Ana Pontón: “Estou convencida de que o BNG vai ser a forza política que máis suba nas eleccións municipais”

Ana Pontón

Desde que se converteu en portavoz nacional do BNG en febreiro de 2016, a uns meses das eleccións galegas daquel mesmo ano, o liderado político de Ana Pontón (Sarria, 1977) dentro do nacionalismo galego medra e ilusiona cada vez máis. Hoxe en día, a súa é a voz máis representativa da oposición política dentro do Parlamento de Galicia e aspira a presidir a Xunta no ano 2024, despois das que serán as súas terceiras eleccións galegas como candidata do BNG. Antes, con todo, a cidadanía votará dentro duns meses nas municipais do 26M. Falamos con ela sobre esta cita coas urnas, pero tamén sobre a situación que atravesa Galicia actualmente e sobre o proxecto político que está encabezando.

Estanse cumprindo 20 anos do desastre do Prestige e do xurdimento de Nunca Máis, e parece que vemos con nostalxia aquela indignación e despertar social nas rúas. Cal é o diagnóstico do BNG e de Ana Pontón da Galicia actual, tanto da situación política coma da situación social?

Estas memorias déixannos con sentimentos encontrados. Por un lado, toda a rabia e indignación que supuxo a incompetencia política, unha incompetencia que provocou que un incidente acabase sendo a maior catástrofe ambiental da nosa historia. Foi un momento no que se viu con total dureza o abandono do Estado a Galicia e, ademais, un Goberno que utilizaba a mentira dunha forma absolutamente impune. Por outro lado, está o exemplo que deu unha sociedade que se levantou, que se autoorganizou, que non só saíu a defender o noso país do chapapote, senón que tamén creou a maior mobilización social da nosa historia, que foi Nunca Máis. Eu quédome con ese orgullo, sabendo que a día de hoxe, aínda que se avanzou grazas a esa mobilización, segue habendo perigo nas nosas costas e poderíase repetir unha situación semellante. Por iso, desde o BNG, estamos reclamando que se teñen que cumprir as promesas incumpridas desde hai moito tempo, e que as competencias en materia de salvamento marítimo e de control de vertidos teñen que estar en mans de Galicia. Esta catástrofe, o que fixo foi empoderar á sociedade galega e crear unha conciencia ambiental moi forte.

Mais actualmente custa ver nas rúas galegas unha mobilización semellante. Non si?

Non podemos obviar o clima social que trouxo a experiencia de ter vivido unha pandemia que practicamente nos confinou como sociedade durante dous anos e que provocou un impacto emocional e social que aínda estamos vendo. Eu, en certa forma, o que vexo é que volve haber un rexurdir de todo ese malestar social. Estámolo a ver en mobilizacións sociais, algunhas vinculadas coa negociación colectiva, pero tamén coa defensa da sanidade pública. O propio BNG convocou para o 18 de decembro unha mobilización para reclamar unha saída xusta ante esta crise. Estamos vendo con preocupación que se repiten os mesmos erros do pasado, e non podemos permitir que esta crise as paguen as de sempre. Os Gobernos non están á altura do problema.

A política que se fai desde un goberno defínese en boa medida nos orzamentos. Que podemos esperar dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2023, a pesar de que o PP os presentase como os de “maior teito de gasto histórico” e os de “maior gasto social” que ten tido Galicia?

A Xunta do PP, cada vez que presenta uns orzamentos, repite as mesmas palabras, que acaban sendo un slogan baleiro. O grave destes orzamentos é que son insolventes e insolidarios. Son insolventes porque teñen unhas previsións falsas que mesmo os expertos teñen demostrado. E son insolidarios porque, no medio desta crise, o que fai o PP é darlle rebaixas fiscais a quen máis ten. De feito, aí temos esa rebaixa no imposto sobre o patrimonio, que o que fai é regalarlle 34 millóns de euros ás persoas que teñen máis patrimonio deste país. Nós o que dicimos é que non é o momento dunha política fiscal inxusta. Ao contrario, necesitamos maior progresividade porque cada vez que o PP fai un agasallo fiscal a millonarios o que fai é recortar en sanidade, en educación, en servizos públicos,… Non esquezamos que os impostos son fundamentais se queremos ter unha rede social e redistribuír a riqueza. Estes son uns orzamenros que van en dirección contraria ao que necesita neste momento Galicia.

Cando foi ratificada como portavoz nacional en outubro de 2021, despois dunhas semanas de certa incerteza por unha mensaxe que publicara pedindo tempo para reflexionar sobre o futuro, avogou expresamente por ampliar a base social do BNG e falar dos problemas da xente para sumar votos e chegar á Xunta de Galicia. Recentemente o fixo na celebración do 40 aniversario do BNG. A que se refire con ampliar a base social? Dentro da sociedade galega, onde está esa marxe de ampliación? Cales son as claves para chegar a máis persoas?

No BNG, o que non nos poñemos son límites. Temos un proxecto pensado para a maioría dos galegos e das galegas, dos traballadores e das traballadoras, das persoas autónomas, das pemes e dos sectores produtivos. Dirixímonos a esa maioría social que ten a Galiza na cabeza e no corazón, que confía no país e sabe que os galegos, como pobo, temos un enorme potencial. Se queremos transformar este país necesitamos chegar a máis galegos e galegas, e eu teño o convencemento de que a única forza política que tocou teito en Galiza é o PP, que está en franco retroceso porque se ve que, co PP, Galicia vai a menos. Temos menos emprego, temos menos poboación, temos menos xente nova, temos menos servizos públicos. A alternativa real fronte ao PP é o BNG. E estamos traballando con moitos sectores económicos e sociais do noso país para seguir ensanchando a nosa alternativa. Temos as portas abertas a todos aqueles que queiran construír con nós, convencidos de que o cambio político vai ser posible en 2024 e que este país fará historia cun Goberno nacionalista e cunha presidenta.

Coa crise económica derivada da inflación de prezos, principalmente a consecuencia da guerra na Ucraína, boa parte das mensaxes políticas dos últimos meses centráronse en dar resposta ás necesidades da poboación máis vulnerable. Neste contexto, parece que o debate sobre a transformación estrutural do territorio está nun segundo plano. Dentro do discurso político, é posible conciliar estes dous enfoques, o curto e o longo prazo? Existe a preocupación de que o urxente deixe a un lado o importante?

Nós facemos propostas políticas pensando en como darlle solucións aos galegos e ás galegas, no aquí e no agora, non pensando en eleccións. O curto prazo necesita políticas a medio prazo. É necesario ter un horizonte de país. E iso é o que estamos defendendo desde o BNG. Queremos unha Galicia que defenda os servizos públicos, con control sobre os seus recursos económicos, que produza de maneira sustentable, así como apostar pola ciencia e a innovación. O que temos aprendido destas últimas crises é que debemos producir. En Galicia temos capacidade para producir alimentos, e esta é unha base importante para medrar, xerar unha economía de escala e fomentar un reequilibrio territorial para poñerlle freo ao brutal proceso de despoboamento na Galicia interior.

O BNG leva semanas presentando candidatos para as eleccións municipais de 2023. Nalgúns concellos con alcaldes e alcaldesas nacionalistas estamos vendo renovación de candidaturas, pero a maioría se mantén. Que perspectivas ten o BNG de cara ás municipais do vindeiro ano? Hai algunha Alcaldía que sexa obxectivo estratéxico especial?

Os nosos obxectivos a nivel municipal son moi claros. Estou convencida de que o BNG vai ser a forza política que máis suba nas eleccións municipais. Queremos máis BNG nos concellos, porque os concellos gobernados polo BNG demostran que teñen capacidade para transformar en positivo, para mellorar as oportunidades económicas e para mellorar a calidade de vida das persoas, que é o elemento central de calquera política que queira escribirse en maiúscula. Imos a por todas nestas municipais. Queremos manter as alcaldías que temos, pero tamén sumar máis alcaldías ao BNG. Eu estou convencida de que imos dar un salto moi importante no ámbito municipal.

Na provincia de Pontevedra interésanos coñecer a súa expectativa de resultados en concellos como A Guarda e Cangas, onde o BNG está na oposición. 

Temos un potencial enorme e o noso obxectivo é ter a Alcaldía nas próximas eleccións municipais. Vamos a traballar para iso. Logo, a cidadanía ten que decidir co seu voto, non o podemos escribir ti e eu.

Na Guardia, por exemplo, o BNG retirárase do pacto de goberno subscrito co PSOE-PSdG aos poucos meses das elecciones de 2019. A teor desta experiencia e considerando a situación interna do PSOE-PSdG, pensa que a día de hoxe os socialistas son socios de goberno confiables, especialmente para gobernar na Xunta?

Nós presentámonos cun proxecto para obter a confianza da maioría das persoas. Se despois das eleccións se dá un panorama no que hai que ir a por pactos e acordos de goberno, o BNG ten unha ampla experiencia. Temos capacidade demostrada de diálogo e entendemento. Se se rompe a maioría da dereita temos que traballar para conformar unha alternativa. Hai moitas fórmulas. Un pode apoiar e estar fóra, tamén pode cogobernar. Todas as experiencias teñen demostrado que hai elementos máis e menos favorables, pero os gobernos de coalición son unha normalidade democrática de toda Europa; levamos moitos anos de experiencia con eles, e nós temos esa vontade para ser capaces de entendernos desde a diferenza.

No Concello de Cangas, coa inestabilidade política que trouxo o falecemento do alcalde Xosé Manuel Pazos e a recente crise de goberno, a poucos meses de entrar en campaña, pensa que o BNG pode ter opcións de capitalizar o descontento e pescar votos de esquerda en río revolto?

Cangas é un concello complexo, así como un concello intenso na súa vida política. Nós vamos presentarnos coa mellor candidatura e coa mellor das vontades para que Cangas teña un goberno que lle dea futuro. E facémolo nunha comarca na que temos a experiencia de moitos anos de goberno municipal en Bueu, moitos anos de goberno municipal en Moaña; onde se está demostrando esa capacidade para xestionar ben os recursos públicos, poñer en marcha políticas que defendan os servizos á cidadanía, para transformar esos concellos. Penso que temos os vimbios necesarios para sar un salto adiante.

Retomando a idea de ampliar as bases do BNG, a nivel local aínda se sente con forza a fragmentación política do nacionalismo, con partidos municipalistas que se achegaron ás mareas e aínda estando estas en crise parecen seguir adiante cos seus proxectos, a miúdo bastante personalistas porque non teñen referentes organizativos detrás. Coa crise das mareas, pode ser momento de incorporar a parte deses militantes que se distanciaron do BNG e concentrar de novo ás forzas políticas arredor do galeguismo e do nacionalismo. É viable?

O BNG ten as portas abertas a todas as persoas que queiran un proxecto propio, non dependente de Madrid, que defenda os intereses dos galegos e das galegas. Seguimos sumando e traballando. Nos últimos anos téñense incorporado centos e centos de persoas á nosa organización. Estamos nun proceso claro de aglutinación dunha masa social cada vez máis importante. E esta é a idea na que traballamos. Estou convencida de que é a alternativa para que Galicia teña un futuro mellor.

Os resultados das municipais de seguro marcarán o paso cara á cita autonómica de 2024. No caso do BNG, ata que punto son unha referencia a ter en conta?

É evidente que cada proceso electoral ten as súas claves, e vemos resultados diferentes nunhas xerais, nunhas galegas e nunhas municipais porque operan aspectos que teñen unha incidencia en como votan as persoas. Nestas municipais creo que vamos ver que o BNG segue sento unha forza política á alza, que vai ser a forza política que máis suba e que vamos mellorar os nosos resultados. Isto é importante de cara a seguir consolidándonos nese obxectivo tan importante que temos, que é conseguir que por primeira vez o bng teña a presidencia da Xunta de Galicia e darlle un futuro mellor aos galegos e ás galegas.

De cará á cita electoral do 26M, cales son as previsións en termos numéricos?

Non temos ningunha enquisa. Eu, particularmente, son sempre moi escéptica coas enquisas e cos resultados. Por exemplo, nas últimas eleccións galegas todas as enquisas pronosticaban que iamos quedar de terceira forza política, e quedamos de segunda cun resultado espectacular. Eu o que creo é que hai que confiar no proxecto, facer un traballo moi apegado coa cidadanía, escoitar moito o que nos quere dicir a xente do noso país, e ofrecerlles unha alternativa de futuro desde a convicción, desde a ilusión e desde a ambición de país. E aí é onde vamos estar traballando. As enquisas son fotos dun momento que teñen as súas limitacións. Facer política mirando as enquisas pode chegar a confundirte.

De chegar a ser presidenta da Xunta de Galicia, cales serían as súas primeiras medidas? Ten pensado nesa posibilidade?

Non sei o que faría dentro de dous anos, pero si sei o que faría hoxe. A primeira prioridade sería afrontar o grave problema que temos na sanidade pública, xa que o deterioro é brutal, e poñer máis medidas e recursos para acabar coa precariedade no Sergas. Paréceme que atender o dereito á saúde das persoas debe ser a primeira prioridade.