Galegas e galegos polo mundo II

Fernando Casas en Luxemburgo
Fernando Casas en Luxemburgo

Comezamos a xeira de reportaxes con galegas e galegos que viven noutras partes do mundo falando dun dos países máis grandes do planeta: China, e na segunda entrega da serie deterémonos nun dos máis cativos:Luxemburgo. Para axudarnos a coñecer este pequeno estado situado no corazón de Europa imos falar con Fernando Casas Martínez. El é fillo de nai redondelá e de pai pontecaldelán. Fernando naceu en Vigo pero as circunstancias profesionais da súa familia levárono a vivir os 18 primeiros anos da súa existencia fóra de Galicia. Logo estudou dereito na capital do país galego e os camiños da súa vida levárono a traballar como asesor fiscal neste pequeno estado. Casado cunha moza estadounidense ten dúas fillas pequenas. Fernando é moi bo conversador, nótaselle que xa está plenamente inserido na vida luxemburguesa pero á vez amosa certa morriña cando se refire á vida e ás persoas que deixou atrás. En calquera caso atendeunos con moita amabilidade , explicounos o mellor que puido e soubo as principais características do país no que vive e nós dámoslle as grazas pola súa atención. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

No lugar no que vivo de Luxemburgo ás veces sinto como se estivera en Redondela”

Os camiños da vida fixeron que na túa infancia e adolescencia tiveras que vivir en numerosas cidades do estado español: Castellón, León, Madrid, varias localidades de Andalucía….Cal che gustou máis?

Jerez de La Frontera. É unha cidade moi agradable para vivir e con moitos atractivos para coñecer. Aos seus encantos hai que engadir a súa boa situación pois está preto de Sevilla e de Cádiz, e ambas localidades son preciosas.

Que nos recomendarías coñecer desa localidade?

As adegas e todo o relacionado co universo do cabalo.

Cando volviches a Galicia?

Cando cumprín os 18 anos. Coincidiu coa miña entrada na USC para estudar a carreira de dereito en Santiago.

Supoño que a época de estudante universitario, nunha cidade tan fermosa como a capital de Galicia, sería especialmente feliz?

Pois si, foi unha época moi divertida e feliz para min, imaxino que ao igual que para a maioría das persoas que pasan pola experiencia da vida universitaria.

Por que estudaches dereito? Por vocación?

Non. Aos 18 anos a miña vocación era ningunha.

Ha ha ha ha. Así de rotundo?

Si, así de rotundo. O que pasa é que se me daban máis ou menos ben as letras e relativamente ben tamén as matemáticas e digamos que o dereito era como unha especie de camiño do medio.

Chegouche a gustar o dereito?

Non, nunca. Ata que en 3º de carreira cruceime co dereito financeiro e navegando entre números e impostos descubrín unha vía que si podía ser atractiva para min. De feito así foi, pois o mundo dos impostos é ao que me dedico profesionalmente na actualidade.

Unha vez rematada a Universidade que aconteceu na túa vida ata chegares a Luxemburgo?

Comecei a preparar a oposición para inspector de Facenda. Eses anos vivín entre Redondela e Pontevedra ata que atopei un traballo de asesor fiscal en Madrid. Pero eu son un home moi curioso, gústame coñecer outras culturas e distintas formas de entender a realidade e tiña desexos de probar a vertente internacional da fiscalidade.

Ti es asesor fiscal internacional, hai moitas diferenzas entre as lexislacións tributarias dos distintos países?

Sii. Hai países cunha lexislación tributaria enormemente complexa e tamén os hai que a teñen moi doada.

Entón quedamos en que ti tiñas gañas de coñecer mundo?

Si, si que tiña. Abofé que devecía por facelo. Estiven traballando nun par de bufetes en Madrid e logo fun aos USA facer un mestrado de fiscalidade internacional.

Falabas inglés xa, ou aprendíchelo alí?

Xa o falaba. A miña parella é norteamericana, coñecina en Madrid. Ela daba clases nunha academia na que eu estaba a estudar ese idioma.

Ah, vaia. Entón non che quedou outra que aprendelo?

Ha ha ha ha. Digamos que houbo un pouco de todo.

Ben, sigamos co teu periplo vital ata chegares a Luxemburgo?

Despois de Estados Unidos volvín a Madrid a traballar no meu campo de lexislación tributaria internacional. E estando alí contactan comigo, pois viron o meu CV na rede, para ofrecerme un posto en Luxemburgo e traballar no meu nunha empresa moi importante.

Cando chegaches ao país?

En Outubro do 2007.

Xa estabas casado naquel momento?

Si, pero aínda non tiña as fillas. Foi complicado pero non tanto como se as tivera.

En que localidade estás?

Estou nun pobo moi pequeno chamado Koerich de apenas 3.000 habitantes que está a 20 minutos en coche da capital.

Cantos habitantes ten Luxemburgo?

Arredor de 600.000 dos cales máis ou menos a metade somos de fóra do país. Tamén hai moita xente, podemos dicir que outro medio millón, que viven en localidades fronteirizas e veñen todos os días a traballar a Luxemburgo. Eses traballadores pagan aquí os seus impostos e esta é unha das chaves que explica o por que Luxemburgo é tan rico.

Luxemburgo é un paraíso fiscal?

Non. Radicalmente non.

Sen ningún tipo de matiz?

No pasado podería haber algo de debate ao respecto. Hoxe en dia digo con toda rotundidade e sen ningún tipo de matiz que non o é.

Os tipos impositivos como son?

Máis ou menos como en España, depende dos cartos que se gañen.

Cantos idiomas se falan?

Temos tres idiomas: O alemán, o francés e o luxemburgués. Este é un idioma de raíz xermánica, un tanto arcaico, e que recibe moitos préstamos do francés. Asemade aquí case todo o mundo fala tamén inglés. E tamén quero salientar que existen numerosos falantes de portugués pois moitos nativos dese país, incluso de varias xeracións, viñeron a Luxemburgo.

Ti en que idioma te comunicas?

No meu día a día en inglés. Cando cheguei non sabía ningún dos outros tres. Agora teño un nivel medio alto de francés, e o luxemburgués estouno a estudar pois as miñas fillas o utilizan para falaren coas súas amigas e amigos e eu quero por suposto comprendelas.

Descríbeme o sistema político?

É semellante ao de España, unha monarquía constitucional. Pero o xefe do estado non é Rey senón Duque. Luxemburgo é un gran ducado.

Nun país tan pequeno , cunha porcentaxe tan elevada de habitantes estranxeiros, pódese encontrar sentimento nacionalista luxemburgués?

Ao meu xuízo un nativo luxemburgués debe de sentir algo parecido ao que pode sentir un nativo de Mallorca que hai 40 anos vivía no seu barrio coa veciñanza de toda a vida e hoxe vive a carón de ingleses, belgas, alemáns……

Están como nun nicho no seu propio país. Están rodeados pola comunidade internacional, o que lles trouxo moita riqueza desde logo, pero tamén é certo que a súa cultura quedou como un pouco esluída.

Os luxemburgueses nativos teñen, creo eu, asumida esta situación. Isto non quere dicir que non haxa preocupación e interese pola conservación da súa identidade e idioma que si as hai.

Dinos algunha manifestación cultural específica do país que estea aínda viva?

Pois por exemplo no mes de febreiro hai unha festividade moi parecida ao halloween do mundo anglosaxón.

Ti sempre te sentiches ben tratado? Ou viviches algún tipo de discriminación?

Si, sempre me sentín moi ben tratado. E non só non me sentín nunca discriminado senón que xamais vin que ninguén sufrira nada parecido.

Nun país tan rico existe pobreza?

En comparación con outros países se cadra aquí hai menos. Pero si, tamén a hai, incluso pobreza extrema de xente que non ten un teito.

Os sistemas de protección social que tal funcionan?

Eu diría que moi ben. Especialmente no que se refire ao sistema sanitario que para min é o mellor do mundo. Cuestións como a saúde dental ou a oftalmoloxía , que en España non se cobren, aquí si.

O transporte público como é?

De moi boa calidade e de balde.

E en relación ás comidas cal é a túa opinión?

Ben,así como a sanidade está moi ben a comida eu diría que non tanto. Eu sempre presumo que a mellor tortilla de Luxemburgo é a que fago eu.

Tes moita competencia?

Ha , ha, ha .Non, a verdade é que non. A comida en liñas xerais é máis ben xermánica, na que destacan as salchichas e os pratos de carne moi densos e contundentes. Tamén é moi común unha especie de pasta de pataca preparada como se fose unha torta. O viño é moi típico tomalo quente.

Non me digas buahhh para min sería imposible tomar viño quente

Neste asunto coincido coa túa opinión. Asemade o viño adoita ser doce. É dicir é como tomar un “kalimocho” a 35 graos. Pero ben tamén hai moitos restaurantes temáticos: mexicanos, italianos , franceses…

Algún galego?

Non, galego non. Español si que hai algún, pero galego que eu saiba non.

E con algunha persoa de Galicia tes coincidido?

Si, teño tido algunha compañeira de traballo galega.

No que atinxe aos lugares para visitar que nos recomendas?

O sitio máis bonito de Luxemburgo con diferenza chámase “ La petite Suisse ( a pequena Suíza).É unha zona que ten uns fermosos bosques e unhas formacións rochosas abraiantes.

Tamén paga a pena coñecer a capital do país, a cidade de Luxemburgo. Chámana a Xibraltar do norte. Está construída nunha especie de península rodeada dunha muralla que está atravesada por túneles que realmente son moi atractivos de visitar

Rematamos Fernando: Contemplas a posibilidade de volver ao país? Ou a túa vida xa a ves en Luxemburgo de maneira definitiva?

Mentres teña actividade laboral eu véxome en Luxemburgo. Iso non quita que non bote de menos á miña familia e amizades, que si que as boto de menos ,e que desde logo nas vacacións, e sempre que poida, pase temporadas en Galicia. Eu síntome case como se vivira en Redondela, incluso o clima é parecido e estou cerca de moitos sitios. O único malo é que estou lonxe da familia e dos amigos de España que quero.