Iria Carreira escollida Secretaria Xeral da Unión da Mocidade Galega

Iria Carrera Varanda Viva A Nova Peneira

Nunha cita telemática, a Unión da Mocidade Galega desenvolveu o seu XVIII Congreso. A xuntanza concluíu coa elección da nova Secretaria Xeral, Iria Carreira, que substitúe a Paulo Ríos á fronte das mocidades da UPG.

A Unión da Mocidade Galega, organización xuvenil da UPG vén de renovar no día de hoxe a súa dirección política. Após a reunión, o XVIII Congreso da UMG escolleu a Iria Carreira Pazos como Secretaria Xeral, substituíndo a Paulo Ríos Santomé.

Aos seus 29 anos Iria Carreira é médica residente en medicina de familia e comunitaria e deputada do BNG no Parlamento Galego. Após moitos anos desenvolvendo o seu labor político, tanto no eido estudantil como no xuvenil, agora toma o relevo á fronte da Unión da Mocidade Galega.

No seu discurso de proclamación destacou a ilusión coa que afronta este novo reto e fixo fincapé na necesidade de seguir construíndo unha UMG máis forte no camiño da loita pola liberación nacional e social. Considerou ademais que a UMG enfronta  “grandes retos de futuro nos que a mocidade estamos chamadas a ter un papel decisivo”.

Analizando a situación de crise social e económica actual e sinalando que estamos “as portas dunha importante crise económica”, remarcou a necesidade de loitar desde a mobilización social contra “a precariedade laboral, o desemprego e a falta de expectativas de futuro neste País”. Segundo considera, isto require que “a Unión da Mocidade Galega teña unha posición de denuncia da situación, mais tamén combate e de loita contra este sistema capitalista que nos afoga.”. Como integrante do colectivo sanitario, puxo tamén o foco na necesidade de garantir uns servizos públicos de calidade. Alén disto, destacou tamén a importancia de contar cun ensino galego público e unhas administracións ao servizo das necesidades do povo galego.

Reafirmou ademais o compromiso da Unión da Mocidade Galega na suma de forzas para “tecer alternativas de futuro” e para “a construción dunha República Galega, socialista e popular na que o noso povo sexa libre”. Ao remate, lembrou a importancia de “continuar o traballo que iniciaron camaradas coma Moncho Reboiras ou Bautista Álvarez”, a quen considera que “ deben estar sempre na memoria”.