Iria Aboi “O plan da Xunta para o verán é un desastre, quen pagamos as consecuencias somos as veciñas e veciños”
Marín, 28/08/2026.
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín, que agrupa a máis de 20 colectivos, informa que “esta semana viviuse unha situación gravísima nas urxencias do PAC froito dos recortes en persoal da Xunta na nosa localidade”.
A Plataforma explica que “as urxencias do PAC de Marín teñen un horario dende as 15h en día laborable, ata as 8 da mañá do día seguinte; e na fin de semana: das 15h do venres ata as 8 da mañá do luns; e pola poboación que ten Marín (24.000 hab.) tería que haber, como mínimo, 2 equipos médicos compostos por facultativ@ e enfermeir@.”
A Plataforma informa que “o pasado luns, 24 de agosto, o médico e a enfermeira das urxencias do PAC de Marín tiveron que saír a domicilio para atender un posible ictus. Como só había este equipo médico, as urxencias quedaron desatendidas, con só unha persoa administrativa, tanto para as e os pacientes á espera como para as posibles urxencias que chegasen pola porta.” O colectivo sinala “que despois desa saída, arredor das 7 da tarde, chegou un bebé de 14 meses con febre e convulsionando sen ninguén para atendelo. Só puideron agardar a que chegara a ambulancia para levalo ao hospital.” A Plataforma amosou nas redes sociais a súa “solidariedade coa familia afectada e o desexo de que non houbese secuelas e da súa pronta recuperación”.
Iria Aboi Ferradás, portavoz da Plataforma, incide en que “todo o mundo podemos poñernos na pel desa familia, por iso queremos denunciar que esta situación era evitable se as urxencias de Marín tivesen o persoal que corresponde. Calquera persoa sabemos a importancia dos tempos de resposta nas urxencias, porque son a diferenza entre a vida e a morte, levamos anos denunciándoo, pero parece que a Consellería non quere enterarse e ninguén da xerencia dixo palabra por este feito.”
Aboi sinala que “o plan da Xunta para o verán é un desastre. O resultado mírase aquí: Un centro de saúde tan grande e resulta que ante unha situación grave e urxente, non hai máis que persoal administrativo e unha fisio no lado das consultas, por non ter segundo equipo médico de urxencias. Ao suspenderen as consultas de tarde, eliminaron con elas @s tres médic@s e as enfermeiras de tarde que había no outro lado do edificio co cal tampouco ninguén puido axudar nesta situación.”
A Plataforma volve incidir na “eliminación das consultas de tarde no centro de saúde de Marín dende xullo a como mínimo o 1 de outubro porque está a ter consecuencias gravísimas entre a poboación, que vai máis alá do verán.” A plataforma apunta “a primeira, en que hai concentrados de mañá máis pacientes con menos médic@s e máis lista de espera para cita. E a segunda, que a partir das 3 da tarde acumúlanse máis pacientes nas urxencias sen o persoal necesario.”
Por último, Aboi sinala que “supoñemos que na Xunta non teñen máis escusas por iso non dixeron nada deste caso, non hai propaganda que tape tanta incompetencia… nós convidamos á xente ao contrario, se alguén sofre algunha situación similar, que nos contacte, nós non imos calar ante o deterioro da sanidade de todas e todos.”


