Cesantes é unha parroquia cunha identidade propia moi marcada e unha personalidade definida. A individualidade e independencia orgánica do seu equipo é o primeiro que reivindica con orgullo Isaac Otero, o presidente do Cesantes. Isaac é un rapaz novo, aínda non ten 35 anos, pero que xa leva unha ducia de temporadas vencellado a este club que xa é a súa casa. Amósase tamén orgulloso do traballo que están a realizar co fútbol base, pois nos últimos anos multiplicaron o número de equipos, e indica tamén que é consciente da elevada importancia que ten a canteira para dotar de solidez ao club. Porén o Cesantes ten un problema moi serio: O seu campo de fútbol está nun estado lamentable. Foi construído hai poucos anos, pero amosa graves eivas estruturais que provocan profundos sucos no terreo converténdoo en impracticable .E o que é máis grave: somete aos xogadores a unha situación de elevado risco de que se poidan lesionar. O presidente do Cesantes clama aos catro ventos para que dunha vez por todas se poña remedio a esta intolerable situación. Nós sumamos a nosa voz á do Cesantes, e demandamos ás administracións competentes que actúen de inmediato para evitar que unha parroquia como Cesantes teña que pasar a vergonza de que o seu equipo de fútbol teña un terreo de xogo terceiromundista.
Isaac Otero, presidente
“É imprescindible buscar unha solución para arranxar o mal estado do noso terreo de xogo”
Queremos coñecerte mellor
Teño 33 anos e levo ligado ao Cesantes desde o 2013.E na miña traxectoria como xogador pasei por moitos equipos da nosa comarca. Estiven en Casa Paco, no Choco, no Arcade..e houbo un momento na vida en que por necesidade tiven que me pór a traballar e comecei cun grupo de amigos a xogar no Cesantes
Moita xente que xoga no Cesantes, ven do Choco, verdade?
Si, é verdade. Pero nós temos a nosa propia identidade e unha personalidade moi marcada.
Cantos equipos tendes?
Temos 9 equipos, un deles é feminino. Desde o 2021 estamos medrando moito no que se refire ás categorías de base. Penso que facemos un bo traballo nese eido, e eu estou moi orgulloso. Un equipo que teña unha canteira sólida e solvente ten o seu futuro asegurado.
Canto tempo ten o equipo feminino?
Este é o seu segundo ano de vida.
Como vai?
Está en proceso de consolidación. O importante é lograr consolidalo. Na nosa comarca houbo varios intentos de construír equipos femininos que non foron adiante. E agora mesmo só estamos nós e o Chapela. Nós queremos seguir estando moito tempo, polo tanto trataremos de dotalo de bases sólidas.
O equipo sénior si que vai moi ben..
Pois si, imos de marabilla. Xa o ano pasado tiñamos que ter ascendido pero tivemos moi mala sorte. Este ano teño a convicción de que si ascenderemos. Iso si, con moita cautela e con moito respecto aos adversarios pois aínda nos quedan bastantes partidos complicados que xogar.
Asemade temos unha figura na categoría…
O noso dianteiro David si. Leva 22 goles en 11 partidos, e nós estamos moi orgullosos del, desde logo…El estase saíndo. Pero o equipo no seu conxunto é marabilloso, a súa unión é sobresaínte, son como unha familia. E o adestrador tamén está a facer un traballo excelente.
Cantas fichas tendes ?
Pasamos ben das 100
Entre os pequenos de todo e os veteranos debe de haber unha enorme marxe de idade?
Ha, ha, ha. Pois si, si que a hai..O máis pequeno dos pequenos ten dous anos, e o máis veterano dos veteranos pasa dos 50
E socios cantos tendes ?
Máis de 200
Como levades a situación económica?
Como todos os equipos modestos con moito esforzo. A verdade está todo carísimo e resulta moi complicado. Ao final entre os socios, os patrocinadores e a cantina imos zafando,pero con moito traballo.
Se como parece acabades ascendendo poderedes asumilo economicamente?
Si, si que poderemos. O salto de categoría implica un maior esforzo económico pero a diferenza é asumible.
Cal é o voso uniforme?
Camiseta branca e pantalón azul. Todas as nosas equipaxes teñen as ondas do mar para simbolizar a profunda vinculación que a parroquia de Cesantes ten co mar.
Que tal está o estado do campo?
O campo está mal. Non é cuestión de botar a culpa a ninguén pero a verdade é que o seu estado é moi malo e os seus problemas son estruturais. O campo está mal feito. No canto de facer un asfaltado, logo illante e finalmente pór o céspede, como ten o campo do Choco, fixérono de grixo, eu supoño que por ser máis barato..Pero claro, os problemas veñen agora e cando hai un certo volume de auga o terreo levanta, vaise abrindo e fai sucos enormes nos que incluso che colle o pé e nos que se acumulan bolsas de auga. Tamén nos vestiarios hai problemas, temos 4, dous con duchas e dous sen duchas. E non temos vestiarios para as nenas que se teñen que ir mudar aos vestiarios dos árbitros.
Hai problemas de drenaxe?
No medio non. Nos laterais si. Este é unha eiva moi grave para nós que nos impide crecer. Xa fixemos de todo. Viñeron aquí catro empresas a ver cal era o problema. Xa falamos co Concello..e o que parece claro é que o motivo do mal estado ven de que o campo está mal construído. Pero a garantía remata en agosto do ano que ven e de momento aquí ninguén fixo nada.
O mantemento?
Nunca se fixo, o que converte o terreo en practicamente impracticable. Somos nós os que facemos o que podemos, como pintar. Se se quere pór solución de verdade non queda outra que levantar o campo, facer un estudo rigoroso de como está e buscar a solución máis adecuada. Porque unha solución hai que buscar. É imprescindible buscar unha solución ao mal estado do noso terreo de xogo. Esta situación impide o noso crecemento como club e queima a todo o mundo, incluídos aos pais dos rapaces.
A min paréceme moi ben que se preocupen dos campos do Choco e do Chapela, claro que si. Pero Cesantes tamén é Redondela e queremos unhas instalacións dignas.
Cales son os vosos principais rivais deportivos esta temporada?
Hai bos equipos. O Bahía aínda que vai abaixo é un equipo forte. E o Cruceiro o Poio e o Marín son tamén conxuntos moi complicados. A cousa deportivamente pinta moi ben, pero en absoluto podemos baixar os brazos nin perder a actitude. No fútbol subir costa moito, pero baixar báixase moi rápido.
Temos equipo para competir en segunda autonómica co dignidade?
Si, teño absoluta confianza en que a calidade do noso equipo daría para competir ben na categoría superior.
