Fume

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi
Xoán Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi

Chegados á encrucilllada onde nos atopamos, a única lectura que un pode sacar da abafante situación política actual é a seguinte; as lindes da leira nin se tocan, nin se moven.

Houbo un tempo escuro aquí, no norte, onde os ríos vaixaban tinguidos de sangue e os ceos espertaban coroados de flores, bágoas e silencio. O silencio dos mortos.

Eran tempos nos que as armas falaban demais e un tiña medo de sair a rúa, de falar sen a cercanía do anxo da garda.

Eran tempos, tamén, da barbarie, do inferno na terra, da impunidade e da tortura.

Ainda así, sempre houbo un recuncho, unha illa onde a palabra convertíase nunha ponte, nun pretexto para silenciar o estouro metálico do ceo derrubándose nas labirínticas rúas dos camposantos.

Daquela, dicían que a palabra era o único xeito de chegar ao fondo do mar, de chegar a un acordo, de conseguir as cousas que un coida necesarias para a súa terra sen mancar a ninguén.

Non embargantes, o tempo pasa, as cidades cambian, como cambian as estacións, e semella que todo o que nos contaron non era certo.

Non hai máis que ollar de esguello cara ó este da península ibérica.

Non ai máis que escoitar a esta nova raza de políticos oubeando dende cadansúa trincheira, coma pirómanos nun eucaliptal cas mans molladas con gasolina, coma cobardes sen maior interese que o eco dos seus eufemismos. Unha estirpe que se viste cada mañá con traxes de mentira alugados nunha tenda de segunda man.

Arden as rúas, si, pero, ¿quen lles prende lume? ¿O que ten o misto, ou, o quen ten a dinamita?

Arden as rúas e ninguén quere que deixen de arder porque o fume é a choiva necesaria para asulagar as estradas do entendemento. O fume é o pulo necesario para deslexitimar á cidadanía que quere elexir o seu xeito de vivir, ou, cando menos, que lles dean a oportunidade de abrir novos camiños.

O fume é a excusa perfecta para lle abrir as cancelas aos cabalos salvaxes dos nostálxicos patriotas desmemoriados.

O fume é coma un movemento sísmico capaz de desenterrar palabras que xa deprenderamos a esquecer.

Aquí, no norte, por moito que lles pese, imos facendo camiño, construindo pontes sobre a memoria. Abrindo fiestras e portas onde non había máis que dor e silencio. O silencio dos mortos.

É ben certo que non é doado camiñar, durmir, vivir, respirar e comer cun nó na gorxa pero imos indo, van indo na procura de acougo na palabra.

Agardo, coma quen agarda a choiva no páramo, que os psicópatas que pretender gobernar este país saiban ler entre liñas e que os malditos cobardes que nos trouxeron ata o limar deste precipicio teñan a valentía de lle mirar ós ollos á xente antes de lle dar as costas, coma adoitan facer nos últimos tempos.

Arden as rúas, si, pero, ¿Quen lles prende lume? ¿A quen lle cheira o alento a gasolina?¿ Quen ten o misto? ¿Quen emprega dinamita, inconscientemente, para espertar aos veciños?