O profesor Xoan Carlos González foi escollido novamente para liderar a lista do BNG nas eleccións municipais do ano próximo. Nós conversamos con el para coñecer como é a valoración dos nacionalistas da situación política do concello de Redondela. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“Estou convencido de que nas eleccións do 27 superaremos o mellor resultado da historia do BNG de Redondela nunhas municipais”.
Nas últimas semanas vimos como distintos cargos do BNG ( Marín, Soutomaior..,) están a soportar campañas de acoso que parecen froito de estratexias coordinadas. Ti ou o BNG de Redondela sufristes algún tipo de problema deste estilo?
Ben, fora dos insultos ou ameazas que puidemos recibir nos últimos anos, no BNG, de momento, afortunadamente, en Redondela a eses niveis non chegamos.
Que tipo de ameazas sufriu o BNG de Redondela?
Foron motivadas por un episodio puntual: A censura que no goberno de Javier Bas se fixo contra unha exposición organizada polo Colectivo Republicano de Redondela. Neses momentos sufrimos algunhas ameazas directas. Pero insisto en que non chegamos a eses niveis de acoso que sufriu por exemplo a compañeira de Marín.
Recentemente fuches nomeado novamente candidato do BNG á Alcaldía de Redondela. Que significa para ti?
Estou inmensamente honrado pola confianza recibida. Son os meus compañeiros e compañeiras quen lle dan sentido a todo, e fan que todo valla a pena. Desde logo que vou dar o mellor de min mesmo para tratar de estar á altura.
Cal é o obxectivo do BNG nas municipais do 27?
Traballamos para achegarnos o máis posible ao resultado que acadamos nas eleccións galegas, e para superarmos os mellores resultados da historia do nacionalismo de Redondela nunhas municipais. Estou convencido de que o imos lograr.
No ano 2015 os votos á esquerda do PSOE foron superiores ao voto a este partido. Se logramos concentrar todo ese voto no único proxecto transformador, autónomo e sen ningunha outra obediencia que a que lle debemos ao pobo de Redondela,o BNG, teriamos a alcaldía. Esa é a nosa ilusión. E todo o conxunto da militancia do Bloque de Redondela traballa para converter a ilusión en realidade.
É realista pensar que o nacionalismo pode chegar á Alcaldía de Redondela?
Eu creo que é unha aspiración perfectamente factible e realista. Pensamos que hai moita xente progresista que está descontenta co goberno do PSOE, e que ve no BNG unha organización rigorosa, que ten un proxecto claro e transformador.
Como valora estes anos de mandato do goberno PSOE- AER?
Podemos dicir que foi un mandato decepcionante. Nós acreditabamos que con este novo goberno en minoría de 7 máis 1, ía haber un diálogo moito máis fluído e crible co Bloque Nacionalista Galego.
Xa trasladamos desde o momento da investidura que estabamos abertos, desde a oposición, a traballar para consolidar un goberno do progreso e alternativo ao Partido Popular. Mantivemos esa posición desde o principio.
Houbo decisións que tivemos que asumir nos dous primeiros anos de mandato, complicadas, apoiando ese criterio de sustentar un goberno alternativo. Pero a evolución, sobre todo da Alcaldía, foi totalmente deshonesta con esa idea.
Por que?
Creo que houbo un intento de visualizar, por parte de parte do Partido Socialista, que o BNG era un mero instrumento para apoiar puntualmente, mentres que quen goberna e decide son eles. Polo tanto, o BNG está para utilizar. E iso nin era o que nós pretendiamos nin o podiamos tolerar.
Houbo intentos, pola vosa banda, de reconducir esa situación?
Sempre. É certo que chegamos a certos acordos, pero a dinámica foi que se lanzaban cuestións aos medios que non se contrastaban co BNG, tomábanse iniciativas que non se consensuaban co BNG e que nin sequera no pacto de investidura viñan recollidas. Polo tanto, era unha situación insostible.
Ata o punto de votar a favor da reprobación da alcaldesa ?
A nosa confianza na alcaldesa rompeuse, si. E iso levounos a votar a favor da reprobación presentada polo PP. A reprobación era un elemento simbólico, non vinculante. Pero para nós a situación chegou a ser tan preocupante que consideramos a pertinencia de expresalo politicamente.
O máis grave e que Digna Rivas levou a unha situación extrema ao Concello de Redondela ao presentar unha cuestión de confianza vinculada aos orzamentos, algo que non tería que ter sucedido xamais
Os orzamentos non se negociaron nunca nestes catro anos?
Non. O único que se nos trasladou foi: «Aquí está a nosa proposta» ou a tomades ou a deixades. E iso non é negociar, iso é impoñer e chantaxear.
Quixéronnos equiparar co Partido Popular, cando o Partido Popular desenvolveu unha política de bloqueo, mentres nós estivemos desde a oposición nunha posición de diálogo.
Como valora o BNG os problemas económicos do Concello que derivaron nun plan de axuste imposto polo estado?
Primeiro recibimos información directamente do equipo de goberno de que había un problema informático grave que había que afrontar e que iso ía supoñer un axuste económico. Non é que non houbese fondos, senón que eses fondos había que xestionalos doutra maneira.
Nós tamén nos asesoramos con xente da organización do Bloque Nacionalista Galego, e con técnicos do Concello que estaban traballando nese asunto. Acreditamos que houbo un problema informático importante, que había solución e que, cos votos do BNG, se levou a cabo, que foi ese famoso plan de axuste.
Nese momento votastes a favor?
O que máis nos interesaba era o pago aos provedores de Redondela, e iso conseguiuse votando a favor.
Como valoras a actualización da taxa do lixo?
É un tema sempre complexo. Entendemos que unha actualización do lixo despois de vinte anos era necesaria.
Un dos acordos que conseguimos naquela negociación foi ir cara a unha municipalización da recollida do lixo. Esa é unha proposta que claramente imos presentar nesta campaña electoral.
Tamén conseguimos que a veciñanza das parroquias seguise pagando a metade respecto dos núcleos urbanos porque a recollida é días alternos.
O PP non conseguiu nada ao respecto coa súa demanda, é un partido inútil, mentres que o BNG é útil para o ben común da veciñanza.
Como valoras a acción do goberno municipal en Chapela?
Chapela ten unha dimensión de parroquia diferente á do resto das parroquias do concello. Ten unha orografía moi complexa e ten esa situación de estar pegada a Vigo. Polo tanto, ten un pulso particular.
Eu creo que hai moitas promesas, pero moi poucas concrecións. E non é só cuestión de infraestruturas que se poidan desenvolver, como ese edificio multifuncional pendente onde estaba o antigo colexio, ou zonas que se deben humanizar. Trátase de conseguir que Chapela sexa unha parroquia cómoda para vivir.
Nós temos un discurso distinto ao que propoñen PSOE e PP. Por exemplo, nós entendemos que hai que reducir o tráfico que pasa pola Avda. Redondela, eliminando a peaxe de Rande e canalizando o tráfico.
En Chapela queda moito traballo por facer que non fixeron nin o PP nin o PSOE .Se a veciñanza nos distingue coa súa confianza estaremos encantados de facelo nós.
Cremos que hai que reducir ou canalizar o tráfico de vehículos. Estamos a falar de 10.000 vehículos diarios que pasan pola parroquia, polos dous viarios, arriba e abaixo, e deberíase reducir nun 50 por cento.
Pero tamén hai que buscar a conectividade peonil entre a parte de arriba e a de abaixo.
E non só en Chapela, en todas as parroquias. Os consellos parroquiais e os orzamentos participativos non son suficientes. Hai que humanizar tamén as parroquias, desenvolver un plan de tráfico que permita circular con seguridade e que os veciños e veciñas poidan utilizar os camiños con seguridade.
Tamén hai que traballar para que haxa conectividade mediante transporte público entre as parroquias e os núcleos de Redondela e Chapela. E logo hai que impulsar as asociacións e colectivos que fan un traballo parroquial fundamental, desde o eido cultural e deportivo ata o veciñal. Asemade é moi importante o tema das traídas de augas, que necesitan máis apoio económico, e non deixar atrás cuestións básicas como o saneamento.
En concreto como valoras a actuación de AER no goberno?
Pouco máis ca expectativas. Ningunha novidade alén das vellas políticas de alumeado e roce de camiños e ningún avance no tan necesario saneamento.
O BNG está en contra do Museo Ángel Barros?
Para nada. Radicalmente falso. En tres ocasións votamos a favor de converter as antigas vivendas escolares nun espazo multicultural.
O que non estabamos de acordo era en que se puidesen converter nese momento no Museo Ángel Barros,.
Nós entendemos que en Vila Elisa se podería albergar o propio Museo Ángel Barros. E ademais xa tiñamos falado de que Redondela necesitaba unha biblioteca central, que podería ir no edificio das antigas vivendas escolares.
Polo tanto, a nosa proposta é clara: Vila Elisa para o Museo Ángel Barros e as antigas vivendas escolares para a biblioteca.
E hai outra cuestión importante: durante tres anos o equipo de goberno tivo paralizado o proxecto. Non poden ir agora defender algo que pararon durante tres anos.
Nos estamos absolutamente de acordo en darlle un museo a Ángel Barros. Iso ten que quedar clarísimo.
En materia de vivenda cales serían os aspectos clave que pretendedes desenvolver?
A falla de vivendas a prezos razoábeis en Redondela estana a sufrir centos dos nosos veciños e veciñas. O descontrol do Camiño Portugués elimina moita vivenda do mercado de aluguer.
Cómpre recordar que hai dous anos, desenvolveuse con grande éxito unha iniciativa popular de dotación de prezos asequíbeis dende o goberno municipal, coa recollida de máis de 3.000 sinaturas. Levouse unha moción a Pleno apoiada por unanimidade. Ao pouco PP, PSOE e AER “traizoaron” esa vontade, ese acordo ao votar en contra de que o concello exercera o dereito de retracto para facerse cunha edificación que podería, como mínimo, poñer no mercado ata 25 vivendas. O BNG, quedouse só defendendo esta opción.
Debemos deixar claro que o concello carece de competenzas en materia de vivenda, que lle corresponden á Xunta de Galiza.
De todos xeitos consideramos factíbel poñer en marcha unha Oficina Municipal da Vivenda. A principal finalidade deste recurso residiría en desenvolver políticas que se centren en facilitar o acceso da xente moza, das novas familias, de sectores máis desprotexidos a unha vivenda digna.
Que opinas da proposta do PP de facer un gran espazo deportivo nas antigas vivendas escolares?
É claramente, unha cortina de fume de Javier Bas. É unha proposta que se quere presentar como unha novidade ante a cidadanía cun megaproxecto. O Partido Popular quedou fóra de xogo no debate dos espazos multiculturais, quedou fóra de Vila Elisa e quedou fóra do Museo Ángel Barros. Entón preséntase con este megaproxecto, que é unha cortina de fume.
Cal é a túa opinión ao respecto da Avda. Mendiño?
Nesta rúa hai que facer unha reforma integral en toda a Avenida, non só nunha parte como é a proposta do PSOE. Hai que humanizala para uso veciñal e permitir que os veciños de Catapeixe se beneficien destas obras e mesmo introducir un carril bici.
Levamos ao Parlamento Galego esta iniciativa e o PSOE apoiouna daquela neste organismo.
O campo de Fútbol de Cesantes é unha pataqueira. O PSOE bótalle a culpa ao PP porque foron eles os que fixeron o proxecto. O PP bótalle a culpa ao PSOE porque foron os que o executaron. Ti que opinas?
Este proxecto comezou mal. Houbo presa para rematar as obras e non houbo un bo seguimento das mesmas. Non se quere asumir responsabilidades por querer rematar pronto e inaugurar ás présas. Agora hai que volver investir uns 400.000€ nunha obra que non ten nin dez anos.
Os proxectos importantes hai que buscar os apoios necesarios para sacalos adiante, desenvolvelos con proxección e ser rigorosos na execución.
Como sería Xoan Carlos González na alcaldía de Redondela?
Pois sería un traballador incansable que estea permanentemente dialogando con todos os interlocutores políticos e sociais, e que non se levantaría nunca da mesa ata acadar os máximos consensos posibles. Nun goberno en minoría o fundamental é o diálogo, e máis diálogo. Non hai outra. Haberá determinadas cuestións que se atasquen, iso é irremediable, pero entendemos que unha porcentaxe moi elevada das cuestións se poden sacar adiante se hai diálogo e vontade para chegar a acordos.
Pouco antes das eleccións do 23 dixéchesme que non ías descansar ata que o nacionalismo gobernara en Redondela. Segues pensado o mesmo?
Si. Rotundamente si. Eu teño a convicción absoluta de que o mellor que lle pode pasar ao meu pobo é un goberno do BNG. E xunto cos meus compañeiros e compañeiras traballarei sen descanso ata podermos chegar aos corazóns da maioría social da nosa veciñanza.

Dirección A Nova Peneira

