Bieito Lobeira, secretario de organización do BNG

Bieito Lobeira secretario de organización do BNG A Nova Peneira

En breve o BNG afrontará a súa asemblea nacional na que as e os seus militantes decidirán o rumbo político que queren que siga a súa organización. Semella que o BNG está nun momento doce que, con todas as reservas, se pode analizar como algo máis que un fenómeno conxuntural, pois parece que unha parte significativa da sociedade galega está a ver aos nacionalistas como a forza que defende de maneira inequívoca o interese colectivo de Galicia sen ningún outro tipo de hipoteca máis que o ben común do pobo galego e así se está a inserir aos poucos na psique colectiva de moitos galegos e galegas. Neste momento contextual, que pode ser histórico para o nacionalismo, e ante a inminencia da asemblea do Bloque, Ana Pontón anunciou que abría un proceso de reflexión persoal sobre cal sería o seu papel adecuado na organización na procura do interese colectivo. Nós conversamos con Bieito o secretario de organización do bloque para que nos explicara a motivación real dese proceso de reflexión.

Non vou dicir que Bieito é un vello militante do BNG porque só ten un ano máis ca min, pero mal que nos pese ás persoas da miña xeración si que xa temos que cualificarnos como veteranos, polo tanto velaí vai o que deu de si a conversa con Bieito, SO do Bloque, veterano militante nacionalista e un excelente conversador co que sempre é un pracer compartir unha caña cando os camiños da vida fan que coincidamos pola marabillosa e combativa parroquia de Seixo onde el é natural.

É perfectamente verosímil que esteamos ás portas de que o nacionalismo galego goberne este país, e cunha muller de presidenta da Xunta”

Que significa en realidade o proceso de reflexión que anunciou Ana Pontón ?

Significa que non se entenda que todo está feito por estarmos nun bo momento político e termos unha atmosfera social favorable. Quere analizar a realidade, reflexionar e definir unha estratexia sen caer na auto compracencia. Nós temos moitas cousas que mellorar a nivel interno, de intervención social e política, … É neste marco onde se produce un toque de atención da portavoz nacional que pretende que enfrontemos esta asemblea nacional cunha análise colectiva para seguir tomando as grandes decisións do bloque neste organismo de asemblea coa militancia como se fixo sempre. Este é o noso gran valor.

A nosa compañeira Lucía Santos entrevistaba a Luís Bará o mes pasado, e el consideraba que estamos nun momento histórico pois por primeira vez o soño de tantas persoas que nos sentimos nacionalistas , que algún día o nacionalismo galego poida gobernar o noso país, albíscase como verosímil. Ti compartes esa mesma visión de Luís?

Absolutamente. En todos os termómetros que temos para medir a situación na que estamos as perspectivas do BNG son moi positivas. Tanto a nivel electoral, na atmosfera que sentimos, como no plan de organización interno. Como dato, no último ano 1200 militantes novos sumáronse ás ringleiras do Bloque. Estamos mellorando moito a implantación territorial, aínda que recoñezo que de forma desigual en distintas áreas de Galiza. Vai depender do que nós fagamos e como enfrontemos esta situación pero é perfectamente verosímil, e imos traballar para que ocorra, que por vez primeira teñamos unha presidenta da Xunta e sexa dar un paso adiante para avanzar cara a soberanía.

Para que iso sexa posible é preciso ensanchar a base das persoas que confían no nacionalismo galego. E velaí está, ao meu xuízo, o gran problema do nacionalismo na súa historia: como facer para chegar a esa parte da sociedade á que nunca chegamos sen perder os nosos principios?

Esta parte da sociedade é moi plural e moi diversa, e cada quen pode ter elementos de atracción completamente diferentes. Eu creo que hai segmentos da sociedade que nun país como o noso, que está desvertebrado, negado e anulado, poden ver no Bloque a forza que vai defender de maneira inequívoca os seus intereses. Por outra parte na mocidade e nos novos votantes o BNG é a forza máis votada e nós debemos responder a esa situación co noso traballo político de cada día, de todos e cada un dos días, non só para conservar ese inmenso caudal de confianza senón para multiplicalo. Temos que intentar chegar a todas as persoas que aspiren a que unha forza política actúe co impulso dunha soa forza motriz : a defensa dos intereses do pobo galego en xeral e das capas máis necesitadas do noso pobo en particular.

Hai algún problema político interno no BNG que sexa o causante deste proceso de reflexión?

Non, na dirección ninguén cuestiona o papel de Ana Pontón como portavoz nacional e que ten que ser ela a referencia pública e candidata do BNG.

As análises que saíron, en diferentes medios manifestando que había diferenzas entre Ana Pontón e a UPG teñen algo que ver coa realidade?

Nada, absolutamente nada. Son disparates ou especulacións interesadas que só buscan facer dano ao nacionalismo

Como sabes Bieito nós facemos xornalismo a pé de rúa, e chamoume a atención o que dixeches antes referente a un proceso de implantación desigual. Na nosa área de influencia a situación do BNG é moi boa na maioría das localidades pero tedes dous problemas serios: Salceda de Caselas e Pazos de Borbén. Que ides facer para solucionalos?

Son consciente si. Para min a chave está en analizarmos o resultado das eleccións galegas. En ambos casos este proceso electoral amosou que, nin en Pazos nin en Salceda, a xente lle ten medo a votar ao Bloque. Debemos de tratar de trasladar esa confianza tamén a nivel local, e para iso cómpre axudar aos compañeiros e compañeiras das dúas localidades que dan o mellor de si mesmos en circunstancias moi difíciles e tratar de solucionar problemas do pasado que teño a certeza de que nunca se van volver repetir.

Agora fálanos do teu futuro, despois desta Asemblea Nacional vas seguir en primeira liña da política?

Eu son militante do BNG e vouno a seguir sendo sempre, non sei exactamente en que función pero vou a seguir sempre aquí.