O coronavirus no mundo IX; Suiza

Coronavirus no mundo Suiza A Nova Peneira

Hoxe achegámonos á verde Suíza, un dos países máis descentralizados do mundo, polo que nos conta o noso convidado, non só na forma senón tamén no fondo. Falamos con Xose Abelenda, un galego do norte do país, que nos explica como está a situación sanitaria na confederación helvética.

XOSÉ ABELENDA

“ EN SUÍZA, QUIM TORRA E A ADMINISTRACIÓN CATALÁ, NON TERÍAN PROBLEMA EN XESTIONAR A SÚA SITUACIÓN SANITARIA, EN FUNCIÓN DO ESTADO DAS COUSAS NA ZONA ADMINISTRADA”

De onde es ti natural ?

Eu son de Santa Comba.

Agora estas no país, ou en Suíza?

Agora estou en Galiza porque fiquei bloqueado. Vin ao meu pobo, porque o peche do centro de día no que está a miña nai obrigoume a vir atendela, e agora, a situación na que estamos impídeme volver a Suíza. Fago na medida do posible teletraballo, pero aquí no rural Internet funciona fatal, o que é un problema serio de verdade.

En que cidade de suíza vives?

Yverdon-les-Bains. É cantón francés, é unha cidade pequena. 

Canto tempo levas vivindo en Suíza?

Estiven nunha primeira etapa entre os anos 1995 e 1998, e agora levo ininterrompidamente desde o ano 2002. Xa os meus pais estiveron en Suíza como emigrantes, ese foi o motivo da miña primeira viaxe, e no que respecta á segunda pois como a maioría de galegas e galegos que emigramos; funme pola falta de oportunidades para desenvolver un proxecto de vida na nosa terra.

A que te dedicas?

Son inspector de traballo no sector das telecomunicacións.

Ao estares bloqueado, non terás problema no teu traballo?

Non, de feito pasoulle a varios compañeiros, incluso ao meu xefe. Eu trato de facer teletraballo, pero aquí no rural, o funcionamento de internet faino realmente difícil.

Cal é a situación de Suíza en relación coas fronteiras?

Poderían entrar os cidadáns suízos, os que coma min, son residentes, ou os que teñen lazos familiares no resto de casos non se admite a ninguén.

Ti viñeches a Galicia mediados de marzo, cando o estado de alarma fixo que pechara o centro de día da túa nai. Cando viñeches, como estaba alí a situación?

Eu son unha persoa de risco, por un problema de saúde previo, e xa estaba confinado na casa, facendo tele traballo, pero a esas alturas o único que había eran recomendacións. O primeiro cantón que tomou medidas drásticas foi o que fai fronteira con Lombardía.

Agora mesmo, que novas temos de Suíza?

Suíza, como sabes é un estado federal, e cada cantón tomou as medidas que consideraba adecuadas en función da súa situación. Por exemplo os que fan fronteira con Italia, son os que tomaron as medidas máis drásticas, pechando toda a actividade económica. Porén, os cantóns da Suíza alemá tomaron medidas moito máis laxas. Quim Torra e a administración catalá, por poñer un exemplo non terían ningún problema en Suíza para xestionar a situación sanitaria no seu territorio, en función da súa situación particular.

Entón, as medidas son diferentes en cada cantón, en función da situación sanitaria que exista en cada zona, non?

Exactamente, así é. A situación de España de afrontar todo de maneira homoxénea, independentemente das circunstancias sanitarias de cada zona, en Suíza non se entendería. Para un Suízo sería inexplicable que ante situacións sanitarias diferentes se tomaran as mesmas medidas. Nunha zona de risco sanitario elevado, non se pode pasear, pero nunha zona de risco moi baixo, si se pode. Tomar unha medida permisiva nunha zona de risco potencialmente alto, alí sería considerado igual de estúpido que tomala restritiva nunha zona de risco potencialmente baixo. A única medida homoxénea é a prohibición de xuntanzas de máis de 5 persoas. Incluso a nivel cantonal, as medidas poden ser diferentes en función da situación sanitaria de cada zona do Cantón. De todas maneiras, quero subliñar tamén que hai cantóns no que empresarios e sindicatos coincidiron en pedir medidas de confinamento máis estritas. Por outra banda quixera salientar tamén a rapidez das autoridades en requisar medicación que puidese ser útil no tratamento da enfermidade. Eu creo que outro aspecto a ter en conta é que en Suíza existen un número importante de hospitais comarcais, o que favorece que non exista moita concentración de pacientes, o que dificulta a transmisión. É algo que boto de menos en Galiza, como é posible que nun sitio como Carballo non haxa un hospital.

O tema dos impostos como se leva?

Está todo proorrogado automaticamente, sen complicadas excepcións que fan tolear ao persoal das xestorías. Todo automaticamente adiado.

Como valoras a actitude da oposición Suíza?

É unha actitude que procura buscar o consenso.

A comunidade galega en Suíza, sabes de cantas persoas consta?

Declaradas, arredor de 50.000, pero teño constancia de que somos moitos máis. As miñas estimacións é que debemos de ser arredor de 80.000 persoas.

Ti, tes unha vinculación moi importante en relación coa comunidade galega nese país, verdade?

Si, sempre tiven responsabilidades moi activas na nosa comunidade en Suíza. Cheguei a facer radio en galego aquí, organicei o ano pasado co compañeiro Bujeiro o día das letras, e moitas outras actividades.

Tes información de como é a incidencia da epidemia na nosa comunidade?

Sei de galegos que están afectados, incluso eu coñezo persoalmente a algún pero non podería precisar porcentaxes. A xente ten moito medo, porque por exemplo no cantón de Berna séguese traballando. Incluso hai zonas nas que as garderías seguen abertas para atender a fillos de traballadores.

Estades confinados?

Non, só no caso dos cantóns italianos. No resto de zonas pódese saír a pasear.

Pero a hostalaría está pechada?

Si, o sector do ocio está pechado.

A embaixada de España ten algún tipo de utilidade para a comunidade galega en Suíza?

No, non achega nada, e non funciona nada ben. Se cadra é porque o persoal é moi escaso.