A reforma do financiamento do SAF

G.Figueiredo e Tino Lago.

O Servizo de Axuda no Fogar é un servizo público de atención a persoas dependentes nos seus fogares. O SAF funcionando de maneira óptima é unha das marcas que definen a diferenza entre unha sociedade decente, e unha que non o é. Atender a unha persoa dependente é un proceso que pode chegar a ser emocionalmente devastador, cando vemos como o inexorable deterioro do corpo humano converte a unha persoa querida en alguén que depende da axuda de outros e de outras, xeralmente de outras, para poder desenvolver as tarefas máis básicas da vida cotiá: asearse, vestirse ou alimentarse. Atender a unha persoa dependente adoita ser tamén incompatible coa propia vida, pois as persoas que están privadas das súas capacidades motrices e ou volitivas esixen atención permanente. Normalmente cando algún familiar chega a esa fase da vida é preciso contratar a algunha persoa que nos axude , o que é practicamente imposible de afrontar para a ampla maioría das familias. Velaí a extrema importancia do SAF, pois que funcione ben ou non pode marcar a diferenza entre que os usuarios e usuarias afronten esa etapa das súas vidas con dignidade ou sen ela. Tempo haberá para analizar as condicións de traballo das traballadoras do SAF, ou como a carga de traballo da atención á dependencia recae case sempre nas mulleres, pero desta volta queremos falar do seu financiamento.

Ata este ano a Xunta achegaba 12€ hora por cada usuario e o resto do seu custe era sufragado pola administración municipal. Estes custes estaban a un prezo aproximado, na nosa área de influencia, duns 20€/22€ hora usuario. Os custes non paran de subir e nas licitacións que se van renovar este 2026 xa se fala de 22€, 24€ ata incluso de 26€ hora. Os concellos, polo menos os concellos non gobernados polo PP, láianse de ter que sufragar unha competencia que non lles corresponde e entenden que debe de ser a Xunta a que afronte o custe íntegro do SAF.

Este ano o goberno de Galicia anunciou un acordo coa FEGAMP que suporá unha reforma no sistema do financiamento do SAF que fará que a achega da administración autonómica para sufragar o SAF pase dos 12€ hora actuais, ata os 16 € no 2026, 17€ no 2027 e 18€ a partir do 2028.É dicir nos próximos dous anos o goberno galego aumentarán nun 50% a súa achega para o financiamento do SAF ,pois pasará dos 12€ hora que viña achegando ata agora ata os 18€ hora que achegará a partir do 2028.Nós quixemos coñecer a opinión de varias alcaldesas e alcaldes ao respecto deste asunto, de enorme relevancia nas contas anuais dos seus concellos, e falamos con Cristina Correa, alcaldesa de Oia, Araceli Gestido alcaldesa de Cangas, Digna Rivas alcaldesa de Redondela e Félix Juncal alcalde de Bueu. Asemade alén das devanditas entrevistas contamos tamén con artigos de opinión de representantes das distintas forzas políticas: Alberto Pazos do PP, Xabier Pérez Igrexas do BNG e Lara Méndez do PSOE. Moitas grazas a todas e todos eles pola súa atención.

Cristina Correa, alcaldesa de Oia( PP).

Cristina Correa, Alcaldesa De Oia

No que respecta ao SAF é o Estado o que ten que pór a súa parte e regularizar coa Xunta”

Cristina, cal é o impacto global do SAF no conxunto total das finanzas do Concello de Olia?

O SAF é, a día de hoxe, unha das partidas máis importantes do noso orzamento.

Supón un sacrificio para vós o sufragar este servizo?

Si. Cada ano os custos deste servizo increméntanse, o que fai que para os concellos sexa cada vez máis difícil mantelo.

A canto pagades vós o prezo hora?

Eu lembro perfectamente que en decembro de 2016 pagábamos 11,89 € por hora máis IVE . Agora, en 2026, estamos pagando 18 € por hora, e nas próximas licitacións os prezos alcanzarán 23 € por hora. Noutras localidades, os custos están entre 20 e 26 € por hora, dependendo do concello.

Como valoras o acordo asinado entre a Xunta de Galicia e FEGAMP que vai incrementar o que achega a Xunta para financiar o SAF dos 12€ hora actuais a 16 € por hora en 2026, 17 € en 2027 e 18 € en 2028?

Valóroo de maneira positiva, desde logo. Neste momento o acordo é necesario. Isto vai aliviar un pouco a carga, pero non resolverá o problema estrutural do aumento constante de custos, que se producen como consecuencia de políticas nacionais que fan subir os prezos tanto deste servizo, como da enerxía, do cemento e de moitos outros recursos necesarios para manter con normalidade o día a día. Estes custos fan insostibles a xestión dun Concello.

Entón na túa opinión o aumento xeral de custes, que fai “insostible a xestión dun concello”, é consecuencia das políticas de Madrid?

É unha combinación de factores que sumados fan que sexa imposible afrontar con tranquilidade o futuro. No que respecta a este servizo en concreto é o Estado o ten que poñer o 50%, e regularizar coa Xunta para sufragar o SAF con garantías. Son insostibles estas subas para nós, e se os custos seguen subindo chegaría a non ser asumible.

Este acordo Xunta FEGAMP vai solucionar?

Non, vai aliviar un pouco pero non vai solucionar. Se os costos seguen subindo ano a ano reitero que os concellos non o imos poder asumir.

Araceli Gestido, alcaldesa de Cangas(BNG).

O acordo é unha esmola que non soluciona case nada. Estabamos mal e imos seguir estando mal”

Que importancia ten o SAF desde o punto de vista económico para as contas do Concello?

O Servizo de Axuda no Fogar, é para o Concello de Cangas o contrato máis grande que temos en marcha. Pero non só aquí: temo que isto ocorre na inmensa maioría dos concellos galegos. Tendo en conta a pirámide poboacional, é practicamente imposible que non sexa un dos contratos de maior volume.

Ademais, a situación viuse agravada polo contexto inflacionista. Nos últimos cinco anos, o custo do prezo por hora foi subindo ano tras ano. Hai que adaptarse aos novos convenios laborais, e é evidente que as traballadoras teñen que ter un salario digno, acorde co ritmo de vida e coa subida xeneralizada dos prezos que todos padecemos.

Que consecuencias ten isto para as arcas municipais?

O que se traduce para o Concello é que estamos asumindo unha competencia que non é municipal e que nos está lastrando gravemente as finanzas. O gasto corrente, o gasto ordinario e a capacidade de facer novos investimentos e proxectos vense moi limitados por ter que asumir un servizo que non é propio.

A Xunta incrementou a súa achega nos últimos anos?

Durante moitos anos a Xunta só aportaba arredor de 12 euros hora por usuario, mentres que os concellos asumíamos todos os incrementos que se producían ano tras ano. Esta situación é absolutamente insostible.

Que opinas do novo acordo de financiamento asinado entre a Xunta e a FEGAMP, que incrementa a achega autonómica ata os 16 euros no 26, 17€ no 27 e 18€ no 28?

Interprétoo como asumir, por desesperación, unha esmola. Así de claro. Nós estamos sacando un contrato que agora mesmo se sitúa en arredor de 26 euros por hora. Isto non soluciona practicamente nada, non nos alivia en absoluto. Estabamos mal e imos seguir estando mal.

Consideras entón insuficiente esta mellora?

Evidentemente, un euro a maiores é mellor que ningún euro, pero na situación na que nos poñen a todos os concellos, o que deberiamos facer é dar a batalla. E desde logo, o Concello de Cangas está disposto a facelo xunto coa FEGAMP fronte á Xunta, porque isto é unha inxustiza clara. Ao final estamos restándolle recursos á veciñanza para asumir algo que non nos corresponde.

A situación financeira do Concello vese moi comprometida con estas dúas lousas: SAF e SOGAMA.

Penso que cada administración ten que asumir as competencias que lle corresponden e que se financien adecuadamente os servizos. Non é xusto nin sostible que os concellos sigamos asumindo estas cargas a costa dos recursos da veciñanza.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela(PSOE).

Reclamo que a Xunta de Galicia asuma as súas responsabilidades,como os concellos asumimos as nosas,e financie integramente o SAF, un servizo que é da súa competencia”

Que supón o Servizo de Axuda no Fogar no conxunto das finanzas anuais do Concello de Redondela?

O SAF supón unha carga económica moi importante para o Concello de Redondela. Na actualidade, o prezo da hora do servizo sitúase arredor dos 24 euros, unha cifra elevada que se fixou na última licitación, realizada hai aproximadamente un ano e medio. Se temos en conta que Redondela conta cun orzamento municipal duns 20 millóns de euros, é evidente que estamos a falar dun volume de recursos moi considerable, que condiciona de maneira directa a nosa capacidade financeira.

Desde o primeiro momento teño claro que o Servizo de Axuda no Fogar é unha competencia da Xunta de Galicia. Non vou deixar de reivindicar que sexa asumida como tal. Os concellos estamos a facer un esforzo que non nos corresponde e que nos resta marxe de manobra.

O concello vese imposibilitado de acometer outro tipo de investimentos ou servizos pola enorme cantidade de recursos que se necesitan para afrontar o SAF?

Si. Este esforzo económico fai que o concello se vexa limitado á hora de acometer outros investimentos ou de mellorar determinados servizos municipais, xa que unha porcentaxe moi elevada do orzamento acaba destinada a cubrir o custo do SAF. Isto non é unha realidade exclusiva de Redondela, senón que ocorre na maioría dos concellos galegos.

Recentemente, o Partido Popular anunciou un acordo coa FEGAMP que supón un incremento do prezo hora que asume a Xunta, pasando de 12 a 16 euros este ano, 17 o seguinte e 18 nos anos posteriores. Como valora este acordo?

A miña valoración é clara: trátase dun acordo inxusto e insuficiente. Entendo que as negociacións non son sinxelas e que non sempre é doado acadar avances, pero como alcaldesa de Redondela teño a obriga de esixir o máximo, xa que o SAF é competencia da Xunta e ten que responsabilizarse deste gasto. Todo o que sexa que non o cubra na súa integridade é insuficiente.

É certo que pasar de 12 a 16 euros por hora supón un alivio económico. Ese alivio é benvido, por suposto, pero os concellos estamos asumindo unha responsabilidade que non é nosa desde hai moitos anos. Esta suba non resolve o problema estrutural do financiamento do SAF. Non é suficiente nin garante a estabilidade económica a longo prazo. O que se está facendo é aliviar parcialmente a situación, pero non se aborda o fondo da cuestión. Non se trata de cargar o custo sobre a veciñanza nin de que os concellos asumamos competencias que non nos corresponden. O que reclamamos é que a Xunta de Galicia asuma plenamente as súas responsabilidades,como os concellos asumimos as nosas, e financie integramente o servizo.

Félix Juncal, alcalde de Bueu(BNG).

O acordo alivia, pero non soluciona e converte o problema do financiamento do SAF en crónico”

Que significa o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) desde un punto de vista económico no conxunto dos orzamentos do Concello de Bueu?

Non me gustaría dicir que o SAF é unha ruína económica para os concellos, porque obviamente é un servizo imprescindible. Polo que significa e polo que representa a nivel social e para as familias, é fundamental garantir a prestación deste servizo. A Xunta de Galicia sábeo, pero o SAF supón un condicionante moi importante para que os concellos poidamos desenvolver as políticas municipais que asumimos cando gañamos unhas eleccións locais. Ao ter que destinar cada vez máis recursos a financiar o Servizo de Axuda no Fogar, deixamos de atender outros servizos municipais en mellores condicións das que nos gustaría.

O financiamento do SAF é, dalgún xeito, unha carga imposta pola Xunta, que sobredimensiona economicamente o esforzo dos concellos e trasládalles unha competencia que non é propia?

Si, eu son crítico coa actitude da Xunta de Galicia neste ámbito. O que se está facendo é trasladar aos concellos o financiamento dunha competencia que non é nosa mediante unha lei autonómica que establece que os Concello estamos obrigados a prestar este servizo que permite a lei 27/2013, que di que a Xunta pode delegar os seus servizos aos Concellos, vía convenio de xestión. Esta lei tamén di que debe garantir a suficiencia económica para poder financiar a prestación deste servizo, algo que non se cumpre desde o primeiro momento. A evolución destes anos representou cada vez máis, unha carga maior para os Concellos xerando un desequilibrio económico que condiciona seriamente a capacidade de actuación municipal.

Recentemente a Xunta anunciou unha mellora no financiamento do SAF, asumindo unha porcentaxe maior do custo. Cal é a túa valoración desa medida? Considera que é suficiente para garantir a estabilidade económica do servizo?

A min dóeme especialmente que teñamos que falar nestes termos dun servizo tan importante para as persoas que o necesitan. Parece que estamos a xogar con algo tan esencial como é a atención ás persoas maiores e dependentes. Hai uns costos actuais e reais do servizo e o que aporta a Xunta non chega nin para o 50% do custe real. Hai catro anos licitamos o servizo a un custo de 19E por hora e pouco despois os demais Concellos fixérono a 22 ou 24 €. O que acaban de acordar entre FEGAMP e a Xunta para as melloras anunciadas non soluciona o problema de fondo: poden aliviar lixeiramente a situación, pero non a resolven.

Alivia pero non soluciona?

Si, o acordo alivia, pero non soluciona o problema. É máis: faino crónico.