Unha vez máis Eva tivo a xentileza de achegarse ás nosas páxinas para explicarnos a súa visión sobre a situación política e sanitaria de Galicia alén de como ve ela o futuro de Esquerda Unida. E unha vez máis foi par mi un pracer compartir unha conversa con ela. Velaí vai o que deu de si
COORDINADORA NACIONAL DE ESQUERDA UNIDA E SECRETARIA XERAL DO PARTIDO COMUNISTA GALEGO
“A SITUACIÓN SANITARIA DE GALICIA É CALAMITOSA”
Comecemos coas eleccións autonómicas Eva. Aínda que supoño que esperabas un mal resultado, un golpe tan duro como o que tivestes non, verdade?
Efectivamente as previsións xa non eran boas porque en procesos previos xa se manifestara unha tendencia de descenso no voto e tamén por dificultades que houbera no Grupo Parlamentario , pero o resultado foi moito peor do agardado. Xa o valoramos no seu día como moi mal resultado e agora toca traballar dende as organizacións políticas.
Ti persoalmente, que ías de número 1 pola provincia de Pontevedra, non entraches por moi pouquichiño
Si, si, foi a provincia na que estivemos por enriba do 4%, bastante preto de ter representación, sobre todo en Vigo, onde superamos o 6% e nas vilas e cidades, en fin, o resultado foi o que foi, e hai que asumilo.
Levabas 8 anos, 2 mandatos no Parlamento, como levas estar fóra? Que estás facendo?
Neste momento estou a traballar en Esquerda Unida, na organización, pero probablemente nun tempo prudencial, cando remate este traballo que estamos a facer, me incorpore a nivel laboral.
Traballas na Sanidade
Si, son enfermeira. A presencia no Parlamento é temporal, non é un emprego, traballas intensamente pero non é unha profesión. O máis negativo de que eu non estea é que non ten representación a Organización e a coalición coa que nos presentamos.
E agora ese espazo político queda esvaecido, desaparece? Cal é a túa opinión política como máxima responsable EU de Galicia?
O tempo dirao. O que tiñamos formalizado foi unha coalición neste proceso electoral, tivemos outras antes, tamén nas xerais. Esquerda Unida sempre apostou pola confluencia entendendo que se sumaba e que era positivo para a representación de moitas sensibilidades da esquerda. Pero evidentemente agora estamos sumidas no traballo da propia organización, quedan varios anos e procesos electorais, entendo que o resto de organizacións terán os seus propios procesos internos e haberá que abordar a necesidade ou non desa converxencia en vindeiros procesos electorais.
Creo que era Lenin quen dicía que era máis importante a Organización que o resultado político conxuntural. Supoño que ti, como boa marxista estarás de acordo e, se cadra, unha das eivas do voso espazo política é a falta de presenza territorial en moitas zonas de Galicia. Iso ides tentar corrixilo?
A ver, iso sempre se traballa .Nós tamén temos representación nalgúns concellos aínda que os resultados municipais non foron excesivamente bos, a presenza a nivel territorial é relevante co cal ese traballo hai que facelo, xa estabamos niso. Dende que mudou a Dirección Nacional a posibilidade de ter representación e tamén incidencia social, pasaba polo alargamento da Organización. Sabemos que non habería unha confluencia forte se as organizacións integrantes non o estaban.
É iso ao que vos dedicades agora?
Si, neste momento temos a Asemblea Federal de IU en xaneiro, tiñamos a intención de adiantar tamén a Asemblea Nacional de EU, mirando a maneira de que non coincidan os dous procesos, era en xuño así que moito non imos poder adiantala. Estamos centradas nese traballo orgánico, en desenvolver as áreas de traballo de EU, que algunhas xa funcionaban moi ben, como pode ser a área de muller, e evidentemente, no traballo cotiá do pronunciamento ante calquera cuestión política que se dea en Galicia.
En relación á Asemblea Federal de Izquierda Unida, o Secretario Xeral do Partido Comunista de España manifestou publicamente a súa intención de disolver IU. Cal é a túa posición ao respecto e como cres que evolucionarán os acontecementos?
Iso non é así. Non se manifestou a intención de disolver IU. IU ten unha Asemblea que está moi marcada arredor do debate dos procesos de confluencia. IU ten, aínda que non en Galicia, un traballo fundamental en Unidas Podemos, que é unha coalición consolidada xa. Hai lugares nos que se funciona de maneira positiva, en representación como tal, e polo tanto, o debate está en como se artellan as ferramentas de relación para mellorar. Iso pasa por ampliar a propia Unidas Podemos, pero o debate vai máis alá. Izquierda Unida naceu no ano 86 como un movemento político e social e entendemos, polo tanto, que temos que ampliar o espazo.
É máis vella ca ti, Eva, Izquierda Unida?
Por aí andamos, eu un pouco máis, he he. Así que en ningún momento se falou da disolución malia o que aparece nas redes sociais, que son o mentideiro do S. XXI. En ningún momento se falou, ningún documento está na liña da disolución, son documentos que están publicados na páxina web con absoluta transparencia. Tanto a ponencia “oficial”, como o documento alternativo.
O oficial é da actual dirección, o alternativo quen o presenta?
García Rubio, compañeiro de Izquierda Unida. Como en calquera Asemblea na Organización hai posibilidade de presentar listas alternativas e os seus documentos. Debateranse eses documentos e ningún fala de disolución.
Ti avalas como positivo o traballo político de IU no goberno do Estado?
Valóroo como positivo nunha conxuntura de dificultade. Cando a Organización valorou participar dese Goberno sabía que o faría nunhas condicións moi minoritarias.
Houbo debate interno sobre se sería conveniente ou non participar no Goberno do Estado?
Por suposto, sempre se debaten todas as decisións que se toman nos órganos. Como non había precedente as opinións eran de todo tipo, acertar era complexo porque por unha banda era unha oportunidade histórica de intentar tomar medidas positivas para a clase traballadora nun momento moi complicado, e iso que daquela aínda non saltara a crise da COVID, pola outra banda sabemos que é complexo gobernar en minoría co Partido Socialista. Atiñámonos ao risco e beneficio, dando un paso adiante. Creo que se están a tomar medidas positivas en materia de emprego, de protección aos consumidores, e noutros aspectos. É certo, hai moitas máis cousas que facer e, é certo tamén, que a diferenza na correlación de forzas fai que non poidamos tomar todas as decisións que quixeramos.
Menciona algunha das medidas positivas que se tomaron por influencia de IU dende o Estado.
Todas as que teñen que ver con materia de emprego e foron fundamentais: aplicación dos ERTE´s, das axudas, a suba do SMI ou recentemente a norma para eliminar a publicidade das casas de apostas e do fútbol, dende onde chegan fortemente á mocidade.
.
Sobre o Ingreso Mínimo Vital que nos dis?
Foi unha medida moi positiva, gabada por colectivos e entidades sociais. Era unha medida moi necesaria: en Galicia hai 600.000 persoas en situación de pobreza e exclusión, en datos do 2019. Cando se renove, con esta situación da COVID vanse incrementar. Sabemos que hai dificultades para acceder e que polo tanto se están a mellorar algunhas cuestións.
Concordo contigo en que é unha ferramenta boa. Pero a xestión é mellorable, a burocracia é moi dificultosa.
Tamén hai quen a cobrou axiña. Depende da persoa, da unidade administrativa onde a pida… Si, hai melloras importantes que facer para evitar a demora. Demora que xa viña na RISGA, e tamén pedimos que se puidese complementar. Galicia é a única comunidade autónoma onde non son compatibles. En Galicia non é compatible con ningunha outra renda de inserción. Isto é responsabilidade da Xunta.
Falando de Galicia non podemos deixar de referirnos á situación sanitaria.
Eu penso que é calamitosa. Non só na primeira onda da COVID senón agora. Por unha banda temos problemas nos centros sanitarios porque a Xunta non cobre as prazas con persoal suficiente, e por outra, estanse a deixar de man as outras doenzas. Doenzas crónicas moi afectadas pola demora en probas, en intervencións cirúrxicas e incluso pola demora en atención primaria, na que hai unha escabechada. A contratación segue a ser desastrosa, o déficit en persoal sanitario é responsabilidade directa da Xunta, máis alá de que non cubre vacacións, baixas, etc. Se fixera ofertas públicas de emprego, incluso vacantes, ou sexa, interinidades, non estaría tan sobrecargada.
Entendo polo que dis que non hai profesionais suficientes pola deficiente xestión sanitaria da Administración galega?
Por suposto! Continúan emigrando moitos profesionais sanitarios pola precariedade que hai en Galicia. Unha persoa pode pasar 15 anos con contratos de días e semanas. Isto nin é calidade de vida nin che dá seguridade de que mañá vas traballar. É imposible planificar a vida. Emigran de Galicia dentro e fóra do Estado ou abandonan a profesión. Hai moitos e moitas enfermeiras e técnicos en coidados de enfermería en suspensión de chamamento neste momento porque consideran que estas condicións son inaceptables.
E o misterio dos rastrexadores?
É unha desvergoña da Xunta anunciar que había 6000 rastrexadores en Galicia cando en realidade nin sequera sabemos cantos hai. Son moi pouquiños porque sabemos que se contou como rastrexadores a persoal sanitario que non o é. Deberían ser todos persoal sanitario. A opacidade é total: cantos son, con que medios contan, que relación manteñen cos centros de saúde para poder avisar… A realidade é que o servizo é deficiente.
Como prevés que evolucionarán os acontecementos, prevés un peche total e confinamento nas casa ou algo máis laxo? Como cres que se debería xestionar?
Eu creo que non se vai tomar esa medida de peche igual ca na primavera porque economicamente é moi complexo. A situación é moi complicada pero debería garantirse que o emprego e a educación presencial sigan funcionando. A partir de aí, todo o que non sexa esencial debería pecharse ou a cifra vai continuar medrando. Hai uns fondos, tanto do Estado como das Comunidades autónomas, como da Unión Europea para dedicalos aos sectores que están en peor situación e así garantir que se poida pechar sen arruinar a traballadores.
Hai pouco anunciou Feijoo unha liña de axudas de 70 millóns de euros para micropemes e autónomos. Ti sabes algo?
Nada de nada, a meirande parte dos anuncios que se fan non se implantan ou non se sabe nada delas. Veño agora mesmiño dunha concentración da hostalería, algúns son veciños do meu barrio, pequenas empresas que están agardando algunha medida de axuda autonómica. Nin para as empresas nin para o sector público se miraron os fondos que xa transferiu o Estado. Onde están os máis de 200 millóns de euros que xa recibiu Galicia? Onde se investiron? Non hai melloras en educación, en sanidade pública. É lamentable.
A postura de EU sería pechar todo o que non sexa servizo esencial e detraer das partidas orzamentarias que non sexan esenciais partidas para axudar eses sectores.
Hai unha evidencia, e aí están os datos científicos que a avalan, a maioría dos contaxios prodúcense no ámbito social, é dicir, cos contactos coas amizades e familiares e no lugar de traballo. Nos domicilios particulares so se pode controlar coa restrición da mobilidade. Restrinxir a mobilidade restrinxe outras actividades a nivel social. Pero hai sectores como o pequeno comercio, a hostalería, a cultura que necesiten que se lles bote unha man.
Para ir acabando, quería preguntarche por dous concellos da nosa área de influencia. Como está o amigo Pazos de saúde?
Pois está ben, estable aínda que segue tratándose o seu problema de saúde. Recentemente estivemos en Cangas anunciando que a Comisión de Peticións do Parlamento europeo admitiron a petición da investigación das mortes nas residencias, estiven con el e está ben, no contexto complexo que vivimos en calquera concello de Galicia.
El anunciou que este sería o seu derradeiro mandato, así que estará ata o 2023. Tedes algún tipo de previsión de cal será a cabeza do cartel ou aínda queda bastante tempo para reflexionalo?
Queda moito. É unha decisión que teñen que debater a nivel local os e as compañeiras de Cangas. Hai marxe. Agora hai que traballar a prol da Organización, apoiar o goberno municipal e xa se verá o relevo.
Para rematar, quería preguntarche polo noso amigo Pedro Ocampo, do concello do Porriño e que valores a súa dimisión e o traballo de EU do Porriño?.
A Pedro hai que agradecerlle o magnífico traballo que fixo como concelleiro durante estes anos, ás veces en situacións moi complicadas.
É moi boa persoa, traballadora e moi comprometida con todas as causas. Desenvolveu un gran labor como concelleiro tamén como coordinador de EU. Segue estando como coordinador de EU e está incorporado á súa vida laboral, el é profesor de filosofía, e aínda que non estea na institución segue a facer un gran traballo dentro da Organización, como coordinador.
Avalas a decisión que tomou EU Porriño de non participar no goberno de Porriño?
Por suposto que avalamos. Foi unha decisión local pero con coñecemento da dirección nacional. Levabamos anos criticando a actuación do PSOE de Porriño: recortes a nivel social, a falta de implicación, a imposibilidade de participación da veciñanza, incluso elementos de carácter económico e escurantismo nas contas e nivel municipal. Evidentemente, nesas condicións non era posible salvo de haber relevo no propio PSOE.