A policía e o coronavirus

Lito xefe de policía Concello de Gondomar A Nova Peneira

A situación que estamos a vivir derivada do estado de alarma, que trata de conter a emerxencia sanitaria, cambiounos a vida a case todos. En maior ou menor medida, e case dun día para outro , practicamente toda a sociedade, vímonos na obriga de mudar os nosos costumes, de deixar de traballar ou de facelo de maneira moi distinta á que estabamos habituados. Quixemos coñecer como o levaban o funcionarios policiais e falamos con Lito, xefe da policía local de Gondomar e un experimentado axente con máis de tres décadas de actividade profesional. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

LITO IGLESIAS , XEFE DA POICÍA LOCAL DE GONDOMAR

SEMPRE ME SENTÍN MOI BEN TRATADO POLA SOCIEDADE, PERO NUNCA PERCIBÍN TANTO CARIÑO CARA AO NOSO TRABALLO COMO NA ACTUALIDADE”

Ti xa tes bastante tempo de experiencia como axente de policía non Lito?

Pois si, comecei no ano 1988.

Miña nai, 32 anos, toda unha vida¡¡

32 xa!, a verdade é que nunca me parara a contalos, abofé que son motivos si.

Gondomar non é a primeira localidade na que traballas verdade?

Efectivamente , eu inicialmente traballei na policía local de Redondela, e agora estou nesta vila do Val Miñor.

E que tal che tratan en Gondomar?

Estou encantado de estar aquí, hai moi boa disposición para traballar por parte de todo o mundo, e hai unha vontade inequívoca de facer ben as cousas. A miña relación co comandante de posto da Garda Civil é excelente.

Estou seguro de que en tantos anos de experiencia terás vivido situacións de todo tipo, incluso algunhas de enorme dificultade, pero supoño que ningunha da dimensión da que estamos a vivir no momento presente?

Sen dúbida, a limitación tan extraordinaria de dereitos fundamentais que vivimos na actualidade, non a experimentamos nunca antes na historia da democracia española. Ningunha persoa da nosa xeración viviu antes nada que se pareza a isto.

E ti persoalmente como o levas?, porque imaxino que ter que convivir cun elevado nivel de tensión de maneira permanente pode afectar ao estado anímico?

A min no me queda máis remedio que manter a serenidade. Tes que preocuparte polo traballo, pola saúde física e mental dos teus subordinados, porque todo se desenvolva de maneira eficaz e dilixente e porque poidamos dar resposta a calquera necesidade que poida ter calquera veciño, todo iso, practicamente non che deixa espazo para preocuparte por ti mesmo.

Si vale, pero ti es un ser humano, e como calquera outro tes emocións e en función das circunstancias farán que ás veces esteas ben e ás veces non

Eu síntome un privilexiado de poder seguir desenvolvendo o meu traballo, e de colaborar socialmente para que esta situación dure o menos tempo posible.

Cantos axentes ten agora a policía de Gondomar en Servicio?

9 persoas.

Cando comezou esta situación de emerxencia sanitaria déronvos algún tipo de protocolo para protexer ás vosas persoas no voso traballo?

As administracións locais non teñen músculo administrativo suficiente para xestionar protocolos deste tipo. Os nosos protocolos de protección partiron desta xefatura, e dígoo con toda humildade e sen ningún ánimo de nada.

E como lograches desenvolver protocolos de proteccións para os axentes locais de Gondomar?

Tomando como referencia os protocolos para as forzas e corpos de seguridade do estado. Eu o que fixen foi adaptar eses protocolos ás novas circunstancias.

En que consistiron as medidas que adoptastes?

Illar aos axentes en patrullas fixas, que non teñan contacto entre eles, polo tanto no relevo non coinciden, e a asignación de vehículos patrulla a parellas permanentes.

Ah, desa maneira se, por desgraza, algún axente contrae a enfermidade, o risco potencial de contaxio limítase ao seu compañeiro de patrulla, só a unha persoa, non aos restantes compañeiros

Esa é a intención, o que loxicamente supuxo un importante cambio na organización do traballo diario, alén dos protocolos nas desinfeccións dos vehículos e do aseo persoal e da intendencia loxística necesaria para enfrontarnos a todo tipo de supostos de actuación posible, e poñer en marcha todo isto require un esforzo inxente.

Ademais do esforzo, implica dispor fisicamente do material necesario para a vosa protección e para a dos individuos cos que as circunstancias do día a día vos exixa interactuar. Tedes luvas, mascarillas e elementos de protección adecuados e suficientes?

Nós tivemos moita sorte, porque nunha nave do polígono da pasaxe había moito material dese tipo, e o empresario doouno todo ás forzas e corpos de seguridade. Compartímolo coa garda civil, polo tanto nós estivemos dotados do material necesario antes, incluso, có propio Concello.

Unha situación como esta na que a maior parte da poboación estamos pechados nas nosas casas require un grao de civismo sobresaínte para podela superar canto antes, e para podela superar en paz. Ao teu xuízo o comportamento cívico da sociedade de Gondomar é o adecuado?

Con respecto a isto sempre se pode falar de patróns xerais, e en liñas xerais dígoche rotundamente que o comportamento cívico da sociedade é admirable. É que ademais ten que ser así, porque se houbese unha porcentaxe relevante de desobediencia civil non hai policía no mundo que o poida controlar. Hai excepcións claro que si, e nós estamos para iso, para controlar ás excepcións, pero reitero que o comportamento xeral de toda a sociedade é como ten que ser, correctísimo.

Ter que controlar a mobilidade dunha persoa tivo que significar un cambio brutal no voso traballo?

E tanto que si, fíxate nós pasamos de estar protexendo o dereito fundamental dos cidadáns á manifestarse , falo por exemplo do 8 de marzo, a nunha semana estarmos impedindo que dúas persoas vaian xuntas no seu coche.

Se eu tivera o teu traballo, aínda que levara moitos anos facéndoo coma ti, costaríame unha inmensidade, de feito non sei se podería facelo, parar a un cidadán normal e preguntarlle a onde se dirixe ou de onde ven. Corríxeme se me equivoco, pero supoño que psicoloxicamente non será nada fácil chegar a exercer ese nivel de control social?

Pois agradezo a túa empatía e sensibilidade porque efectivamente non é nada fácil. Esta situación nos obriga, case a meternos na vida íntima dos noso veciñas e veciños, que na súa inmensa maioría son xente normal, respectuosa e que se comporta de maneira cívica.

E non vos proporcionaron ningún tipo de protocolo psicolóxico que permita que en actuacións dese tipo tanto o axente que pregunta como o cidadán preguntado poidan levar a situación da mellor maneira posible?, porque, se para o que pregunta seguro que é difícil, para o preguntado tamén o é. A modo de exemplo cóntoche que eu atendo habitualmente a un familiar con alzheimer e tampouco me resulta agradable cando algún policía me para e teño que acreditar a enfermidade do meu familiar

Non, de feito as baixas psicolóxicas na policía é un problema real, que si existe. Nós en concreto, en Gondomar temos unha persoa de baixa por ese motivo. O traballo policial, asegúroche Tino, que psicoloxicamente ten un elevado nivel de dificultade.

O índice de actos delituosos máis habituais, aumentou, mantense ou diminuíu?

Os delitos contra o patrimonio diminuíron, o que si temos un pico de aumento en Gondomar en casos de violencia de xénero.

Cales son os vosos sentimentos en relación coa valoración xeral que ten a sociedade ao respecto do voso traballo?

Como che dixen antes eu levo moito tempo na policía, e sempre me sentín moi ben tratado pola sociedade, que en liñas xerais comprende, respecta e valora o noso traballo, pero nunca recibín tanto cariño como nestes momentos, algo que desde logo me enche de orgullo , agradecemento e non fai máis que reforzar o noso compromiso de sermos un servicio social, porque ao fin e ao cabo o traballo policial ten que ser un servizo para facilitar a vida aos nosos veciños e veciñas. Nós somos persoas normais que temos os mesmos sentimentos, desexos, medos e necesidades que calquera ser humano e o noso traballo debe servir para axudar a resolver problemas e dificultades e ,en definitiva, facer a vida un pouco máis fácil para todos.