Décimas corrosivas ante a nova repetición electoral…
- Hoxe mesmo ao espertarme
vin pola televisión
falando de repetición
a Pedro, Pablo e a Carme…
Pensei en volver deitarme
sen tomar café de pota
ou ir prá unha illa remota
porque o tema electoral
alén de ser inmoral
é o día da marmota! - Meu Pedriño, hai que ver
que mentalidade estreita!
pedindo votos á dreita
a Casado ou a Albert
Vergoña debías ter
de chamarte ti de esquerda…
E agardemos non se perda
a xente nas eleccións
e que ao ir ás votacións
que te manden ben á merda!! - E meu Pablo, camarada,
estás metido no lodo
pois viñas mudalo todo
e ao final non mudas nada…
E ningún mago nin fada
desvelará o teu misterio
nin o teu pouco criterio
xa que ao inferno nos mandaches
sen goberno nos deixaches
ai! só por un ministerio! - E non sei que credes vós
se tedes o mesmo enfado
maxinando a “Albert Casado”
gobernando cos de Vox…
A verdade que entra a tos
e non sei se me repito
que máis noxo có alcolito
ou volver ás catequeses
sería ver en dous meses
gobernando ao “trifachito” - E as preguntas, velaquí,
que as galegas nos faremos:
Aos de sempre votaremos
ou votamos aos de aquí?
Iso tes que velo ti
se non tes conciencia morta…
Vas pecharlles esa porta
e abrirlla á inxustiza
coñecendo que Galiza
a Madrid pouco lle importa? - Senón vedes boa fasquía
outra solución tamén
é non votar por ninguén
e que viva a Anarquía!!
Porque segue a oligarquía
coma sempre a pegar brinco
pois na España e seu retrinco
alí non manda a Coroa
nin tampouco a Moncloa
faino o IBEX trinta e cinco! - E algúns din que é un suplicio
o votarmos tan seguido
pro pra min é divertido
e até teño un pouco vicio!!
Non vai ser un sacrificio
e creo que irei a esprinte…
No colexio conseguinte
desta vez votarei dobre
porque vou levar dous sobres
para estas e as seguintes - Pero fóra brincadeira
se non queres máis fascismo
nin volta ao bipartidismo
xa o sabes compañeira
que hai que facer nesta xeira…
Aprende ben a lección
e non fagas obxección,
vaite votar ti en masa
e non fiques na túa casa
na vindeira elección!!