Pero ten remedio isto?

Artigo de opinión A Nova Peneira
Mario López Rico. CERNA

Hai que paralos!

Creo que ninguén que teña un pouco de cabeciña pode non darse conta de que cada día que pasa é máis evidente que as cousas van mal para este recuncho que é o noso país Galiza.

Non son eu dos que gosta de lamber as feridas e andar choromicando pero tampouco dos que non olla o que está a acontecer sen querer ver todo, o bo e o mau.

Temos unha poboación envellecida, a nosa xente nova está a marchar -máis preparada que nunca-, buscarse a vida alén das nosas fronteiras, unha auténtica enxurrada de futuro que se perde, o rico mundo rural, a gandaría e agricultura esmorecendo, os montes enchéndose de eucaliptos, as fábricas a pechar nun proceso de desindustrialización brutal, desapareceu o pouco que había parecido a unha banca galega como eran as caixas de aforros. Non estamos ante nada pasaxeiro, é estrutural ese desaxuste de Galiza no Estado Español. Non hai corpo que aguante a sangría que sofre o noso País. Sinceramente, pouco se albisca, dun futuro mellor de non mudar radicalmente as cousas.

Todo parece conxurado na nosa contra. O Goberno autonómico, de goberno non ten nada, lembra máis unha panda de voitres a comer mentres aínda está vivo un corpo agoniante. Negocietes para os amigos, abrir a veda para a espoliación do territorio e represión daqueles ingredientes que axudan a conformar a nosa nación.

Hai que paralos. Algo urxente é apartar esa panda de corruptos e -no menos grave dos casos- ineptos que están en San Caetano e no Pazo do Hórreo. Precisamos unha conxura dos “bos galegos” e un goberno que free esta deriva para reverter todos eses procesos, xa, a curtismo prazo, non máis aló de 2024.

Precisamos un Goberno Galego merecente de tal nome. Pero, temos os ingredientes? temos as forzas? Eu só vexo a posibilidade dun novo goberno de coalición desta vez co nacionalismo como forza maioritaria.

Será capaz o PSOE “de Galicia” de darse de conta que non é nada, que non pinta nada, que non contan con el para nada, nin en Galiza nin en España. Porque eu penso que non nos viría mal, de momento, que o PSOE fose aquí algo así como un PSC en Cataluña e tivese algo de interese nas cosas do seu lugar, aínda que fose polo seu proprio interese como partido. A verdade que da a sensación de que non están nin son esperados para ese labor.

Poderá o nacionalismo -cun BNG única marca electoral arestora-, non repetir o circulo vicioso que o levou no 1997 a ser segunda forza agora de novo no 2020 e integrar para aproveitar todo o potencial dos que se reclamen da defensa do País? Será capaz de entender que o galeguismo é plural e que para podermos estar todos ao abeiro dunha única oferta electoral exitosa moitas cosas deben cambiar? Quero crer que si, ás veces algunhas cousas soan ben, outras non, como está a acontecer en moitos concellos onde o nacionalismo na vangarda non son eles. Será capaz de recoller toda a esquerda nacionalista e aquela outra que sen selo aceite a auto-organización e o dereito a autodeterminación pero de verdade non de coa boca pequena como ten acontecido nestes últimos anos con EU e Podemos? Porque en última instancia ese caudal terá que virar cara o nacionalismo, quen non o teña feito xa nas Autonómicas de xullo, ou ir á casa matriz do PSOE. Seducir a esa fracción do electorado será determinante para que o nacionalismo comande a alternativa ao desgoberno do PP de Feijoo.

Seremos quen?