AER decidirá nos próximos meses se continúa no goberno o próximo ano

AER agrupación electores de Redondela

A decisión será tomada pola Asemblea da Agrupación de Electores unha vez se complete a valoración da primeira experiencia de goberno.

En xullo de 2021 producirase o tradicional relevo dos concelleiros/as de AER a metade de mandato. A incógnita nestes momentos é se as persoas de AER que se incorporen ao consistorio o farán como membros do goberno ou como parte da oposición.

A decisión trasladarase á Alcaldesa con tempo suficiente no caso de que teña que recompoñer o goberno local

Redondela, 12 de decembro de 2020.

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) leva semanas facendo balance do seu papel dentro do goberno local de Redondela. En xullo de 2019 AER debutou nas responsabilidades de goberno acadando un pacto para formar unha coalición co PSdeG-PSOE para rexer o Concello de Redondela. Entrar no goberno non foi unha decisión fácil para AER, pero manterse no poder tampouco está a resultar sinxelo.

A experiencia de goberno está a deixar un sabor agridoce en AER. O principal argumento para continuar na coalición é o sentimento de responsabilidade fronte a veciñanza de Redondela. Non se pensa en absoluto no que poida interesar a AER ou ás persoas que a forman, senón no que poida ser mellor para a vida pública de Redondela. AER naceu para mudar o xeito de facer política en Redondela e esa segue a ser a súa máxima. A dúbida razoable que se debate en AER despois de case ano e medio de coalición é se ese servizo prestarase mellor dende o goberno ou farase máis eficazmente dende a oposición.

En AER sempre se tivo asumido que un goberno de coalición sería complicado e, ata o de agora, fixo grandes esforzos para garantir a lealdade, para ser construtivos e para buscar puntos en común co socio de goberno. Nada nos gustaría máis que poder dicir que estamos encantados con esta coalición. Se así fose, non habería dúbida ningunha sobre a nosa continuidade no goberno. Pero non é o caso. A realidade, despois de dezaoito meses, é que a filosofía de AER dista moito, non sabemos se demasiado, do xeito de facer as cousas do equipo de Digna Rivas.

Non temos tanta soberbia como para pensar que o xeito de actuar de AER é o mellor do mundo nin que o dos socialistas de Redondela sexa un completo desastre. Simplemente sucede que hai pouca sintonía entre a visión de AER e a do PSdeG-PSOE. E esa distancia entre a forma de concibir a xestión pública duns e doutros non se reduciu en todos estes meses, lamentablemente.

Non queremos ser dramáticos, pero tampouco frívolos. Non queremos ser dramáticos porque no caso de que decidamos abandonar o goberno, estamos convencidos de que virán outras persoas (quizáis outros grupos políticos) que o farán igual ou mellor que AER no goberno. Tampouco queremos ser frívolos no sentido de que nunca nos imos deixar levar pola inercia e sería impropio dos valores fundacionais de AER seguir no goberno sen un mínimo espírito crítico.

En todo caso, sexa cal sexa a decisión, o compromiso de AER coa veciñanza será da mesma intensidade de sempre, tanto se seguimos no goberno como se volvemos á oposición.