Entre a República e a Patria

Artigo de opinión A Nova Peneira
Moncho Lareu. Membro de Anova e do CC da FPG

Pequena diagnose (“acción de coñecer e cualificar unha enfermidade polos seus síntomas”, dicionario RAG) da esquerda galega entre o 27 de xuño e o 25 de xullo.

Mediocridade espida

A Xeración Frustrada, ese restroballo do bipartito (2005-2009) que despois elevou a emperadorciños espidos como L. Villares e L. Senra para procurar a súa derradeira oportunidade de superar o trauma dos seus fracasos, volveu bater coas súas limitacións. Parasitar, tomar polas malas e coa pior fontanería unha marca en alza, expulsando aos partidos e militantes que iniciaron o camiño da fronte ampla dende o 2012, tan só servíu para reventar, liquidar e dividir. Son a mesma xentalla que asinou a defunción de AGE e que volveu despois á escena co crime para facer o único que saben facer, como na fábula do escorpión e a ra. Dan para o que dan: 18 mil votos Luís, 15 mil Lidia. A máis lista da aula foi a “mini-yo” que tiñan no Congreso e que marchou antes de encallar, iso si, entre aplausos e homenaxes do inimigo para vergoña propia e allea.

Arredor de si, ou non

O postureo soberanista do BNG dende 2012 foi xusto o que moitas viñamos anunciando dende o primeiro minuto do seu teatriño: unha operación de márketing ao servizo das forzas sistémicas para facer de ariete contra os efectivos independentistas do espazo galego de unidade popular. Xa o dixo Lores, que non é un ninguén, cando o referendum catalán: “Non estamos para esas aventuras”. No intre de refluxo electoral do espazo republicano de ruptura, o BNG remonta algo e volve ao seu ser de hai dúas décadas: muleta folclórica do PSOE rexional. O Partido “Galiza Si Se Vende”. Tanto simulacro para voltar ao punto inicial. Despois de tantos anos de queda en picado, volver medrar xusto cando o fan todas as forzas da Reacción, debería facer reflexionar aos dirixentes eternos do nacional-autonomismo. Máis aplausos e homenaxes do inimigo: Sabón si paga traidores.

Naufraga quen navega

Pero o importante para os nosos intereses materiais é que reflexionen os axentes políticos da unidade popular, esa alianza táctica entre federalistas e independentistas que facilita que non se dividan –por intereseres ideolóxicos e idealistas– as clases subalternas que sufrimos os abusos reais e agresións do sistema. Dende o independentismo republicano que nos constituimos en Anova-Irmandade Nacionalista hai sete anos, estamos a facer a nosa parte de reflexión no marco da nosa IVª AN. Anova, dende que naceu, meteuse con decisión nas augas máis prohibitivas da política galega e estatal para arriscar, para saír da comodidade e a resignación, para romper marcos e abalear o mapa político. Tivo custos e naufragouse. Pero naufraga quen navega, quen queda na comodiade da dársena, non. É momento de arranxar o barco para seguir facéndoo. Seguimos.