Ditadura desinformativa

Moncho Lareu, Profesor
Moncho Lareu

De luns a venres chego a casa á hora do xantar e sintonizo os autodenominados “informativos” dunha cadea televisiva española; iso que as nosas avoas chamaban “parte”, tirando dunha nomenclatura propia dos anos da guerra xenocida. Para chegar a casa dende o meu traballo teño que atravesar Vigo dun lado a outro e tales informativos xa van ben avanzados. Están xa coa sección internacional. Ultimamente xiran encol do mesmo: China mala, Rusia malísima, Irán tamén. Non se saen un milímetro do esquema marcado pola axenda internacional do Imperio decadente EEUU.

Pero esta semana, ben obedientes a ese guión de fedor ianqui, toca xustificar un golpe de estado contra o presidente do Perú. Un mandatario que, dende que foi elexido democraticamente polo pobo peruano, non tivo un segundo de acougo, acosado polos mass media servís, polos xuíces fascistas e por unha cámara dominada pola mafia fujimorista, neocon e ultra. Que todos os medios españois, sexan “conservadores” ou “progresistas”, coincidan en xustificar este golpe é algo que xa case non nos sorprende, porque xa non disimulan e actúan con total descaro ás ordes dos de sempre.

E claro, penso, como non van a actuar así estes medios se levan meses mentindo descaradamente e manipulando información para defender en plena Europa un réxime pronazi e racista ucraíno que ilegalizou o 90% dos partidos políticos, asasinou sindicalistas queimándoos vivos, lincha e amordaza contra postes a nenos e nenas xitanas e doutras minorías étnicas, comete actos terroristas e de “falsa bandeira”, fai “razzias” e pógromos nas mal chamadas “zonas liberadas” e leva dende 2014 masacrando e bombardeando á poboación civil das Repúblicas da rexión do Donbass?

Antes de rematar de xantar acabo cambiando de canle para que non me acaian mal os alimentos inxeridos ante semellante e indignante insulto á nosa intelixencia. Logo reflexiono sobre o tantas veces reflexionado en materia de manipulación de masas, a manida propaganda goebbeliana, a información e “o dono da imprenta”… E penso na cada vez maior necesidade de contar con voces propias ao servizo da clase traballadora, medios sen ataduras ecónomicas e sen prevendas, xestionados por e para a xente do común. En definitiva, de contrainformación, de contrapoder.