
Alberto é un avogado redondelán, deputado autonómico do Partido Popular, e o seu secretario de organización. Mantivemos unha extensísima e cordial conversa na que nos deu a súa visión da realidade política galega. Formulámoslle máis de 50 preguntas que contestou con amabilidade e sen pór ningún tipo de condicionante ao noso traballo. E a sensación que teño é que me soubo a pouco, pois quedaron bastantes temas sen tocar. Lamentablemente o espazo é o que é. En calquera caso foi un pracer discrepar con el.
“ SE A APERTURA DE DILIXENCIAS CONTRA ANA PONTÓN SE TIVERA PRODUCIDO CUN GOBERNO DO PP, DE CONTADO TERIAMOS SIDO ACUSADOS DE PERSEGUIR AO NACIONALISMO GALEGO”
Antes que nada agradézoche profundamente a túa disposición a conversar con nós. Ti que es un tipo listo sabes perfectamente o tipo de entrevista que che vou facer, e maniféstoche todo o meu respecto por estar aquí comigo, sen ningún tipo de apriorismo nin condicionante
Un pracer. Xa non é a primeira vez que falamos e coido que sabes que non sei se “ un tipo listo” pero unha persoa moi respectuosa co pensamento alleo si que son.
Dou fe. Ben, douche os meus sinceros parabéns por seres deputado electo, unha circunstancia que , supoño che fará sentir enormemente orgulloso?
Moitas grazas polos parabéns, e abofé que non te equivocas na túa apreciación. Ser deputado no parlamento de Galicia, é para min unha inmensa honra, éncheme de orgullo e tamén de ilusión e de responsabilidade para con a sociedade galega. Desta volta é, se cadra, un pouco máis especial para min, porque é a primeira vez que teño a oportunidade de estar desde a sesión constitutiva do parlamento.
Cantos mandatos levas?
Este é o terceiro malia que o primeiro foi moi breve , só estiven 10 meses pois incorporeime á dirección xeral de administración local
A noite electoral a TVG quitou unha primeira enquisa na que contemplaba a posibilidade de que perderades a maioría absoluta, pois , falo de memoria, inicialmente dábanvos un abano de entre 37-39 asentos. Ben é certo que foi algo moi breve porque, aos poucos de comezar a computar o voto, xa se vía con claridade que non iades ter problema en conservala. Confesa Alberto, eses minutos iniciais non chegaches a estar un pouco “acojonado”?
Non. Teño que dicir que desde logo houbo certa sorpresa en todas as persoas que estabamos en Santiago, pero eu despois de facer milleiros e milleiros de kmts en campaña estaba convencido de que era practicamente imposible que perderamos a maioría.
En calquera caso o escano 42, o teu, estivo bailando entre vós e o psdg e non o confirmastes ata o cómputo do voto emigrante. Imaxino que eses días si deberon de ser emocionantes para ti?
Foi unha semana moi emocionante para min, si, desde logo que si.
A pandemia sanitaria que vive a humanidade vai condicionar todo, e a situación pode variar substancialmente desde hoxe, 10 de agosto, ata que publiquemos esta entrevista. A día de hoxe como a valoras?
Agora mesmo a sensación dominante é a de inquietude, pero, con toda a cautela do mundo, quero dicir que isto xa era previsible. Tamén quixera manifestar que cando convocamos a data das eleccións para a primeira quincena de xullo, a nós criticóusenos moito, pero creo que as circunstancias amosan o acertado da data escollida porque todos os indicios apuntaban que nas semanas finais de xullo e no mes de agosto habería rebrotes. E por desgraza así é. Insisto en afirmar que falo con toda a cautela do mundo porque como ti ben dis ,a situación pode variar pero creo que o estamos levando razoablemente ben. Os contaxios aumentan notablemente pero a presión sobre os hospitais é moi baixa.
Como é o traballo dos rastrexadores?
É un traballo esencial e basicamente consiste en que a partir de que aparece un positivo trátase de localizar de contado a todas as persoas que tiveran contacto con el e illar a aquelas que se valore que puidera haber un risco serio de contaxio. É a única maneira de romper as cadeas
Quen desenvolve ese traballo?
Persoas contratadas polo SERGAS que operan telefonicamente
Sanitarios?
Non necesariamente, pero si están dirixidos por sanitarios e aplican protocolos designados por sanitarios
Como se determina o número de persoas necesarias para desenvolver ese traballo?
En función de distintas variables como por exemplo a poboación da área sanitaria sobre a que se opere, ou a situación epidémica.
Agardo ferventemente que non pase, pero póndonos no peor dos casos e que en Galicia se dese unha situación de contaxio masivo como por desgraza semella que acontece noutras zonas do estado, a Xunta ten deseñados protocolos de actuación?
Si, por descontado. De feito algunhas medidas estiveron a piques de realizarse no momento que peor o pasamos. Temos plans deseñados e os materiais almacenados por se se dese un escenario moito peor que o que temos agora. Coma ti, eu tamén agardo ferventemente que non sexa necesario.
Falando de materiais, cres que deixar aqueles respiradores a Madrid, foi unha decisión acertada?
Si, rotundamente si. Para min colaborar con quen o precise é un imperativo moral. O contrario sería ,ao meu xuízo, eticamente censurable.
Temos o material sanitario suficiente se se dese un escenario semellante ao de marzo abril?
Vamos ver, temos o material suficiente que nos fixo falta nos peores momentos que vivimos. En calquera caso cando foi necesario Galicia foi solidaria, e se se dese unha situación de desborde estou seguro que tamén recibiriamos esa solidariedade.
Por que abristes tan tarde os centros de dia?
Nós creamos dous comités: un clínico e outro económico. As persoas que os forman son as mellores, e nós seguimos os seus consellos, que nunca son ideolóxicos senón técnicos. O asunto dos centros de día polo que me preguntas non foi outra cousa que seguir o consello do comité clínico. Eles consideraban que era unha situación de risco extremo, e nós seguimos o seu parecer.
Pero claro Alberto esa situación supuxo un golpe moi importante para persoas que precisan terapias e que non poden estar sen elas
Iso é indiscutible e somos perfectamente conscientes do difícil que foi para moita xente maior e sensibles á dor das súas familias, pero no momento en que hai que decidir entre arriscar a súa vida ou a continuidade das terapias que fas?. Non é nada fácil, pero ante unha tesitura de tal envergadura sempre hai que optar polo criterio dos científicos
A situación das residencias de maiores chegou a ser enormemente preocupante. Temos controlado o seu estado para que nunca se volva a repetir?
En todas as residencias nas que, fose pola vía que fose, tivemos constancia de que puidese non terse actuado correctamente abrimos expedientes de investigación que van chegar ata o final e veremos como rematan en todos os casos
Incluso no caso da empresa titular de varias residencias nas que se produciron falecementos e que no seu momento premiou a Xunta?
Non só recibiu premios da Xunta, recibiunos de varias entidades, pero si claro, investigaremos a todas e cada unha das empresas.
Como valoras a oposición que, neste tema en concreto, están exercendo o BNG e o PSdG?
Son distintas. Eu penso que o BNG neste asunto desenvolve unha oposición máis propositiva e respectuosa coa acción de goberno. Creo que soubo estar á altura, pero coido que o partido socialista equivocouse gravemente pois centrouse en cuestionar calquera cousa que fixeramos nós, acertaramos ou non, mentres que avalaban calquera cousa do goberno central acertaran ou non. Nós así o fixemos e tal como manifestou o presidente Feijoo o PP debe facer unha oposición leal neste asunto.
Reafírmome Alberto, na miña afirmación anterior de que es un tipo listo, porque xa prevés cal ía ser a miña seguinte pregunta e anticipas a resposta.
Non , non
Ha ha ha ha ha, noonn que va
En serio Tino, digo o da oposición leal porque creo que é certo
Alberto por favor¡¡, de verdade podes dicir que a oposición do PP ao goberno de Pedro Sánchez, neste asunto en concreto, foi leal, honesta e responsable?
Pois si, dígoo porque así o penso. Quero lembrar que cando o goberno foi abandonado polos seus socios, foi o PP quen lle aprobou os estados de alarma. E ao goberno faltoulle sensibilidade para recoñecelo
Chamar “terrorista” ao pai do vicepresidente do goberno paréceche unha forma correcta de exercer unha oposición leal, honesta e responsable?
Vamos ver, a min persoalmente, e ao PPdeG, ese tono e ese tipo de intervencións nos desgustan e non van con nós. Recorda que o presidente Feijoo manifestouno así de maneira explícita. Tamén cómpre lembrar que esa situación produciuse como resposta a unha provocación inicial do vicepresidente que trataba de denigrar a unha persoa facendo referencia aos títulos nobiliarios da súa familia . A min os debates crispados que se deron no parlamento do estado non me gustan en absoluto, e aspiro a que non se reproduzan no parlamento de Galicia
De quen é a responsabilidade desa crispación que mencionas?
Probablemente un pouco de todos. Porén, creo que neste tema é preciso salientar que no caso de Podemos, a crispación era o obxectivo das súas políticas e levan anos practicándoa. Eu en política teño adversarios, pero non inimigos. Pola contra a praxe política de Podemos trata de converter en inimigos a quen non pensamos o mesmo ca eles.
Como valoras o escenario político que deixou en Galicia as eleccións de xullo?
Eu creo que desde a súa ideoloxía a xente votou a quen defendía mellor Galicia. Podemos foi borrado porque os seus votantes percibírono como unha sucursal de Madrid, o Psoe pagou o seu aliñamento incondicional coas decisións do goberno do estado, mentres que os votantes de centro dereita recoñeceron maioritariamente a defensa dos intereses de Galicia do PP, e os votantes de esquerda fixeron o mesmo, co BNG.
Por que motivo na vosa propagada electoral o logo do PP estaba borrado ou reducido á mínima expresión?
Pero imos ver, en verdade cres que hai unha soa persoa en toda Galicia que non saiba que Feijoo é do PP¡¡.Cada organización política ocupa o seu espazo co que ela considera lexitimamente prioritario. E a nosa prioridade é Galicia. É así de sinxelo.
Entón non existiu vontade de ocultar a marca PP?
A verdade esa pregunta faima moita xente e faime moita gracia
Pois se cha preguntan moitas veces por algo será
Vou contestala rotundamente; Eu estou moi orgulloso de militar no PP e nin eu nin ningún militante do PPdG sentimos o máis mínimo aceno de vergonza, todo o contrario
Falando de vergonza. Se levas a portada da próxima Peneira, ou parte dela, un xornal claramente connotado co nacionalismo, non che dará vergonza?
Non claro que non. A min pareceríame mal aparecer no medio dun libelo ou dun texto que insulte ou falte ao respecto, pero de ningún modo nun medio cunha liña editorial distinta á miña forma de entender a realidade
Vale, vale, eu avísoche a priori para que non che asustes
Pois grazas por avisar pero tranquilo que eu non me asusto
E como prognosticas que pode evolucionar a realidade política galega?
Eu son un horroroso futurólogo en non teño por costume facer prognósticos
Ha ha ha ha .Non me digas, porque non o crería, que non fixeches porras sobre o número de deputados que iades sacar?
Si, si que a fixen
E cantos prognosticastes?
Equivoqueime nun. Eu dixen 43
Eu equivoqueime en 5
Ha ha ha ha. Creo que iso foi máis un desexo que un prognóstico rigoroso
Na túa localidade, Redondela, o resultado voso estivo 8 puntos por debaixo da media da provincia, por que?
Ben, Redondela ten unha situación política peculiar, por outra parte o candidato de aquí, eu mesmo, por decisión do partido , que me encargou tarefas de organización, non puiden dedicar case nada de tempo a explicar o que fixemos en beneficio de Redondela. Iso non quita que teñamos que reflexionar e mellorar todo aquelo que sexa susceptible de ser mellorado.
Se o PP de Casado non se consolida como unha alternativa con posibilidades aritméticas reais de disputarlle, con expectativas razoables de éxito, a maioría ao goberno de coalición actual, hai posibilidades de que Feijoo non acabe a lexislatura ?
Como antes che dixen son mal futurólogo e non son capaz de sabelo. Agora ben na política galega ao presidente Feijoo se lle leva un montón de anos acusando de ter ambicións en Madrid, e el leva ese mesmo montón de anos aquí. E dígoche que teño o convencemento de que se no último congreso se tivera presentado teríao gañado. Non o fixo ,porque el non quixo. E fíxate que curiosa é a vida que un señor, o deputado Gómez Reino, e unha señora, a ministra de traballo, que acusaban ao presidente de quererse ir a Madrid están eles en Madrid. En fin..
Na campaña electoral asumistes o compromiso de solucionar o tema Alcoa
Non, non nos comprometemos a solucionalo porque o asunto non está nas nosas mans. Nós comprometémonos a apoiar toda aquela medida que axude a solucionar ese problema e imos estar aí. O de Alcoa é unha canallada
Unha canallada de quen?
Da propiedade que debe facerse a un lado e permitir a venda e do goberno do estado pola súa actitude ao respecto do estatuto electro intensivo
A solución é a nacionalización?
Non, iso non é serio. Alcoa é viable e o que precisa é un prezo estable da electricidade e que o propietario permita a súa venda. Houbo unha ministra que foi á mariña e dixo que o estatuto electro intensivo estaba listo e que non o ensinaba porque non quería xogar ao electoralismo. Xa pasou moito tempo desde as xerais. Onde está o estatuto?
En relación ao prezo da electricidade, estades en desacordo cunha tarifa eléctrica específica para Galicia?
Estamos en desacordo, si. Non pensamos que esa tarifa sexa a solución.
Porén, cando no mandato anterior a CIG presentou unha ILP que defendía unha tarifa eléctrica propia para Galicia, vós votastes a favor. Por que?
Non
Como que non Alberto, foi aprobada por unanimidade
Non, aí había un paquete de varias medidas e a esencial ía dirixida a garantir o futuro das electro intensivas, que foi o que apoiamos nós, o paquete en xeral
Que pasou con PEMEX?
Esa é unha empresa que nun momento dado foi moi importante para os estaleiros galegos e que despois tivo un devir moi negativo para a propia PEMEX, o que levou a suspensión duns pedidos que terían sido moi relevantes para Galicia
Vulcano está definitivamente morto?
Non o sei, a min gustaríame que non claro
Hoxe é 10 de agosto, e onte coñecemos que a AN abre dilixencias contra Ana Pontón por unhas declaracións sobre a casa real. Que opinas desta actuación xudicial?
Eu como sabes son avogado, e das decisións xudiciais intento opinar pouco. Son moi respectuoso coa xustiza. Creo que Ana Pontón equivocouse con esas palabras , outra cousa é que teñan relevancia penal, que é o que debe determinar a xustiza. Dito isto quixera precisar dúas cousas; Á señora Pontón, no terreo persoal deséxolle o mellor, e non me alegro que lle pase iso nin moito menos, pero alégrame que non se dea cun goberno do PP, porque se fose así non teño dúbida de que seriamos acusados de contado de perseguir ao nacionalismo
Non te parece que no estado, goberne quen goberne, estase optando en moitas ocasións pola vía represiva contra o discrepante
Non. En España rexen leis aprobadas por parlamentos lexítimos en votacións lexítimas .E pedir o cumprimento da lei para todos por igual, non é represivo, é a esencia mesma da democracia
Cando dis que todos debemos someternos á lei inclúes a todos os membros da casa real?
Por suposto
Os tribunais europeos teñen amonestado en diversas ocasións aos españois
Moitas menos veces que a outros estados europeos. E iso son datos obxectivos nin sensacións nin especulacións
Xa, pero non sei eu se noutros estados europeos se deron casos tan sumamente graves como o de bateragune que fixo que unha serie de persoas sufriran 6 anos íntegros no cárcere cumprindo a sentenza dun xuízo que en Europa se ditaminou como nulo
Hai resolucións dos tribunais europeos que eu non comparto, pero como che dixen antes, acatalas todas é parte da democracia
Xa, pero o TS español tardou unha barbaridade de tempo en executar esa sentenza. Faino moi pouco tempo despois das eleccións vascas, e se o tivera feito antes Otegui podería terse presentado ás mesmas. Non me digas que non che parece nin minimamente sospeitoso?
Non, a xustiza está como está e ten os seus tempos. O retraso é xeral e é o seu problema principal
Entón ti pensas que a execución desa sentenza xusto despois das eleccións en Euskadi foi unha circunstancia procesal normal?
Si. É que se a xustiza se aplicase en función de criterios de oportunidade política non sería xustiza
Acabamos esta extensísima conversa, quedan un feixe de temas, pero o espazo é limitado. Grazas pola túa atención Alberto e unha última cuestión; se a pandemia o permite cales
van ser os grandes obxectivos políticos do PPdG esta lexislatura?
O esencial é superar a pandemia o antes posible e da mellor maneira posible. E alén desa circunstancia imos dedicar todos os nosos esforzos á recuperación económica e a loitar contra a crise demográfica