Na banca non hai fusións. Cada vez que se concentra o negocio procédese ao peche de oficinas e de sucursais e á destrución de empregos; destrución que, finalmente, incluso supera o número de postos de traballo da entidade de menor tamaño. Hoxe, a “negociación” entre BBVA e Sabadell céntrase nos grandes accionistas, na “guerra de galos” para decidir que persoal directivo continuará, e en calcular o número de persoas traballadoras “que sobran”.
Que farán coa fusión?
- Pechar oficinas e restrinxir aínda máis os servizos financeiros á clientela e ao conxunto da sociedade.
- Destruír milleiros de postos de traballo.
- A entidade resultante pagará menos impostos, xerando créditos fiscais ao seu favor e eludindo o futuro pago de impostos sobre os beneficios.
- A entidade resultante reducirá a súa contribución á Seguridade Social, cargando ademais sobre a caixa das pensións a reestruturación.
- As persoas traballadoras que queden verán incrementadas as súas carteiras de clientela e a presión comercial. Máis sobrecarga de traballo para uns cadros de persoal extenuados.
- Reducir a competencia, con graves consecuencias dende o punto de vista do crédito (a particulares e empresas) e da retribución do aforro. Hoxe o sistema financeiro galego xa ten un grao de concentración moi elevado, e a nivel estatal os tres grandes grupos bancarios (Santander, Caixabank e BBVA) controlarían case o 70% do mercado financeiro.
A quen beneficia esta fusión?
Só beneficia aos fondos de investimento especulativos estranxeiros (a maior parte de EEUU), que son os maiores accionistas da banca española en xeral e de BBVA e Sabadell en particular.
En consecuencia, dende a CIG-Banca denunciamos, unha vez máis, o nefasto modelo de sistema financeiro impulsado dende Bruxelas e Madrid, que só beneficia a fondos especulativos de EEUU e aos directivos (homes) das entidades.