Valentín González Formoso SX do PSdeG: “Estamos a facer entre 10 mil e 12 mil km ao mes por Galicia, encontrándonos con todos os sectores produtivos e sociais”

Valentín González Formoso
Alma López

Se por algo é recoñecido o actual secretario xeral do PSdG-PSOE, Valentín González Formoso (As Pontes de García Rodríguez, 1971), é por ter unha longa experiencia na política municipal do ámbito provincial da Coruña. Está na Alcaldía das Pontes de García Rodríguez desde hai 15 anos, e preside a Deputación da Coruña desde hai sete. En 2018 foi elixido secretario provincial do PSdeG-PSOE na Coruña, e tres anos máis tarde superou a Gonzalo Caballero en apoios internos para converterse en secretario xeral do PSdeG-PSOE e liderar o partido de cara ás eleccións autonómicas de 2024. Falamos con el das expectativas dos socialistas galegos de cara ás municipais do próximo mes de maio, así como da súa proposta política para Galicia.

Vostede é alcalde dun concello de máis de 10.000 habitantes como As Pontes de García Rodríguez, presidente da Deputación da Coruña e, desde finais de 2021, tamén secretario xeral do PSdeG-PSOE. Como se leva isto de compaxinar tantos cargos políticos e responsabilidades institucionais? Ten pensado dar un paso ao lado na política municipal e centrarse na súa candidatura para as eleccións galegas de 2024?

En política, este tipo de coincidencias dáse con certa frecuencia. Non esquezamos que, no caso da Deputación da Coruña, para ser presidente tes que ser concelleiro ou alcalde. Que organicamente coincida a presidencia da deputación coa secretaría xeral ou provincial tamén é unha coincidencia bastante habitual. No meu caso, polo menos, depende sempre da capacidade de xerar equipos e de delegar neles parte das funcións. Eu creo que a esencia e a presenza teñen que estar na medida que corresponda. Por suposto, hai que estar enriba dos temas sempre, e sobre todo dos temas importantes; pero no resto dos temas é esencial traballar con equipos cos que se teña unha boa coordinación e comunicación.

En decembro de 2021 asumiu formalmente o seu cargo de secretario xeral do PSdG-PSOE no 14º Congreso Nacional galego. Pasado aproximadamente un ano, que valoración fai desta etapa dentro do partido, tendo en conta as citas coas urnas previstas para 2023 e 2024 en Galicia?

Foi un ano complexo porque nos tocou asumir os efectos dunha sociedade que está reactivándose despois dunha pandemia, e agora tócanos convivir cos efectos dunha guerra ás portas de Europa, cunhas consecuencias que están condicionando a nosa vida cotiá, basicamente polos prezos inflacionistas dos últimos meses. Este é un escenario que, tanto institucional como organicamente, nos obriga a estar en alerta respecto das necesidades sociais e das medidas que se deberían aplicar en cada momento para soportar certos sectores estratéxicos e certos sectores sociais con menos recursos para afrontar unha situación deste tipo. Polo tanto, é unha tensión permanente que inxecta presión ao labor dunha secretaria xeral dun partido, que xa por si mesmo é moi intenso, e ao traballo que se realiza desde a presidencia dunha institución como é a Deputación da Coruña. En definitiva, tratamos de estar cerca de todos os sectores, recuperando o pulso dun partido moi institucional que goberna o 60 por cento da poboación galega nos concellos, que goberna practicamente todas as grandes cidades de Galicia e que está en tres das catro deputacións provinciais. A verdade é que foi un ano moi intenso, tamén de aprendizaxe, na secretaria xeral do PSdG-PSOE; e un ano de engraxamento da coordinación con Madrid, xa que estamos nun momento no que esa coordinación debe ser máis intensa que nunca.

O Centro de investigacións Sociolóxicas (CIS) publicaba hai unhas semanas os resultados dunha macroenquisa sobre tendencias en voto municipal que indicaban que o PSOE gañaría na próxima cita electoral do 26M, superando ao PP, se as eleccións se celebraran seis meses antes desa data. Tendo en conta o contexto galego, onde o BNG xa é segunda forza política a nivel autonómico, cales son as expectativas do PSdG-PSOE nas municipais de 2023?

Nós temos unha referencia clara, que gobernamos A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Vigo, e cogobernamos Pontevedra. Gobernamos Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos e así ata unhas 110 Alcaldías, con máis de mil concelleiros e concelleiras arredor de Galicia. Este punto de partida é moi poderoso. O 60 por cento da poboación galega ten un alcalde ou unha alcaldesa socialista na súa vida. No ámbito municipal, esa é a referencia que temos que seguir.

Evidentemente hai unha cidade que para nós é moi importante, como é Ourense. Xa temos un candidato designado, un candidato que foi alcalde no seu día. Esta é unha cidade que ten que ser obxectivo do PSdG-PSOE porque é unha cidade na que os socialistas sempre tiveron boa representación e, sobre todo, porque se atopa nunha situación que require un proxecto ilusionante, solvente e serio que a afaste da imaxe de crispación e de ridículo que demasiados días ao ano ten sufrido a poboación de Ourense, sendo protagonista nos medios nacionais por unha situación de Goberno local esperpéntica que soamente ten un responsable: o PP, antes de Alberto Núñez Féijoo e agora de Alfonso Rueda.

Na comarca de Condado-Paradanta intúese unha renovación de candidaturas en concellos nos que o PSdG-PSOE forma parte de gobernos de coalición, como Ponteareas, onde Delfín Domínguez substituirá a Chus Garrote. A que se deben estes cambios?

Esta é unha dinámica habitual dentro do partido socialista. Eu creo que agrupacións teñen vida propia e ansias de mellorar resultados. Hai proxectos que se esgotan por decisión persoal, proxectos que se esgotan por decisión das agrupacións, e mesmo proxectos que se esgotan por unha visión compartida desde a dirección provincial e galega. No caso de Ponteareas, é un proceso nacido da propia agrupación. Delfín é unha magnífica persoa, unha persoa de consenso e positiva que constrúe no seu proxecto mental Ponteareas cada día, e que vai poñer por riba de calquera interese partidista os intereses da localidade. Despois de 15 anos en política, percibo cando unha persoa ten oportunidade para ser alcalde ou alcaldesa. Estamos convencidos de que Delfín o vai ser.

Gustaríame preguntarlle tamén polo concello de Mos, onde o PSdG-PSOE ten cinco concelleiros/as. Xa está confirmado que repite como candidata Victoria Alonso, que tamén está moi implicada na Deputación de Pontevedra xunto a Carmela Silva. Cales son as expectativas do PSdG-PSOE en Mos? Como están as relacións cos demais partidos da oposición para chegar a un pacto de goberno, no caso de non acadar maioría absoluta?

Estou convencido de que seremos primeira forza política en Mos, que chegaremos á Alcaldía, e que o PSdG-PSOE, tanto a nivel local como co apoio da provincia e da dirección galega, vai ter capacidade de diálogo e capacidade para acadar e reforzar esa Alcaldía cun maior resultado.

En Tui, por outra banda, repetirá como candidato o alcalde Enrique Cabaleiro?

Kike ten todo o apoio, a confianza e o cariño da miña persoa e do partido en xeral. Creo que é un alcalde de referencia, un alcalde que é sinónimo de solvencia, de bonhomía e de garantía. Pero é unha decisión que ten que tomar el persoalmente, e despois a súa agrupación.

En xuño do ano pasado, Verónica Tourón converteuse na primeira alcaldesa socialista de Salceda de Caselas despois do pacto de goberno co partido Movemento Salceda, que supuxo a alternancia na Alcaldía. Pensa que esta estratexia, e o feito de visibilizarse na Alcaldía no último treito do mandato, vai favorecer ao PSdG-PSOE nas eleccións municipais de 2023?

Creo que Verónica estivo a facer un gran traballo. Ese bo sabor de boca que deixa en Salceda vai facer que sexa a lista máis votada. Vai contar con todo o apoio da formación, tanto a nivel provincial como galego.

As municipais de 2023 serán a primeira cita coas urnas da súa etapa como secretario xeral do PSdG-PSOE. Logo virán as autonómicas de 2024, que para vostede serán a verdadeira proba de fogo como líder dos socialistas galegos. O feito de non estar entre os representantes do PSdG-PSOE no Parlamento de Galicia –como si están a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o propio presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda– réstalle visibilidade de cara a liderar a candidatura do PSdG-PSOE nas eleccións galegas de 2024?

Non deixa de ser un hándicap, sen dúbida algunha; pero eu considero que hoxe en día, aínda recoñecendo o papel soberano do Parlamento de Galicia, a política faise nas fábricas, nas rúas, nas entidades asociativas, faise en todos aqueles círculos ou espazos onde a cidadanía ten unha preocupación, unha problemática, e busca unha solución, unha opinión, un apoio. Ese entorno se encontra en lugares moi distintos ao propio Parlamento de Galicia, así que o noso labor se intensifica viaxando polo territorio. Estamos a facer entre 10 mil e 12 mil quilómetros mensuais por Galicia, encontrándonos con todos os sectores produtivos e colectivos sociais, coas distintas realidades que Galicia ofrece. Eu penso que ese hándicap está sendo superado pola presenza social da miña persoa.

Pensando en preparar a cita electoral do 2024, está considerando manobrar politicamente para buscar maior visibilidade e confrontación directa cos que serán os seus rivais nas autonómicas? Quizais deixar a política municipal?

Non é un tema de cargos. É un tema de ser capaces de trasladar á sociedade galega en xeral un proxecto ilusionante, un proxecto que teña tomado o pulso a Galicia e que poña enriba da mesa maneiras de ver distintas de país, que poña enriba da mesa posicións respecto daqueles temas que están agora mesmo entre as preocupacións da cidadanía e que supoñan unha alternativa distinta ao goberno do PP, que considere Galicia un lugar lonxe da resignación á que nos ten sometida o PP. Eu creo que a ilusión é o mellor antídoto fronte á resignación. É cuestión de ter a capacidade de remover todo aquelo que sexa necesario para ofrecer un país distinto, máis ilusionante, capaz de reter o talento que se foi fóra de Galicia e de España; é cuestión de ser capaces de poñer as potencialidades do noso país ao servizo da sociedade.

En tempos de Nadal non podemos evitar mirar a Vigo. O protagonismo de figuras políticas do socialismo galego como o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, xoga a favor ou en contra da súa candidatura de cara ás eleccións galegas de 2024?

Sempre a favor. As referencias políticas que teñen apoio social, que están dispostas a botar unha man, a compartir coñecemento e a facer reflexións conxuntas de xeito sosegado sempre son positivas. Creo que fortalecen o proxecto socialista de cara ás autonómicas de 2024.

Falando xa da situación actual de Galicia, vostede foi crítico cos orzamentos que presentou a Xunta de Galicia para o próximo ano. Desde o seu punto de vista, cales serían as prioridades de gasto e inversión?

Nun orzamento onde o Estado lle transfire a Galicia 1.500 millóns de euros máis que o ano pasado, é moi triste que a Xunta soamente adique 30 millóns de euros máis á Atención Primaria, cando sabemos que este é un dos grandes problemas que ten o noso país, e que afecta a cada usuario do sistema público sanitario, a calquera que se achegue ao centro de saúde e tarde ata 25 días en ser atendido nun servizo no que nunca se viron listas de agarda. Alén desta falla, este orzamento tampouco está dando resposta ao contexto económico. En Galicia hai sectores produtivos que o están pasando mal para cadrar as contas e garantir a súa sostibilidade económica, sobre todo no estratéxico sector primario, en actividades como a gandería, a pesca e o transporte. Esta é unha industria cuns custos enerxéticos enormes, e a Xunta dedica cero euros á previsión de convocatorias de liñas de axudas, como si fixeron outras institucións, incluído o Goberno estatal e nós mesmos desde a Deputación da Coruña. Este é un orzamento que nace cunha falla tremenda e, sobre todo, cunha insensibilidade cara sectores que son estratéxicos en Galicia.

Recentemente anunciouse que A Coruña será a sede da nova Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial. Supoñemos que para vostede será unha magnífica nova. Mais, tendo en conta a abstención do BNG na votación sobre o orzamento estatal, non se pode ver esa decisión como unha maneira de compensar a falta de gasto social e investimentos para Galicia que criticaban os nacionalistas galegos no Congreso?

Cada un pode dicir o que considere oportuno, pero ese vitimismo o único que fai é lastrar a un país. Eu creo que hai que ser obxectivos na análise das contas orzamentarias, e Galicia recibe moita mais transferencia da que reciben outras comunidades que aportan máis porcentaxe do seu PIB ás contas do Estado. Galicia é a quinta comunidade española que máis financiamento recibe: un 9,24% máis do que recibiu hai un ano. O da axencia ten que ver coa decisión do Goberno estatal de vertebrar o territorio, e que as institucións estean alá onde teñen lóxica. En Galicia hai máis de 50 mil empregos vinculados ao sector tecnolóxico, e A Coruña é unha cidade que aposta desde hai tempo por un entorno universitario e empresarial vinculado ás TIC. Ten toda a lóxica do mundo que esta axencia estatal se sitúe aquí. Para Galicia supón un avance importante para converterse nunha referencia en intelixencia artificial, tanto en España como en Europa.

De chegar a ser presidente da Xunta de Galicia, cales serían as súas primeiras medidas?

Creo que hai que lanzar unha mensaxe de ilusión á xente nova. Non pode volver ocorrer que un presidente compre maletas para regalárllelas a 47 mil rapaces de menos de 30 anos que deciden abandonar o país que os formou. Supón un drama familiar e social. Non vai volver repetirse que unha nena que naceu en Düsseldorf lle pregunte á súa nai por que naceu alí se os avós están en Galicia. Ten moito que ver coa renuncia a un país distinto por parte da Xunta do PP. Eu creo que é a ciencia, a tecnoloxía, a investigación, o coñecemento, a educación, o que ten que recibir máis apoio por parte dun Goberno de Galicia. Esta é a visión do PSdG-PSOE.