Pontón presenta os avais da súa candidatura co reto de liderar o cambio real en Galiza nas eleccións de 2020

Ana Pontón presentación avais A Nova Peneira

Imos a por todas porque estamos en condicións de liderar á alternativa que deixe atrás o decenio negro do Goberno Feixóo”, proclama

Multiplica por seis os avais requiridos que presentou acompañada de mulleres, “temos que ser decisivas no tempo novo que precisa o país”

Santiago de Compostela, 2 de Decembro 2019

Rodeada de mulleres, militantes de base, a portavoz nacional, Ana Pontón, presentou 1.252 avais á súa candidatura á Presidencia da Xunta polo BNG, multiplicando por seis os apoios necesarios para participar no proceso de elección que concluirá a mediados de xaneiro tras a votación das bases nas asembleas comarcais previstas en todo o país.

Pontón trasladou o seu agradecemento a todas as persoas que lle prestaron este apoio inicial á súa candidatura que presenta “con ilusión, confianza e responsabilidade para afrontar o reto de abrir un tempo novo en Galiza nas próximas eleccións galegas nas que imos ir a por todas”.

Tras rexistrar os avais na sede nacional, avanzou que o obxectivo persoal e colectivo da súa candidatura “é liderar a próxima etapa na Xunta, liderar o cambio político do noso país que nos permita deixar atrás unha década de recortes, precariedade e mentiras que representa o Goberno de Feixóo, que nunca estivo á altura do país, que deixa unha Galiza peor da que atopou e demostrou que tampouco ten un proxecto que ofrecerlle os galegos e as galegas”.

A portavoz do Bloque destacou as fortalezas que lle permite aspirar á formación nacionalista a ser o motor do cambio.

“O digo con humildade pero con todo o realismo pois ao longo destes catro anos como portavoz levamos a cabo un proceso de renovación e de incorporación de novas persoas, nun proceso de suma ao proxecto nacionalista que tivo a súa translación nunha organización fortalecida e nun incremento do apoio social e electoral. Todo isto permítenos estar en condicións de liderar a alternativa ao PP e abrir un tempo novo en Galiza a partir de 2020”, argumentou.

De cara á cita coas urnas, Pontón confirmou que o Bloque está traballando “desde xa” para estar á altura de todas as persoas que teñen postas no BNG “as súa esperanzas para deixar atrás esta etapa nefasta do PP,asumimos ese reto con todas as ganas, ilusión e traballo sabendo que estamos en situación de poder afrontar con garantías as eleccións galegas”.

Con independencia de cando se convoquen, subliñou, “Feixóo vainos atopar cos deberes feitos e con todas as ganas de dar o mellor de nós porque este país merece un futuro diferente que aproveite todo o seu potencial, con máis autogoberno, con capacidade para xerar emprego digno, que priorice a defensa dos servizos públicos, que aposte pola nosa lingua e cultura, un país con máis democracia, liberdade e dereitos”.

Canto máis BNG, menos PP

“Canto máis BNG, menos PP”, salientou Pontón, en resposta tamén as críticas de Feixóo á formación nacionalista, “sabe que imos ser clave para en 2020 deixar atrás o decenio negro das políticas da dereita”, recalcou acompañada dun grupo de mulleres, militantes de base para destacar tamén o papel que deben xogar as mulleres no tempo novo que se abrirá en Galiza.

“Estou convencida de que hai moitos actores importantes para levar a cabo ese cambio e un deles somos as mulleres, por iso hoxe presento os avais rodeada de compañeiras que se implicaron na candidatura, e porque estou convencida de que este tempo novo non só precisa novos protagonistas, senón tamén que as mulleres sexamos decisivas”, concluíu.

Negociacións en Madrid

Preguntada polas negociación co PSOE de cara á investidura, indicou que o BNG está traballando “con toda seriedade e rigor para avanzar na defensa dunha axenda galega porque hai temas moi importantes que seguen dependendo do Estado e as negociacións van a un ritmo razoable. Dixémolo desde o principio: a discreción é importante e os e as galegas saben que imos utilizar os seus votos para que Galiza teña voz no Congreso e empecemos a ver solucións aos nosos problemas”.