando os do corpo de mestres e os de secundaria.

O número de prazas é elevado, segundo o criterio da CIG, este feito ten relación coa convocatoria electoral?

O das eleccións axuda, pero non son as eleccións o motivo , a explicación deriva dunha situación extraordinaria.

Cal é ?

Entre o ano 2.007 e o 2.010 houbo unha oferta de oposicións amplas, porque había un sistema transitorio de acceso que favorecía ás persoas de longa traxectoria na interinidade. Neses anos, case todos de goberno do bipartito, reduciuse de maneira significativa o número de interinos, de feito estivemos por debaixo do 5%, que é o número mínimo necesario. A partir de aí prodúcese un bloqueo nas oposicións entre o 10 e o 16.Houbo un ano no que non houbo, e no resto impúxose unha taxa de reposición que podía ser do 10 ou do 50 por cento. Isto é que, se se xubilaran 100 persoas, só se podían ofertar 10 prazas no primeiro dos casos e 50 no segundo.

Esta taxa dispararía o número de interinos?

Obviamente así foi, así mesmo apareceron sentenzas da UE que determinaban que o estado español estaba abusando da contratación temporal, en todas as administracións, non só no ensino. No ano 2.017 os sindicatos españois chegan a un acordo co ministerio de Facenda, daquela estaba Montoro, que establece que nos anos 19 e 20 vanse poder facer oposicións convocando máis prazas cás xubilacións que se produzan.

E cal foi a posición da CIG ao respecto dese acordo?

Foi moi crítica, porque nós o que entendiamos é que había que eliminar a taxa de reposición. Para nós ese é un acordo trampa porque ten un límite temporal, cal é o motivo de que non sexa indefinido? E non dá resposta real ás necesidades que existen e non aumenta o número de traballador@s do sector público.

Noutras zonas do estado que tamén convocaran oposicións de ensino xa determinaron con claridade que non se poden celebrar, pero en Galicia seguimos en situación de incerteza. A razón é puramente electoralista?

A min non se me ocorre outra . O razoable é marcar un prazo moi pequeno para dicir con claridade se van convocalas ou non, e desde logo supeditar a convocatoria ao estado das circunstancias sanitarias. Os opositores son milleiros de persoas e non se lles pode ter en vilo.

Se se adían as oposicións para o 2.021 , que debería pasar?

Nós entendemos que facelas en outono é moi difícil de xestionar, e se finalmente se adían para o próximo ano próximo; nin se pode perder ningunha praza, ese é un temor que temos, e téñense que acumular para o ano que ven. Pero a Xunta segue a manternos en ascuas .Outras comunidades como por exemplo Euskadi ou Castela León xa comunicaron con claridade a súa posición, e Galiza, nada. Entón ante as presións recibidas sae a conselleira emitindo unha carta, para nós, infumable, na que confirma que quere manter as oposicións.

En que data?

En xuño, na data prevista

Como?, pero iso é surrealista. Se calquera persoa que non estea fóra da realidade dáse de conta que é absolutamente imposible que comecemos a recuperar certa normalidade, no mellor dos casos ata a segunda quincena de maio

Esa data que apuntas sería no mellor dos casos tería que ir todo moi ben para que fose así. Fíxate que todas as grandes aglomeracións de persoas que se prevían para xuño, incluso algunhas de Xullo están canceladas.

E coa proba de acceso a universidade que vai pasar?

De momento mantense, para Xullo, eu teño dúbidas de que se poida celebrar e a verdade é un problema grave. As oposicións se non se celebran é un problema moi importante para as persoas que opositan, pois perden un ano das súas vidas, pero no caso das probas de acceso ás Universidades, ou se muda o sistema de acceso cambiando as regras de acceso a metade do partido , ou hai que facer unha proba porque esa proba equivale ao 40% da nota para entrar nunha universidade.

Volvamos ás oposicións; a día de hoxe a única comunidade que di que mantén as oposicións en Xuño é a nosa?

Si.

Falo por experiencia previa, porque eu cando rematei a carreira de filoloxía tamén fun opositor, e sei que preparar oposicións é algo angustioso. Estás moitísimo tempo, incluso varios anos, dedicándote case en exclusiva a preparalas, e xógaste a vida nunha soa carta que pode estar motivada por moitos factores en moitos casos non alleos á pura e dura fortuna. Iso sábeo calquera persoa que algunha vez fixera unhas oposicións, e a verdade resultaría moralmente un pouquiño noxento que o goberno galego non tivera escrúpulos en manter en situación de angustia a milleiros de persoas en función dun cálculo puramente electoral?

Eu deille moitas voltas e se ti encontras outra hipótese que o poida explicar encantaríame coñecela, porque eu por máis que o penso non son capaz de encontrar outro motivo. Vamos ver, a CIG quere que se celebren oposicións e que haxa máis e mellor emprego público, claro que si, pero ante todo está a vida e a saúde das persoas. E se fose todo, desde o punto sanitario ben, e finalmente Galiza fose a única comunidade que fixese oposicións en Xuño, o efecto chamada sería masivo. Milleiros de persoas virían opositar aquí, como é lóxico , lícito e lexítimo que cada ser humano se busque a vida, pero o risco potencial de contaxio e de rebrote epidémico ante esa situación sería enorme.

A vós chégavos queixas de opositores?

Un feixe delas, en liñas xerais apuntan á desesperación produto da incerteza, tanto os que queren que se suspendan como moitos outros que aspiran a que se manteñan.

Si, pero iso é normal, se eu estivera todo o ano encerrado estudando 10 horas diarias, creo que desexaría que se mantivera a convocatoria

Si, claro , son absolutamente consciente de que é así. É máis, se ven a CIG e di que nós non estamos de acordo en que se manteñan, somos plenamente consciente de que segmentos de opositores poden tomalo mal, entendémolo perfectamente, pero nós temos que tomar decisións en función do que nos parece correcto, e xa che digo que o prioritario ten que ser a vida e a saúde das persoas. E a día de hoxe, repito, a día de hoxe, aínda póndonos no mellor dos supostos posibles de que a mediados de maio se recuperase certa normalidade, todo parece indicar que a aglomeración de xente que provoca unha oposición, no mes de xuño non se pode dar.