Luís Bará deputado do BNG

Luís Bará

As milenarias pedras da Ponte de Ponte Sampaio son testemuña da pegada histórica de moitas xeracións de galegos e galegas que estiveron, riron, sufriron, amaron, viviron e morreron en idioma galego antes ca nós. E deben de seguir séndoo de outras moitas que veñan despois e que rían, sufran, amen, vivan e morran no idioma do noso país. Alí, os camiños da vida fixéronme coincidir a principios deste mes de decembro con Luis Bará e non puiden evitar ter unha breve conversa política con el. Velaí vai o que deu de si

Teño a convicción de que nas municipais do 2023 imos ter o mellor resultado da nosa historia”

A piques de achegármonos a un importantísimo proceso electoral, as municipais de maio do 2023, como está a saúde,os ánimos e as perspectivas do BNG?

Está todo moi ben. Levamos xa moito tempo traballando nestas eleccións e as expectativas son moi boas. Teño a convicción de que imos ter o mellor resultado da historia nunhas eleccións municipais. Algo que confío será un paso adiante moi importante de cara ás eleccións galegas do ano 2024

En Xeral tedes moi boas perspectivas, pero quero preguntarche en particular pola nosa área de influencia, polos 32 Concellos nos que se distribúe A Nova Peneira. Alí tendes 7 alcaldías: Bueu, Moaña, Ponteareas, Mondariz, As Neves, O Rosal e Tomiño. Cres que algunha pode estar en perigo?

As expectativas son que revalidamos as 7, mellorando resultados, e incluso estamos en disposición de acadar algunha alcaldía máis.

Por exemplo?

A Guarda é un concello no que teño depositadas moitas ilusións, considero que temos moi serias opcións de que o noso compañeiro Anxo Baz, sexa o próximo alcalde da Vila. E outros dúas nos que xa hai catro anos estiveramos a piques de chegar ao goberno: Soutomaior e Balneario agardo que a partir de maio sexan tamén concellos BNG

Despois das municipais veñen as estatais. Confiades en manter o escano de Néstor Rego?

A experiencia destes anos amosou que o papel do BNG alí foi fundamental para defender os intereses de Galiza. E o que precisamos é non só manter o escano que temos senón obter máis. Agardo que cada vez máis galegas e galegos se dean de conta do importante que é contar cunha forza política que defenda os intereses do país sen estar subordinada a ningún outro interese, e que multipliquemos os apoios. O noso obxectivo é ter un grupo parlamentar galego, algo nada doado, ou achegarnos o máis posible.

Malia que vós votastes a favor da investidura de Sánchez, semella que o goberno se sente máis cómodo chegando a acordos con outros socios?

Canta máis representación teñamos máis capacidade de negociación e influencia imos ter. Todo parece indicar que imos a unha situación moi parella entre os dous bloques e as maiorías poden xogarse por moi pouco, unha situación que é interesante para nós.

Se cadra vémoste liderando a lista por Pontevedra?

Eu véxome máis na política galega. Por outra parte creo habería que apostar por unha renovación de caras. Ao BNG foille ben combinando experiencia con caras novas e creo que esa mestura é a adecuada.

Recentemente tiveches unha intervención no parlamento na que acusabas á Xunta de utilizar os fondos Hurbe para beneficiar aos concellos gobernados polo PP. Explícame iso?

Hurbe é un programa da Xunta que financia obras que fan os Concellos. E eses cartos, dependendo dos anos poden ser entre 7 e 9 millóns de €, destínaos a Xunta case exclusivamente a concellos do PP. Nos últimos dous anos de 62 convenios asinados con 62 concellos , 61 foron con concellos do PP. O uso partidista dos fondos públicos é descarado. Nos últimos 12 anos investiron arredor de 160 millóns de € para beneficiar case en exclusiva a concellos nos que goberna o PP. Esta é unha concepción non democrática da política. Consideran que as institucións son súas e que poden utilizar os cartos públicos ao seu antollo.

Nós imos promover unha modificación legal para que isto se acabe e os cartos públicos se distribúan de maneira equitativa en función de criterios obxectivos como xa se fai nas deputacións

En todas?

Menos en Ourense. Nós cando chegamos ao goberno das deputacións puxemos como condición acabar cos convenios a dedo. E que houbese un plan Concellos nos que, en base a criterios obxectivos , se distribuísen os cartos

E remataremos esta apaixonante etapa de eleccións coas autonómicas do 2024.O nacionalismo galego poderá, por primeira vez na historia, gobernar o país galego?

Cada vez é máis posible que teñamos unha presidenta en Galiza. Tanto polos méritos do BNG como polo demérito do PP que están profundamente desmoralizados coa presidencia de Rueda e en clara tendencia descendente. O país está nun momento crítico e non podemos agardar máis tempo para mudar as políticas enormemente lesivas do PP.