Marcos Santos
Desde a temporada 2.018 -2.019 un grupo de seareiros asolaga os currunchos do campo de Santa Mariña de ledicia, emoción e paixón para animar aos xogadores do choco nos seus partidos. Desde o mes de febreiro deste ano están constituídos oficialmente como a primeira cuadrilla de seareiros da historia do choco. Nós falamos con Hugo Pazos e Xaime Villaverde o presidente e o vicepresidente da cuadrilla. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“ Os Chokoslovakos viñemos para quedarnos”
Malia termos unha historia moi importante nunca se oficializara unha cuadrilla de seareiros do choco. Como xorde a idea?
Ben, foi cando estabamos xogando as eliminatorias de ascenso de preferente a terceira. Como sabes non dabamos subido, e un día tomando unhas cervexas falamos de que cando acadarmos o ascenso fariamos unha cuadrilla
Podemos dicir entón que a primeira cuadrilla oficial do choco, sae dun bar?
Pois si, podes dicilo porque é así. Foi naqueles pasados tempos felices nos que se podían tomar cañas de noite nos bares
En que situación deportiva se encontra agora mesmo o equipo?
Na disputa dunha fase de ascenso que de conseguir subir levaríao á 2º categoría da federación española. O obxectivo da temporada, a permanencia, xa está conseguido. Agora todo o que poida vir a maiores benvido sexa. Se puideramos quedar entre os dous primeiros e pelexar ata o final polo ascenso, e nós viaxar a ver as eliminatorias, sería marabilloso
No actual contexto sanitario a posibilidade de asistir aos partidos de fóra limitouse moito , non?
Si, agora ir ao fútbol , como a calquera outro espectáculo, está moi complicado. É normal que ante as limitacións se lle dea prioridade aos afeccionados de casa. O fútbol cambiou moitísimo desde que a pandemia sanitaria é a nosa compañeira vital
No último partido da fase regular, contra o Pontellas, a falta de 10 mnt estabamos fóra das eliminatorias de ascenso, ata que chegou o gol salvador..
Si, o gol de Alberto Suárez. Supuxo unha explosión de ledicia equiparable en intensidade ás ondas xigantes dun maremoto. Eu creo que nese partido perdín tres anos de vida
E comezamos as eliminatorias gañando en Abegondo ?
Un resultado histórico abofé. Despois de nove temporadas en terceira gañamos na casa do Depor B, por vez primeira
Algún xogador ao que admiredes especialmente?
A todo o equipo
Ai non, iso non vale. En A Nova Peneira non admitimos a ambigüidade. Hai que mollarse¡¡¡
Ha ha ha ha. Pois ben, se cadra polo tempo que levan e polo que significan imos destacar a Comis e a Cortegoso
Ben, eu creo que Comis é un pouco chokoslovako?
Ha ha ha ha. É certo que os goles que marca soe celebralos con nós
E a Cortegoso fostes miralo cando xogou coa selección galega?
E tanto que si. Galicia 2-Castilla La Mancha 0
O que máis me gusta da vosa cuadrilla é que vós declarades “antifascistas”
Por suposto. Somos un grupo plural, con sensibilidades diversas, pero de esquerdas e que está radicalmente en contra do racismo , da xenofobia, da intolerancia e de todo o malo que significa a ultra dereita
E que lle diriades aos que din de non mesturar o fútbol coa política?
O fútbol é parte da vida e todo na vida é política. Os que din iso curiosamente son todos de dereitas
Algo que tamén me gusta moito é que sempre acabades facendo moi boas migas cos grupos de seareiros dos equipos rivais?
Hai que tratar ben a todo o mundo e respectar os sentimentos dos demais. É a única maneira de vivir de maneira civilizada. Cómpre dicir que cando nós fomos a Cangas ou á Estrada tratáronnos xenial nos dous sitios
Que sentides cando das ringleiras do Choco saen xogadores como Pablo Couñago ou Iago Bouzón que chegan á elite do fútbol?
Un orgullo inmenso desde logo
Creo que contra as arbitraxes protestades moito?
Ha ha ha ha. Supoño que como todas as afeccións do mundo. De feito a nós non nos gusta cando alguén é moi agresivo cos árbitros e cae no insulto. Hai que respectalos pois eles tamén están traballando e poden equivocarse
Explicádenos o voso canto de que “Santa Mariña non é un cine”?
Refírese ao universal que é o sentimento choqueiro para calquera redondelán
Que é o sentimento choqueiro?
Iso mámase desde neno, desde que os noso pais nos levaban ao campo de terra. O Sentimento choqueiro está indisolublemente unido a Redondela. Son os viadutos, e a Picota, e a praia , e as feiras do 6 e o 21, e a festa da Coca, e a festa do Choco, e o entroido de verán, e o carballo das cen pólas, e a illa de San Simón, e o arte lixo, e milleiros de emocións máis que non caberían nin en todas as páxinas do xornal. E porqué non dicilo, o sentimento choqueiro tamén é Lareira coa Peneira, ao lombo, desde o Salgueiral ata Santa Mariña
Ha ha ha ha .Moitas grazas, quedamos logo emprazados para facer a seguinte cando consigamos o ascenso a segunda?
Aceptamos encantados o reto, claro que si. Dicir tamén que nós somos un colectivo aberto a calquera seareiro ou seareira que queira participar con nós e desde logo que será moi ben recibido.
Págase cota?
Non, é de balde
Os chokoslovakos viñeron para quedarse?
Si claro esa é a nosa intención