Existe un nacionalismo madrileño?

Artigo de opinión A Nova Peneira
Moncho Lareu. Membro de Anova e do CC da FPG

Esta tempada o Celta de Vigo xogou tres veces contra esquipos madrileños na Liga española de fútbol: cos dous grandes da capital española, Real Madrid e Club Atlético, e contra unha especie de “filial madridista en primeira” chamado Getafe CF, equipo dunha cidade-dormitorio da grande metrópole castelá. Se alguén tivo a desgraza de sintonizar unha cadea ou emisora estatal para seguir este xogos, dificilmente escoitaría citar ao equipo de fútbol vigués durante o transcurso do mesmo. Nestes medios, se os esquipos madrileños xogan contra outros equipos do resto do Estado, parece que estes están a xogar contra escadras de Letonia, Eslovenia ou Chipre. Practicamente, sen esaxerar.

Pero isto só é unha anecdótica punta do iceberg, xa que despois chegaron as nevadas devastadoras da man de Filomena, farrapadas estas que afectaron a toda a Meseta e a moitas zonas máis do resto da península. E é así que puidemos observar nos mesmos medios estatais como as consecuencias da nevada (as rúas ateigadas de neve, os servizos paralizados, o colapso das infraestruturas, as dificultades para traballar ou acudir ao centro de estudo…) eran única e exclusivamente “un problema de Madrid”.

Xa durante toda a pandemia, (confinamento, desconfinamento, desescalada, segunda e terceira vagas…) puidemos observar o manifesto “madrileñocentrismo” dos medios de ámbito estatal incluso para lanzar unha falsa idea de “madrileñofobia” no intre mesmo no que as elites e clases medias-altas madrileñas se pasaron polo arco do triunfo as medidas sanitarias de emerxencia para se trasladaren ás súas segundas residencias de Galiza, Andalucía, Països Cataláns… centrifugando así o virus por toda a periferia peninsular. Resultou traxicómico, aliás, escoitar falar dunha presunta “madrileñofobia” –por motivos sanitarios– aos mesmos que durante anos promoveron o boicot –por motivos políticos– aos produtos comerciais doutras zonas do Estado, nomeadamente de Catalunya.

Polo tamaño e motivación do artigo non me vou alongar con máis exemplos, pero parece evidente que detrás de todo isto subxace o centralismo habitual do nacional-imperialismo español. Porén, nunca antes escoitáramos a estes mesmos centralistas “reivindicar Madrid” con conciencia diferencialista, con vitimismo rexionalista e con orgullo fiscalista. Ou tal vez si, pero non nos decatáramos. Entón, podemos falar dun rexionalismo ou dun “nacionalismo” madrileño? Pódese falar dun centralismo español derivado en “madrileñismo”? Imos ver. 

a) A creación do estado das autonomías trouxo consigo a imposición dunha fórmula do “café para todos” que diluíse así a idea dunhas Galiza, Canarias, Euskadi, Andalucía e Catalunya diferenciadas. Nesa nova formulación, Madrid podería ter sido o que foi sempre: a capital de Castela, ou alomenos dunha das “dúas Castelas”, Castela A Vella. Pero a oligarquía española preferiu inventar a artificiosa Comunidad de Madrid para poder así competir con maior efectividade e sen o lastre “das provincias”. Como resultado disto, a creación desta autonomía de artificio comeza a sementar nas novas xeracións da provincia un “sentimento madrileño” do que carecían as xeracións anteriores, unicamente españolistas. 

b) Madrid é España e España é Madrid. Eis a doutrina que subxace neste sempre suposto “nacionalismo madrileño” que, sempre subxacente dende hai décadas, colleu forza e execución práctica co tándem formado dende 2019 pola presidenta autonómica e o alcalde capitalino: Isabel Díaz Ayuso e J.L. Martínez-Almeida. Grupos mediáticos ultradereitistas e neoliberais como Libertad Digital, sobre todo na súa emisora Es Radio, ou OK Diario fan ostentación sen escrúpulos desta idea de madrileñocentrismo que roza o nacionalismo, por non falar da prensa deportiva capitalina e o seu eterno “nacional-madrismo”.

c) O nacionalismo madrileño non é (e nunca podería ser) secesionista ou separatista ao estilo de certo arredismo bávaro ou da Liga Norte dos anos 1996 a 1999 por moito que algunhas elites madrileñas puidesen hiperventilar coa idea de se converter nun paraíso fiscal ou nalgo similar á City londinense. O nacionalismo madrileño necesita dun “Lebensraum” que alimente ao monstro ultraliberal de materias primas, de produtos semielaborados e de man de obra “nacional”: as provincias.

d) A idea de “nacionalismo madrileño” aliméntase tamén, indirectamente, por parte dos nacionalismos (ou rexionalismos) periféricos non-independentistas que habitualmente falan de “Madrid” coma orixe e pedra angular de todos os seus problemas para non se referir a “España”. Xa se sabe, o can non morde da man que lle dá de comer e estes espazos políticos non aspiran máis que a coller forza para negociar vantaxes e competancias co Estado e reforzar así o seu réxime autonómico para vivir del. Caso paradigmático e ben coñecido por nós é o do BNG, que nunca fala de España como “inimigo” de Galiza, senón de Madrid. Sempre Madrid.

e) Este madrileñismo tamén atinxe a certa esquerda política. Por exemplo, o espazo errejonista Más País non é máis ca unha extensión de Más Madrid a “provincias”, unha extensión que non é quen de callar fóra da CAM precisamente polo seu exceso de rexionalismo (case nacionalismo) madrileño. Tamén en amplos sectores da coalición Unidas Podemos xurde habitualmente un subconsciente “madrileñocéntrico” que algunhas non se esforzan en disimular. Porén, existen uns sectores conscientes da clase traballadora dese territorio que fuxen de todo isto, que son castelanistas e internacionalistas, que apoian fraternalmente as loitas de liberación nacional do resto do estado e que son solidarios ante a represión que estas sofren. Eses son os nosos aliados.

Ben. Estas son só algunhas notas. Do meu punto de vista teño dúbidas de se podemos falar de xeito concluínte dun “nacionalismo” madrileño, sempre ente aspas. Algúns rasgos hai, algunhas características ten, algúns requisitos cumpre. Porén, non deixa de se tratar do mesmo nacionalismo imperialista español de sempre, aderezado con certas ínfulas rexionalistas e vaidades centralistas que rozan un protonacionalismo cuns intereses máis político-económicos ca socio-culturais, aínda que estes tamén se manifesten como verniz. En definitiva, podemos colixir que, se existe un nacionalismo madrileño, este non é máis que unha adaptación do españolismo ás actuais circunstancias históricas, políticas, socio-económicas e culturais. O debate está aberto.