Marín, a 13 de xullo do 2019
Dende o BNG queremos manifestar o noso malestar pola decisión tomada dende o goberno do PP de excluír aos grupos da oposición nos consellos escolares dos centros públicos.
No pleno celebrado o pasado 11 de xullo, a portavoz do BNG Lucía Santos, solicitou ao PP que cambiaran a súa proposta e poder seguir tendo a oportunidade de poder participar nos consellos escolares.
Dita solicitude non se tivo en consideración e o PP preferiu pasar rodete coa maioría absoluta que contan, unha decisión que dende o BNG valoramos como de falta total de transparencia.
Ademais esta medida preocúpanos especialmente pola situación actual do ensino público no termo municipal de Marín no que é evidente o seu deterioro nos últimos anos, cunha forte perda de unidades escolares no concello.
E mentres isto pasa nos colexios públicos de Marín, os concertados increméntanas. Esta situación é inaudita pois o ensino concertado está para paliar as deficiencias de infraestruturas públicas educativas, non para suplilas.
Queremos amosar perante a opinión pública de Marín a falla por parte do PP dun proxecto educativo municipal no ensino público e non agardamos que esta circunstancia cambie nin tan sequera a longo prazo.
Mais dende o BNG poñémonos a disposición tanto dos centros públicos como das ANPAS do noso concello para traballar polo ben do ensino público e de calidade.