Forcarei non é alleo á principal problemática que padece o rural galego, a caída de poboación ante a falta de oportunidades para que os mozos e mozas poidan desenvolver un proxecto de vida na súa terra, e a escaseza de servizos. Por ese motivo, todos aqueles proxectos que, como a marabillosa banda de gaitas de Forcarei, contribúan a establecer vínculos e cultura de comunidade merecen ser apoiados en grado superlativo. Na maioría dos casos este tipo de asociacións culturais ou deportivas xorden do voluntarismo e do inmenso esforzo dunhas poucas persoas que lles dedican o mellor do seu tempo persoal. Así é o caso de Jose Antonio, un dos fundadores da banda e o seu actual director. El é tamén director do colexio do pobo e alí conversamos.
“POUCAS BANDAS CHEGARON A TANTO EN TAN POUCO TEMPO,E HONESTAMENTE CREO QUE MERECEMOSUN MELLOR TRATAMENTO”
Ben, malia que a nosa cita ten por obxecto falarmos da banda de gaitas, xa que es o director do colexio, non podemos deixar de preguntarche porComo estades a vivir aquí a inminencia da volta á escola dos nenos e das nenas?
Ben, pois de feito, mañá temos previsto presentarlle á comunidade educativa o protocolo que o día 22 de xullo foi publicado pola Xunta e destinado a todos os centros e que cada un debemos elaborar adaptado á nosa propia realidade. Con respecto ao tema das ratios, non temos moitos problemas porque somos un colexio con 90 alumnos. Temos aulas de 50 m2e unha media de alumnos por aula de 11 ou 12, entón dá para manter as distancias. Temos alumnos dende infantil de 3 anos ata 6º de primaria. Logo pasan ao instituto que temos aquí en fronte.
Estás contento, satisfeito, cos protocolos que implementa a Xunta para supervisar a volta ao colexio?
Eu creo que é un protocolo bastante completo. Sei que hai centros con máis problemáticas sobre todo co tema da distancia entre o alumnado. O problema é que o risco cero non existe, iso é imposible. Irá vendo a Administración se seguen os centros abertos ou pechan, agora ben, pódoche dicir que o sentir dos compañeiros é que estamos desexando que a ensinanza sexa presencial. Houbo moita alarma e agora hai moitísimas opinións e incertezas, ao final, non sabes a quen facerlle caso. A preocupación existe, o certo é que convivimos con xente de risco, con compañeiros que conviven con persoas de risco, en fin. As familias e o profesorado estamos preocupados.
Falemos de ti Jose Antonio, ti es natural de Silleda e es mestre non?.
Mestre en educación musical. De aí a miña relación ca banda de gaitas. Estudei na Universidade de Pontificia de Salamanca. Toda a miña familia é música, veño dunha gran tradición familiar musical. Ademais, en Silleda hai unha das grandes bandas de Galicia. O meu tío tocaba mesa banda, tocou durante 55 anos. Estaba solteiro e vivía alí connosco na casa onde nacín. E ben, foi un pouquiño o que nos inculcou esa paixón pola música. Gustoume estudar en Salamanca, é unha cidade impresionante! Sigo indo case todos os anos porque á miña muller e ás miñas fillas encántalles. É raro que non vaiamos un ano facerlle unha visita.
Como empezou a túa vida laboral?
En canto acabei a carreira tiven varias ofertas porque ese ano estábase implementando esa figura de mestre de música nos colexios, que antes non existía. Entón, rexeitei esas chamadas, tamén da Pontificia, para preparar oposicións durante un ano. Quíxeno intentar e aprobei. Foi no ano 96.
O primeiro colexio no que traballei foi o de Olveira, que está mesmo fronte das Dunas de Corrubedo, é un colexio precioso, con vistas cara as dunas. Despois en Rodeiro, en Forcarei, en Vila de Cruces, e o quinto ano xa con destino definitivo aquí en Forcarei. Aínda que vivo en Silleda, a uns 15 minutos de coche, síntome moi implicado na sociedade de Forcarei. Xa lle estou dando clases a fillos de alumnos, incluso algúns xa marcharon do colexio!
Cando decidiches crear a banda de gaitas de Forcarei?
Vouche contar como vai o tema da banda de gaitas. Cando aprobei as oposicións no meu primeiro destino coincidín cun compañeiro que tamén era músico da Banda Artística de Merza, preto de Silleda, que tamén ten unha banda centenaria. Como non tiña carné de conducir veu onda min para proporme de compartir coche e piso porque os centros onde pediramos destino quedaban moi preto. Estivemos vivindo un ano en Boiro. Este compañeiro é Manuel Otero Rodríguez, agora mesmo é o director do CEIP de Soutelo, o outro colexio que hai aquí en Forcarei, o CEIP de Soutelo de Montes. El, o meu irmán Juan Manuel e máis eu fomos os 3 fundadores da banda
Ah, entón o famoso gaiteiro de Soutelo realmente é de Forcarei?.
Si, da parroquia de Soutelo, concello de Forcarei. O tema é que desde aquela fixémonos moi amigos e acabamos ambos os dous en Forcarei. El é tamén profesor de música en Soutelo. Entón, o anterior alcalde David Raposeira, que faleceu no 2011, tamén era profesor aquí no colexio, e unha persoa moi querida, estaba organizando todos os anos a festa do Gaiteiro de Soutelo. Propúxonos formar unha organización que representase Forcarei. Existiron Os Marteliños e pouco máis. Como nós os dous eramos mestres de música puxémonos alá polo mediados do 2005 a dar clases nos colexios, tanto en Soutelo como en Forcarei, como actividade extraescolar para crear unha banda de gaitas. Dixémoslle a David que precisábamos unha compra básica de material: gaitas, percusión… Cando xa empezou a coller forma a banda de gaitas pedímoslle uns traxes. David estaba moi ilusionado coa banda de gaitas e o concello portábase moi ben. Os fillos del tocan agora na nosa banda de gaitas.
Cantos erades na banda?
Ao principio eramos 30, na actualidade 55 músicos, metade homes e metade mulleres, dende os 13 aos 60 anos de idade. É das máis grandes de Galicia.
Cada canto tempo ensaiades?
Coméntoche, os mércores e os xoves, dámos clases na Escola da banda de gaitas tradicional que está aquí no colexio. Cando acaba o período lectivo, os mércores damos clases en Forcarei e os xoves en Soutelo de Montes. O sábado pola mañá , temos un grupo de pandereteiras “Lus de Queicoa” que dá clases de 11 a 12 aquí no colexio, e despois de 12 a 13:30 facemos ensaio xeral da banda de gaitas.
Cóntanos as principais actuacións que tivestes?
A verdade é que foron moitas. Poucas bandas de gaitas en tan pouco tempo chegaron tan alto. Actuamos nas festas da contorna de Forcarei e outra festas. Pero un dos alicientes que lle ofrecemos á xuventude para telos enchufados á música son as viaxes. Hoxe en día a xuventude está sobrecargada de oferta de actividades. Entón para atraelos organizamos viaxes e concertos que saian do habitual, por exemplo, estivemos en Portugal, Santander, Barcelona, Madrid, Italia no ano 2013. Poucas bandas conseguiron actuar 2 veces no Festival Intercéltico de Lorient. Nós estivemos no ano 2013 e o ano pasado. Este Festival dedícase cada ano a unha nación, pois o ano pasado foi dedicado a Galicia (tamén fai 11 anos) e a Banda de Gaitas de Forcarei foi representando a Galicia. Preparamos un proxecto moi bonito coa Banda de Música de Silleda e realizamos o concerto inaugural, no Real Teatro de Lorient, e despois, como país invitado actuamos no Espace Marine, cunha capacidade duns 6.000 espectadores.
E o repertorio?
Preparamos o espectáculo que estreamos o ano pasado nas Festas do Apóstolo en Santiago: “Os camiños de Breogán”. Foi un éxito total.
Como financiades estas viaxes?
Petando en moitas portas (Administración local, provincial e Xunta) e presentando proxectos interesantes. Agora é máis sinxelo polo prestixio que acadamos. Por outra banda, fixemos algo novidoso como é concertos con bandas de música profesionais. Entre outros, Concerto de Nadal coa Banda Municipal da Coruña no Auditorio de Galicia, coa Banda Municipal de Pontevedra, con bandas populares como a de Boiro, de Meaño, de Silleda… Mesturamos a música dos dous tipos de bandas que tradicionalmente amenizaban as festas en Galicia, as gaitas e as bandas de música.
Temos unha asociación cultural sen ánimo de lucro que xestiona o tema económico.
Como se fan os deseños dos traxes?
O vestiario é moi importante. O ano pasado para acudir a Lorient fixemos traxes novos, o que supuxo un desembolso importante para a Banda de Gaitas. Unha parte foi financiada polos compoñentes e outra parte por fondos que fomos tendo aí de aportacións de socios e actuacións que realizamos.
Estades contentos co actual goberno do PSOE?
A subvención que tiñamos asignada anual sempre nola deron, Verónica respecta o tratado, pero sempre queres máis. Sinceramente, esta banda merece un mellor tratamento, acadamos grandes éxitos e un gran nivel..
Como é a implicación da sociedade de Forcarei coa Banda? Hai futuro cos nenos e coas nenas?
Boa, para min a relación coa xente non pode ser mellor. A escola está a funcionar moi ben, con moitos alumnos e a Banda está a funcionar moi ben. Deixamos unha base moi sólida.