

O 9 de xuño recibín a primeira dose da vacina como me correspondía polo ano do meu nacemento, 1972. Ao observar a quen estaba agardando na fila decateime de que xa non son tan mozo, inda que iso é un pensamento habitual cando me deteño a reflexionar ultimamente. A verdade é que @s que estabamos alí xa levamos media vida consumida, e iso cambia por completo a perspectiva das cousas.
A maioría da xente da miña idade ten descendencia. Uns forman familias monoparentais e outr@s casaron (xuntaron) por primeira, segunda ou terceira vez para algún d@s compoñentes, algo impensable hai un par de xeracións.
Algo tan natural como poder cambiar de parella logrouse grazas a quen levou adiante a 1ª Lei do Divorcio no 1932, derrogada polo ditador no 1939, e a quen aprobou a actual Lei do Divorcio o 22 de xuño do 1981, hai só 40 anos, pese a oposición d@s fill@s polític@s do que derrogara a lei republicana.
Eu non teño fill@s mais sei que o mundo vai continuar xirando cando eu non estea aquí. Por iso non podo vivir pensando egoistamente, por iso e pola boa educación que recibín na casa.
Por desgraza moit@s deses que teñen fill@s non pensan máis que no presente, non loitan por un futuro mellor para aquelas persoas que trouxeron a este mundo.
E cando falo dun futuro mellor refírome a un mundo máis verde, con maior xustiza social, máis igualitario e máis pacífico. En definitiva máis xusto e máis libre.
Hai un días estaba nun bar cun amigo e na televisión dan a terrible nova do achado do corpo dunha das nenas desaparecidas en Tenerife. Un dos alí presentes dixo textualmente: “Hay que ser hijo de puta. Eso no se le hace a un ningún niño, y menos a un hijo tuyo. Mata a tu mujer pero, ¿qué culpa tienen las niñas?”
Esta barbaridade foi acompañada por un “o a una de 82 años que ya vivió bastante” e outras lindezas que me neguei a seguir escoitando. Non lle levei a contraria porque se abro a boca nese momento seguro que perdo os papeis e porque tentar razoar con eses individuos e coma dar coa testa contra un valado de pedra.
Confío en que as xeracións que veñen detrás nosa sexan capaces de liquidar esta lacra. Estes homes eran maiores ca min e, igual que os da miña idade, xa me defraudaron demasiado. Nós fomos educados baixo un rol claramente machista do que moit@s d@s nos@s maiores non eran conscientes, mais deberiamos ser a xeración dun cambio xusto que non da chegado. Non o imos ser, así que nos toca acompañar @s que veñen detrás nesta loita por un novo mundo feminista. E permitídeme que poña a definición da RAG da palabra FEMINISMO porque moit@s non saben que é a “Doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller” e non é o oposto ao MACHISMO: “Ideoloxía, comportamento ou actitude de quen defende a supremacía do macho e non acepta a igualdade entre o home e a muller”
Ogallá o dia de mañá o feminismo sexa tan natural como hoxe o é o divorcio.