Tensi Gesteira
Xornalista e crítica literaria
Todos os días afino a orella para escoitar algunha palabra en galego. O corazón sáeme do peito cando vén ao lugar onde traballo unha persoa e se dirixe a min en galego. Cando escoito unha camareira ou un camareiro nesta lingua. Cando vou ao banco, ou a urxencias, ou ao supermercado, ou a calquera acto. Pero o que máis me alegra é cando paso por un parque e escoito que hai algún neno ou nena que fala na miña lingua. Iso é o futuro.
Leo estes días a Montserrat Roig, unha escritora e xornalista catalá que faleceu moi nova pero á que lle deu tempo de escribir algunhas das reflexións máis brillantes e máis valentes que lin sobre o que supón acariñar a lingua propia. Catalá de nacemento, sempre levou a defensa do idioma en todo o que facía, sobre todo na súa literatura. Era consciente de que se perdemos a nosa lingua, perdemos o noso alento. Nun libro que recolle artigos literarios dela, hai un que fala do momento no que se decatou de que a lingua que falaba non era a que importaba. As palabras coas que a aloumiñaba a súa nai e a súa avoa soaban diferente a aquelas que pronunciaban noutros lugares, como as monxas, as que ela cría que inventaban unha lingua para dominar o seu territorio e o das súas palabras. Elas simbolizaban o poder. O que importaba.
As linguas elíxennos. Non era consciente cando falaba coa miña avoa de cativa. Pero comecei a darme conta de que algo acontecía que me levaba a ter vergoña, a sentirme inferior cando máis moza quería ligar e non coincidía o que eu falaba co que tiña enfronte, cando agochaba a miña lingua para ser máis ‘guai’. Pasoume como á Roig, identificaba o poder coa lingua. Algo similar ao que acontece cando unha persoa vai a un organismo público e xa sabe, case por defecto (efecto da diglosia), que a lingua é o castelán, máis que nada por se non queres quedar coma un paleto de aldea. Todo iso está aí, moi metido en nós, e exemplos sobran, como conta o estudoso Carlos Callón na obra O libro negro da lingua galega.
Cando dende a editora Catroventos me pediron escribir un artigo sobre o futuro da lingua no 2050, eu só fun capaz de imaxinar desexos, porque no meu día a día soño con que haxa futuro.
E por iso quero compartir estes desexos con vós:
Desexo que cando faga unha reclamación en calquera organismo non se me interpele para que me exprese en castelán.
Desexo non toparme máis con persoas que van ao centro médico e exercen a censura automática sobre si mesmas e sobre a lingua.
Desexo que as artistas musicais, literarias ou de calquera outro eido non teñan que dicir sempre nas entrevistas que empregan o galego como reivindicación, senón que é algo connatural a si mesmas.
Desexo escoitar as primeiras verbas en galego dos nosos cativos e cativas nos parques e nas escolas, espazos dos que agora a nosa lingua fica ausente.
Desexo que as miñas fillas e netas non teñan que escoitar que se queren estudar na universidade o galego lles pecha portas.
Desexo non escoitar xamais iso de que “hablar gallego es de brutos” o “de gente del monte”, ou quizais escoitalo con orgullo e como reivindicación das orixes.
Desexo non entristecerme cada vez que un meniño ou meniña que se exprese en galego na casa, veña falando castelán ao ir á escola.
Desexo que deixen de considerarnos radicais por falar e defender a lingua que é nosa.
