Só hai unha maneira posible de transformar a realidade: mudar conciencias. Cando a conciencia colectiva dunha parte significativa da sociedade civil toma partido pola xustiza e a decencia, os cambios a mellor son imparables. Pola contra cando as mensaxes recibidas de lixo fascista, machista, racista, negacionista do cambio climático, homófobo… gañan terreo nos corazóns de segmentos importantes da poboación, como está a pasar no actual contexto, a situación é perigosa. Fariamos ben en comprender que é perigosa non só para os colectivos máis vulnerables senón para a sociedade en xeral. Os colectivos máis vulnerables son sempre os primeiros en sufrir as gadoupas da reacción, pero finalmente nos acaba tocando a todos. Que ninguén crea que pode zafar por mirar a outro lado.
Mariscar conciencias é un proxecto fermoso, ecléctico e multidisciplinar que trata de achegar á sociedade a situación crítica na que se atopa o sector do marisqueo a través da arte en xeral e do baile en particular. O proxecto recibe o apoio do Concello de Redondela e forman parte del a Universidade de Vigo e distintos colectivos da nosa vila. E vai precisamente diso, de imaxinar, para despois realizar, un futuro mellor para o sector, e para o medio ambiente, a través da transformación de conciencias. Unha idea tan fermosa tiña que ter un lugar preferente nas nosas páxinas e nós non puidemos deixar de falar coas súas protagonistas
Paula,Eva,Alejandra,Ana,Sochi,Ana, Gloria,Ánxela
“ A través da arte pretendemos visualizar un futuro sostible para o sector”
Como nace Mariscar Conciencias?
Nace dunha necesidade que tiñan as mariscadoras de ter unha maior conexión co mundo científico para comprender as razóns que provocan cambios substanciais na súa realidade. Entre outras cousas o cambio climático provoca a morte do marisco e se se quere mellorar as cousas hai que comezar por comprender os motivos que as provocan.
Xa houbera un contacto anterior coa Universidade, verdade?
Si, e houbera moi bo entendemento. E houbo gañas recíprocas de seguir colaborando, xa que logo este proxecto ve a luz coa intención de dar resposta a esa necesidade.
Os retos son moi complicados?
Si, si que o son. É necesario construírmos un futuro, pero o futuro ten que ser sostible, no caso contrario non vai poder ser. Nós queremos visualizar ese futuro sostible e tamén incluír unha visión artística.
No voso proxecto a danza ten un papel moi relevante. Xa me explicaredes como se une a o marisqueo, a arte, a danza e a conciencia social?
Cada ser humano ten unha vivencia propia e unha perspectiva única na vida. E os seres humanos, diversos, acaban uníndose en proxectos colectivos comúns. O reto, é atopar unha linguaxe común. Ese é tamén o noso desafío.
Canto vai durar este proxecto?
Está pensado para durar ata outubro de 2026, pero podemos estiralo ata decembro. Quixeramos agradecer especialmente o apoio do Concello de Redondela. Nós trataremos de artellalo proxecto en 3 fases: pasado, presente e futuro.
O pasado?
Para recuperar aprendizaxes. Especialmente sobre como se superaron os momentos complicados que tivo o marisqueo en épocas anteriores.
O presente?
Para dar a coñecer a situación actual do marisqueo a través dos ollos da arte.
E o futuro?
A ver se somos capaces de velo máis alá do catastrófico.
A que tipo de público está enfocado o proxecto?
A idea é chegar á veciñanza en xeral: Escolares, xentes do mar, o mundo do cooperativismo, o universo da arte…
Por que o nome?
Ven dun proxecto anterior ao que queríamos valorar pola súa importancia e o que significou.
Que expectativas de resultados tendes?
Se logramos tecer unha rede entre xente diferente e somos capaces de ver futuro máis alá do pesimismo e da precariedade, o proxecto tería éxito sen ningún tipo de dúbida. A honestidade colectiva está moi ben traballada, xa que logo todo debe de ir moi ben.
Como antes mencionei,neste proxecto vai ter un papel moi importante a danza. En que vai consistir?
Imos tratar de converter a frialdade dos datos científicos en sensibilidade e emocións xurdidas da expresión corporal.
A expresión corporal non deixa de ser unha forma de linguaxe, creo eu?
Efectivamente Marcos. As emocións e os sentimentos pódense expresar de múltiples maneiras, todas válidas. Unha delas, e unha das máis fermosas é a expresión corporal.
Imaxino que esa danza imos poder vela en Redondela?
Si, claro. Esa é a nosa idea.
Que papel desempeña a Universidade de Vigo neste proxecto?
Dentro da Universidade estamos traballando nun grupo que se centra nos aspectos sociais das investigacións. Ese sería o contexto no que se insire “ Mariscar Conciencias”.Desde a Universidade trataremos de utilizar a metodoloxía das ciencias sociais aplicándoa a unha realidade na que a sensibilidade e a preocupación social e ambiental son as protagonistas.
Concrétame un pouco en que consistiría esa aplicación da ciencia ao terreo do sensible?
Pois por exemplo en imaxinarnos distintas hipóteses de escenarios futuros posibles. O último é o futuro utópico. Imaxinalo axuda moito a que algún día o poidamos levar ao mundo real.
Ben, eso; primeiro a idea e logo a realidade é case neoplatonismo, non?
Non sei se é neoplatonismo, pero o que si é incuestionable é que entre a filosofía e a ciencia hai unha relación íntima e importante.
Outro colectivo que vai ter un papel importante é Martumar?
Si, esta é unha asociación de mariscadoras que carece de ánimo de lucro. As persoas da asociación amosan o traballo do mar ás bailarinas para que poidan crear as súas danzas en base ao noso traballo. A asociación ten por obxecto ensinar o traballo das mariscadoras e dos mariñeiros e para iso artella diversos roteiros con persoas adultas e con nenos, especialmente cos nenos.
O presente do marisco é crítico?
Si, os bivalvos está desaparecendo. Normalmente despois de que lles amosamos todo o proceso do marisqueo as persoas comprenden mellor as razóns do prezo que ten o marisco.
E como non pode ser doutra maneira acabamos por preguntar que vai achegar Arte Lixo a Mariscar Conciencias?
Nós somos un festival que nacemos para amosar a problemática da degradación do medio ambiente. Desde a nos perspectiva trataremos de mostrar como o deterioro do medio inflúe decisivamente na situación critica que atravesa o marisco.
