Sonia Vidal acusa a conselleira de dar respostas baleiras “facendo de comercial dos seguros como unha solución ante un temporal devastador”
Santiago de Compostela, 22 outubro 2024.
A portavoz de Agricultura e Gandaría, Sonia Vidal reclamou ao PP accións inmediatas e contundentes, con axudas reais e cun plan de emerxencia para o sector agrario e medidas preventivas ante futuros temporais, e acusou a conselleira do Medio Rural de actuar de “comercial dos seguros” como unha solución ante os estragos dun temporal “devastador” coma o Kirk.
“Facer de comercial de seguros e do adianto da PAC (Política Agraria Europea) como solución aos problemas derivados dun temporal devastador é un insulto á intelixencia e á dignidade das persoas que traballan a terra”, asegurou Vidal, para quen o PP está deixando claro que os labregos e labregas son “secundarios” para o Goberno de Rueda, pois o seu único plan é que dependan de seguros inaccesibles e dunha subvención que nunca cobre nin unha mínima parte das perdas reais.
Na iniciativa, o BNG considera raquítico o adianto das axudas da (PAC) porque este ano podería ter chegado ao 70 % dos fondos pero a Xunta só adiantou un 26 % dos fondos, mentres outras comunidades autónomas chegaban a porcentaxes de ata o 65 %.
A deputada afondou na crítica á Xunta á hora de facer “promesas baleiras e anuncios de axudas que nunca chegan a tempo, mentres o sector afonda na desesperación, como sucedeu coa EHE (Enfermidade Hemorráxica Epizoótica) -recordou- dando axudas unicamente por morte do animal porque era o que menos gasto supuña”. É por iso que reclamou accións “inmediatas e contundentes”: “Necesitamos un plan de emerxencia para o sector agrario que inclúa compensacións económicas axeitadas e suficientes para todas as persoas afectadas, e medidas preventivas ante futuros temporais”, advertiu.
Acusou a conselleira de ter un “total descoñecemento” da realidade dos labregos e labregas deste País porque -aclarou- “a campaña non acaba cando remata a colleita porque é que xa non poden entrar nas leiras”
“É inadmisible que, ano tras ano, os temporais sigan arruinando o traballo de miles de familias sen que a Xunta asuma a súa responsabilidade nin se tomen medidas estruturais para protexer un dos piares da nosa economía”, criticou Vidal, quen subliñou as “devastadoras” consecuencias de Kirk, con colleitas destruídas, prados anegados, danos estruturais en explotación e infraestruturas e perdas económicas incalculables para centos de familias que viven directamente da terra, da recollida da castaña, da faba ou do millo forraxeiro.
Uns estragos polo temporal que traerán consigo, engadiu, unha suba dos custos tanto na alimentación animal como nos derivados das avarías da maquinaria. “A Xunta non pode mirar para o outro lado mentres as familias agrarias ven como as súas explotacións se afunden sen ningún tipo de axuda ou apoio real”, manifestou.
A deputada nacionalista, durante a súa intervención, lamentou que a forza das chuvias e o vento “levou por diante meses de traballo, sacrificio e inversión”, afondando na “precariedade dun sector que xa estaba en crise, afectado por prezos baixos e a falta de apoio institucional e políticas que favorecen a desaparición progresiva das pequenas e medianas explotacións”.
En canto aos orzamentos cara a 2025, a deputada replicoulle á conselleira que estes só aumentaron un 2’3 % para Medio Rural, fronte a outras consellerías que teñen un incremento do 5 %. E concretou que, nas partidas específicas destinadas a situacións coma as que se viviron tralo temporal Kirk, o importe diminúe con respecto a 2024.
“Esa é a reponsabilidade que vostede ten cos labregos e labregas”.“Non máis excusas, non máis respostas irresponsables, queremos solucións reais para quen alimenta o noso País”, rematou.
Primer comentario