O nadal en Fornelos da Ribeira

Manuel Alfonso Estévez. Historia viva de Fornelos da Ribeira
Manuel Alfonso Estévez

Cando era meniño, comprendía que o 24 de Decembro e o 6 de Xaneiro, tiñan como eixo a conmemoración do nacemento de NENO, relacionados cos solsticios de inverno, sobre o que había – coma sempre – superstición relixiosa.

Era motivo para reforzar a “unión familiar”, na casa paterna,do eido de Cambra, no rueiro do Casco, na que se incluían “as ánimas do falecidos”, que participaban na cea.

Hoxe, lémbrome daqueles anos de rapaz, como na Noiteboa se servía un prato demais para os mortos, e non se recollía a mesa, para que todas as ánimas ausentes participaran xunto a lareira. E, eu preguntaba por que nesa noite as ánimas familiares participaban da calor e comida. E tamén, o que non sabía si se lle reservaba sitio, como símbolo da pousada da Virxe en Belen ou non. Aquí tiña dúbidas.

Do que si me lembro era de cear “bacallau con coliflor” e beber unha cunca de viño tinto, “da casa”, nesa ocasión. Entón, me situaban a tradición do nacemento do Neno, nunha humilde corte, quentado por un boi e unha mula, e que o boi quentaba o Neno, co seu bafo, mentres que a mula comía a palla do pesebre, e que a súa actitude ingrata ante “Deus” a condenara a esterilidade.

Naquela Noiteboa, do ano 1.939 se limpaba ben a lareira e se acendía o lume con o chamado cepo do Nadal, e me dicían que iso simbolizaba o paso do Ano Vello o Ano Novo, e agora despois de tantos anos doume conta do culto o lume, que estaba presente, coma noutras latitudes, e que o Tizón do Nadal, non so era unha reliquia de culto pagán.

Tanto na miña aldea, como no resto da comarca do condado, adoitaban saír a eira cun un cirio aceso para saber de onde viña o vento as 12 da noite en punto. E o vento indicaba si ía a vir bo tempo para as colleitas do próximo ano. Asi, si o vento ía a vir do “sur” (húmido), do nordés (seco), do leste (de fame), e do oeste (abondoso).

Na misa do galo, a media noite, era costume levar o galo na Idade Media, simbolizando quizais, a chegada da luz que vence o príncipe das tebras: O Demo.

Teño unha lixeira idea da cando rapaz,de ir con algúns rapaces cantar as panxoliñas, pedindo o “aguinaldo” cos “saúdos e cantos do Nadal”, coa romaría final na Carballeira das Fraguiñas, con cantos de gabanza, por todos os compoñentes.

Tradicionalmente, o paso do Ano Vello o Ano Novo, aparecía o lume do facho que reunía a toda a veciñanza, deixando comida para os finados que participaran na cea dos vivos.

Era costume comer as 12 uvas coas badaladas da igrexa de San Xoán, que marcaba a medianoite.

Eu non teño mais que agradecer a Nova Peneira – A Nosa Peneira – sempre atenta a estes actos, o recoñecemento pola publicación, un ano mais, deste evento.