O asociacionismo e a empanada de Noia

Artigo de opinión A Nova Peneira
Andrés Couñago Opinión A Nova Peneira
Andrés Couñago Laxe

O asociacionismo e a empanada de Noia foron as dúas actividades que me ocuparon o pasado domingo día 01-09-2019. Pola mañá asistín a unha asemblea veciñal na que por enésima vez se puxo de manifesto a descomposición deste movemento de carácter social que ten como principal tarefa tratar asuntos de interese comunitario. Non digo o nome da entidade convocante (hai 45 anos que foi fundada) por unha certa vergonza e pola parte de responsabilidade que tamén me correspondería, aínda que xa fun directivo dela durante 25 anos.
Tratábase de dar contas despois de dous anos como xunta xestora, aínda que cando asumiron a responsabilidade a intención era por un período breve de tempo para logo convocar nova asemblea e nomear xunta directiva. Nunca o propuxeron nin creo que ninguén o reclamase.
A orde do día para dar conta do feito non tivo relevancia ningunha. Os proxectos: autorizar o señor que xestiona a cantina do local para colocar un toldo na fronte do edificio social, podar unha árbore camelia “para evitar molestias na terraza” (a outra que estaba na mesma zona xa a cortaron), facer un cortello no mesmo espazo para despexo de mercancías do cantineiro (máis de 400 m2 de utilidade ten o edificio), convocar nova asemblea para finais de setembro e xestionar o arranxo do montacargas, unha inutilidade que tivo e ten como función afear e escarallar a estética dun edificio histórico, unha vella sociedade agraria. Para esta viaxe non facían falta alforxas, di o refraneiro; e abofé que neste caso o di moi ben.
Non, queridos, así non. Así non imos a ningures. Así seguiranse dando de baixa o resto dos socios; temos un 50% menos nos últimos cinco anos. Daquela, é necesaria unha reflexión ao respecto, e o primeiro que temos-tedes que tratar de saber é que estamos falando dun centro cultural que ten unha cantina e non ao revés. Dirixides unha entidade Cultural que ten 45 anos de historia, que contamos cun edificio que as súas paredes interiores e exteriores esta cargadas de referencias culturais: a Blanco Amor, a Basilio Álvarez… Como se pode colocar un letreiro para anunciar a cantina do centro co nome deturpado da entidade fronte a escultura deseñada por Castelao que preside a fachada da Sociedade? É todo un síntoma.
Se queredes presentarvos á elección, vós ou calquera outro grupo, deberíase facer un programa cultural, cando menos de intencións ; referencias dabondo hai nos arquivos para poder copiar e mellorar. Quen pode defender e divulgar mellor que a Sociedade Cultural o patrimonio etnográfico, artístico, arquitectónico, toponímico e paisaxístico da parroquia? E as festas cíclicas do ano: Maios, Entroido, Letras Galegas…e a biblioteca, as conferencias, a presentación de libros, exposicións…?
Témolo sabido dabondo que o asociacionismo é progreso e avance para as sociedades, xa que con el promóvese a participación cidadá na procura do benestar común e o ben público; mesmo sabemos que para establecer o nivel e calidade de vida dunha poboación, entre outros medidores para determinalo, é utilizado o número e o grao de implicación asociativa da cidadanía desa comunidade.

No dicir do cura redondelán don Carlos Álvarez, un cura como Deus manda, a parroquia é a que está do portal do eido para fóra, o territorio público e os bens que nel se atopan, son os que temos a obriga de coidar e compartir.

E ata aquí chegaron as ocupacións e reflexións da mañá do domingo. A tarde paseina moito mellor, compartina co libriño “Unha viaxe á procura do solpor, do Tambre á fin da terra”, de Francisco X. Fernández Naval. Nas páxinas que lle adica á fermosa vila de Noia “un romántico e encantador lugar, onde florecen as camelias, dan froito os limoeiros e repousan as garzas”, tamén descubrimos o rica que é a Vila en locais para comer, destacando o tratamento que lle dan ao peixe e ao marisco e sobre todo ás empanadas variadas de pan de millo. Un dos segredos da empanada de Noia é que é a única á que se lle dá volta no forno.
Na humilde opinión de quen ten a experiencia de 45 anos de participación e activismo asociativo de todo tipo, podiamos concluír dicindo que o mundo asociativo de Redondela e seguro que o do resto do país necesita que se lle dea a volta como á empanada de Noia