Ás veces despois da escuridade, a luz volve alumear a vida.
O pasado 25 de maio a tapería Victoria de Ponte Caldelas sufría un terrible incendio fortuíto que a mantivo 3 meses pechada. Afortunadamente o suceso acaeceu cando o negocio estaba pechado, e a rápida intervención do alcalde e operarios municipais coa motobomba do Concello evitou que a cousa pasara a maiores e que houbese danos persoais. Despois de 3 meses pechada e de moitos problemas e inconvenientes de todo tipo, Victoria por fin conseguiu reabrir o local e volver traballar. Nós conversamos con ela.
Victoria González.
“ Estou moi agradecida á sociedade de Ponte Caldelas polo seu cariño e empatía”
Canto tempo leva o negocio aberto?
Oito anos, abrín no 2018.
Unha persoa do teu perfil estou por apostar que se lembra do día exacto, non?
Non te equivocas, non. Foi o 27 de novembro ás 19:00h.
Miña nai vaia memoria
Na miña forma de entender a vida as cuestións que deixan pegada na alma non se esquecen nunca. Poden pasar meses ou incluso anos, pero a emoción permanece e non se esvaece.
Cal é a túa valoración deses oito anos?
Enormemente positiva.
Cóntanos como foi o incidente que obrigou a manter o local pechado varios meses?
Foi un incendio que sufrimos o 25 de maio. Antes da hora de apertura, arredor das 10:45, chamoume un cliente que desde a porta viu lume na cociña. Baixei, e xa había varías persoas na entrada. Tratei de entrar na cociña, pero xa era imposible. Entón chamei aos bombeiros
Desde onde viñeron, e canto tardaron?
Viñeron de Cangas, que é onde nos corresponde a nós, e tardaron 40 minutos.
Pero iso é unha inmensidade de tempo
Puido ser unha catástrofe terrible, si. Puido pasar o peor, non só para o meu local senón para o edificio enteiro. Non mo quero nin imaxinar. O que nos salvou é que vin ao alcalde saíndo da cultural, e lle pedín que trouxeran a motobomba do Concello. Fixérono así. Chegaron en minutos, e afortunadamente puideron apagar o lume.
Cando chegaron os bombeiros que fixeron?
Refrescar a zona e extraer o fume.
Sabemos a causa do incendio?
O incendio foi por mor dun fallo eléctrico que afectou ás frixideiras.
Cales foron as principais consecuencias do incendio?
Na cociña quedou todo inservible. O lume foi de tal intensidade que unha das neveiras se chegou a desintegrar. Caeron todos os azulexos, e tamén o pladur do teito.
Cando comezaron as obras para reparar o local?
Ben, pois lamentablemente foi todo unha odisea. Nun principio a persoa responsable do seguro que eu tiña contratado díxome que estivera tranquila que o eles ían cubrir case todo. Díxome que me despreocupara, que eles se encargaban de todo.
E foi así?
A compañía tardou dous meses en mandar obreiros. Creo que apareceron o 24 de xullo. Foron dous meses terribles, Tino. Eu chamaba constantemente, e sempre me daban largas. Parecía o famoso “ Vuelva usted mañana” que ao final non significa nada.
A situación debeu ocasionarte prexuízos notables?
E tanto que si. Prexuízos emocionais e económicos. Estes últimos moi serios. Porque claro, os recibos pasan igual e as facturas hai que pagalas. O alugueiro, as nóminas, os seguros sociais, os impostos trimestrais, os gastos da vida diaria hai que afrontalos ….e eu pechada sen poder traballar. Eu son unha persoa moi forte mentalmente, pero aínda así foi realmente duro
Por moi forte que sexas, unha situación así ten que tocar moi duro e moi profundo?
Chorei moi forte os primeiros días, si. Pero tiven claro que ou me afundía ou pelexaba para levantarme. E eu non son das que se afunden. Pronto me levantei, e comecei a pelexar.
O seguro non che cubre unha indemnización por peche total?
Supostamente si. Pero a día de hoxe, 14 de setembro, máis de 100 días despois do incendio, cobrei 0€.
É dicir, o único que fixo o seguro ata esa data é facerse cargo das obras da reparación?
Si, pero tampouco foi todo fácil. Así por exemplo o que me deron para as máquinas frixideiras non cobre o seu valor total. Agora teño o básico para traballar, pero aínda me faltan algunhas cousas. E en relación ao seguro aínda estou con leas varias. É que resulta un tanto indignante, pero se cando toca pagar a prima do seguro non a pagas, automaticamente quedas sen cobertura. Pero cando lles toca responder a eles, parece que hai que andar perseguíndoos.
Cando abriches?
O 27 de agosto.
Como foron estes días?
Foron bastante bos. O certo é que arrincamos en plenas festas, e neses días sempre se traballa ben. En calquera caso non foron tan boas como en anteriores edicións.
Sentícheste apoiada pola sociedade de Ponte Caldelas?
Si, absolutamente si. Sentín o respaldo da miña clientela habitual, e xente que antes non viña moito agora faino con bastante máis frecuencia. Asemade teño que dicir que en liñas xerais a xente está sendo moi cariñosa e empática comigo. Eu estou moi agradecida, e moi orgullosa de ser veciña deste pobo.
Os ánimos están ben Vitoria?
Eu levo toda a miña vida loitando e nunca o vou deixar de facer. A vida pode chegar a ser preciosa, pero nalgúns momentos pode ser tan dura que se non loitas vas perder as súas partes máis bonitas.

Dirección A Nova Peneira

